¿Mi ciudad? Aquí te guío
Este Recurso Educativo Aberto (REA) ten como finalidade primeira seguir afondando nunha das destrezas nas que presenta máis carencias o noso alumnado: a comprensión e a expresión oral e escrita e a selección de información. Entendemos que, especialmente, en niveis de 1.º e 2.º da ESO é imprescindible dedicar horas lectivas á adquisición desta competencia e á superación de dificultades xeneralizadas que afectan gravemente de forma transversal a todas as materias. E este traballo ademais, debemos facelo en aula. Este reto conta con 12 sesións.
O currículo de 2.º da ESO ofrécenos a oportunidade de abordar a comunicación centrándonos nos textos expositivos en ámbitos cotiáns, para despois en 3.º da ESO ampliar cualitativa e cuantitativamente esta tipoloxía. Isto supón un espazo comunicativo suficientemente amplo como para abordar múltiples exemplos de secuencias expositivas. A nosa proposta concreta para esta modalidade textual é baixo o paraugas dunha guía turística, porque entendemos que é un formato suficientemente amplo e versátil como para acoller actividades multiniveladas e multimodais.
A estrutura do REA está organizada en diferentes bloques que seguen unha secuencia didáctica clara sobre a que queremos sinalar algunha pauta:
- Fase 1 (Presentación do reto e a motivación). A proposta da elaboración dunha guía turística para o alumnado visitante ou que chega de fóra supón unha oportunidade para reflexionar e debater sobre conceptos como hospitalidade, patrimonio, globalización, turismo, xenofobia a partir dos fragmentos incorporados nos idevices do REA. Así que nesta fase, ademais da aproximación ás guías turísticas, abordaremos cuestións que se instalan nunha educación en valores.
- Fase 2 (Coñecementos previos). As actividades propostas son individuais e tamén en pequeno grupo e teñen como obxectivo revisar o aprendido en 1.º da ESO sobre propiedades textuais (coherencia, cohesión e adecuación), conectores e modalidades textuais, (especialmente narración e diálogo). As actividades son todas multiniveladas.
- Fase 3 (Adquisición de contidos). Actividades individuais e en pequeno grupo para identificar, analizar e tamén producir secuencias expositivas. Tamén multiniveladas. É o punto de partida para que o alumnado adquira o protagonismo da aprendizaxe nas fases 4 e 5.
- Fase 4. (Reto final). A fase catro iníciase cunha reflexión sobre a importancia de valorar o propio e afondar no próximo para despois, a partir dunha tormenta de ideas sobre os posibles contidos da guía pensar no deseño mesma. É importante sinalar que a guía será o reto final cooperativo, o do gran grupo, pero esta fase 4 ten como principal obxectivo a elaboración e entrega ao profesorado das diferentes pezas que a conforman. O deseño e presentación da guía excede a fase 4, pero as súas características deberán quedar aquí definidas.
O deseño da guía.
As características do deseño da guía son moi diversas. Nós propoñemos a elaboración dunha guía turística por aula, pero invitamos e recomendamos ampliala, ¿por que non combinada con galego?, ¿ou con Xeografía e Historia?, ¿ou en común con 3.º da ESO?, ¿bilingüe? Todo depende do alumnado, do profesorado, dos medios, do tempo... Pensar na elaboración dunha guía turística para unha clase pode ser o punto de partida para unha guía turística para un centro en forma de proxecto integrado.
O formato das pezas.
Cada grupo elaborará unha única peza expositiva para a guía; ese será o reto. Poderá escoller entre os seguintes formatos: audio, infografía, texto escrito ou vídeo. Estes diferentes formatos permiten favorecer a diferenciación pedagóxica xa que non todos os formatos implican o mesmo grao de planificación nin de complexidade discursiva. O audio e o vídeo son os retos máis complexos porque o grupo deberá presentar o guión literario e técnico e a peza gravada, por exemplo. Os criterios de escolla do reto dependerá do establecido polo profesorado.
A temática.
As pezas expositivas deberán responder a unha das seguintes temáticas: que ver, que facer e/ou onde mercar. Poderán ser ampliadas e cambiadas. Será o alumnado quen escolla o tema e o elemento no que se concrete (monumento, paseo, mercado, festas...) e sobre o que investigue.
Organización dos grupos.
O grupo-clase deberá organizarse en pequenos grupos. Consideramos que é importante que os grupos sexan diversos e quede asegurado o multinivel. Para iso propoñemos unha repartición de funcións en cada reto que se axuste á diversidade.
- Fase 5 (Presentación do produto final). Entre a fase catro e cinco hai un traballo fóra de aula, do que é responsable o profesorado da materia ou outro profesorado e/ou alumnado colaborador, que é o de edición da peza; isto é a montaxe de cada una das pezas expositivas entregadas polo alumnado para a configuración final da guía. No material de apoio hai algunha suxestión de ferramenta para facelo; tamén contades cun exemplo.
Una vez deseñada a guía, a sesión ábrese coa presentación da mesma. Pensamos nunha sesión algo lúdica que simule unha "grande estrea": a presentación ao público da guía máis hospitalaria xamais realizada. O desenvolvemento desta sesión variará enormemente das características da mesma (dixital, papel, interdisciplinar, interniveis, integrada...). Pode ser un bo momento para traballar a oralidade, por exemplo.
O único requisito a cumprir nesta fase é que a presentación posibilite a avaliación, autoavaliación e reflexión do proceso de aprendizaxe e do produto final.