¡Extra, extra!
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado para que o alumnado de 2.º de ESO recoñeza as propiedades dos textos non literarios do ámbito social, así como para que afonde no xénero lírico. A partir da identificación da unidade texto e das súas propiedades, revisaranse os diferentes modos de elocución nos medios de comunicación de masas, con especial atención ó emprego dos signos de puntuación e dos usos discriminatorios da linguaxe. A inmersión poética realizarase a través da análise formal de textos dados, así como da elaboración de composicións propias que, en último termo, inspirarán a achega á linguaxe publicitaria. O acceso a Internet como fonte de información e coñecemento levará a formular as pautas para contrastar información.
Nesta situación de aprendizaxe, o alumnado deberá realizar un xornal ou revista dixital do centro a final de curso, emulando as publicacións diarias. O punto de partida deste REA sitúase en dúas conmemoracións relevantes para a nosa materia; o Día Mundial da Poesía (21 de marzo) e o Día do Libro (23 de abril). Para a resolución do reto, dividido en equipos de traballo, o alumnado deberá poñer o seu dominio dos diferentes tipos de textos ó servizo da actualidade do centro educativo e da propia contorna. Asemade, experimentará coa creación literaria de textos poéticos e anuncios publicitarios. En todas as creacións textuais, o uso responsable da Internet como fonte de información, o emprego da linguaxe inclusiva e a correcta aplicación dos signos de puntuación, tipografía, estilo e deseño da disposición dos contidos serán fundamentais.
Así pois, os obxectivos que se perseguen con este REA son os seguintes:
- Ler, comprender e identificar os trazos característicos de textos orais e escritos pertencentes ós diferentes xéneros discursivos.
- Interpretar xéneros discursivos do eido social.
- Producir textos propios das redes sociais e os medios de comunicación.
- Buscar información sobre diversos temas da vida cotiá, utilizando ferramentas dixitais.
- Detectar información falsa e non contrastada nos medios de comunicación.
- Iniciarse no uso de recursos dixitais para xestionar a información.
- Aplicar correctamente as normas de uso dos signos de puntuación e das normas ortográficas.
- Ler e interpretar textos poéticos previamente seleccionados.
- Valorar as lecturas poéticas propostas.
- Crear textos poéticos orixinais.