Saltar navegación

3. Guía de uso

Urgente: Misión libertad

Co presente REA, "Urgente: Misión libertad" o profesorado terá á súa disposición unha proposta didáctica diferente coa que traballar o xénero teatral, o diálogo e os elementos da comunicación, ao mesmo tempo que sensibilizará ao alumnado sobre a problemática social da discriminación, os prexuízos e a falta de liberdade. Precisamente, ese será un dos fíos condutores do recurso: as personaxes e as figuras reais das obras e textos seleccionados (desde Federico García Lorca e as Sinsombrero ata o mozo Aaron Lee, a protagonista migrante de Ceniza en la boca ou o testemuño da comunidade xitana) sufrirán ese illamento ou rexeitamento social por diferentes razóns, o que promoverá a reflexión e a concienciación. Por outra banda, seguindo a liña pedagóxica do proxecto, os estudantes terán que dar resposta a esa problemática da súa contorna. A consecución do reto proposto neste recurso suporá deseñar e presentar unha campaña publicitaria real para defender os Dereitos Humanos, unindo deste xeito expresión literaria, comunicación e activismo social.

A exposición dos contidos referidos á creación literaria de textos dialogados e á comunicación preséntase neste REA empregando a alegoría dunha axencia de publicidade. Este é o segundo fío condutor, pois o alumnado convértese nun equipo de publicistas cuxo "cliente" principal é a liberdade. Móstrase así a teoría dun xeito máis lúdico e motivador para o alumnado, empregando unha linguaxe persuasiva e conectándoa cos medios actuais (carteis, redes sociais, pódcasts, vídeos...).

O recurso está estruturado en diferentes bloques elaborados segundo o DUA que dispón de diferentes formatos de información (textos, vídeos e audios) e niveis de execución de actividades (con opcións moi diversas para presentar o produto final), tentando chegar ao maior número de realidades individuais e talentos do alumnado. Ademais, ao tratarse dun recurso educativo aberto, existe a posibilidade de modificalo e adaptalo á singularidade de cada aula.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)