Urgente: Misión libertad
Este REA, titulado “Urgente: Misión libertad”, céntrase no desexo de liberdade como fío condutor, tomando como referencia unha das etapas máis prolíferas e convulsas das primeiras décadas do século XX. A proposta estrutúrase arredor dos autores da xeración do 27 e das autoras coñecidas como as Sinsombrero. O seu entusiasmo evidenciaba a vontade de difundir a cultura, a literatura e o progreso vinculados a un ideal de transformación social e emancipación intelectual.
A través da lectura guiada e da análise de fragmentos das súas obras, poñerase o foco no seu compromiso coa defensa dunha sociedade máis xusta, aberta e crítica. Este percorrido non se limita ao contexto histórico, senón que pretende establecer pontes co presente, conectando ese anhelo de liberdade con creacións actuais e distintas manifestacións culturais en diferentes soportes.
Neste marco, o texto dialogado e o xénero teatral preséntanse como ferramentas ao servizo desa aspiración. O impulso creativo desta xeración interprétase como unha fonte de inspiración e unha expresión do desexo de cambio e modernidade. Ao mesmo tempo, búscase que o alumnado recoñeza as limitacións do pasado e desenvolva unha conciencia crítica para afrontar as inxustizas e desigualdades da sociedade actual, aínda afastada dun contexto plenamente igualitario.
Deste xeito, o REA promove unha reflexión sobre a liberdade como motor da creación e como valor esencial, así como sobre a importancia de preservar a memoria dun movemento que loitou por construír un futuro máis libre e consciente.
Como produto final, proponse que o alumnado se converta nunha axencia publicitaria, na que a liberdade sexa o “cliente” protagonista. A partir dos coñecementos adquiridos ao longo da proposta e organizados en pequenos grupos de traballo, deberán deseñar e desenvolver unha campaña publicitaria propia que reivindique a liberdade no seu sentido máis amplo. Esta campaña será difundida na comunidade educativa, co obxectivo de favorecer unha aprendizaxe significativa, conectada coa realidade e orientada á acción.
Os obxectivos deste REA son:
- Identificar os elementos que interveñen no diálogo.
- Ler e comprender fragmentos teatrais da literatura universal.
- Coñecer diferentes manifestacións literarias e artísticas e establecer vínculos entre elas.
- Intervir en actividades culturais relacionadas coa contorna.
- Crear fragmentos teatrais vencellados a unha campaña publicitaria.