Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Nun contexto educativo tan diverso e dinámico como os que temos en aula, é fundamental ter en conta diferentes metodoloxías, estratexias, pero tamén, e sobre todo, unha didáctica propia para a nosa materia. Así pois, moitas das actividades propostas responden principalmente á combinación de catro enfoques da didáctica das linguas principalmente:   

  • Enfoque por tarefas. A elaboración das pezas para a guía turística é unha tarefa significativa que parte dunha situación real e próxima ao alumnado: reciben a un grupo de alumnado visitante ao que lle presentan o seu patrimonio. 
  • Enfoque sociocultural. A creación dunha guía turística permite que o alumnado aprenda de forma colaborativa, interactuando cos seus compañeiros e co docente. A través do uso da linguaxe e da tecnoloxía, constrúe coñecemento nun contexto real, mentres o profesorado guía e apoia o proceso; este acompañamento é relevante para a "andamiaxe" de coñecementos. 
  • Enfoque comunicativo e funcional. A guía turística ten un propósito concreto que debe responder ás expectativas dun público receptor. Se non funciona, todo o elaborado estará mal; máis alá da súa corrección ortográfica e gramatical, a guía ten unha intención comunicativa: dar a coñecer o territorio.
  • Enfoque discursivo. A unidade de análise de traballo é o texto nun contexto, non a palabra. Así nos instalamos no bloque de contidos que se abren en 1.º da ESO abordando distintos xéneros textuais e atendemos máis profundamente nas secuencias expositivas e nas súas propiedades e diferentes manifestacións multimodais: guión literario, guión técnico, infografía, reportaxe..., entre outras. 

Estes enfoques didácticos concrétanse en propostas de actividades que responden metodoloxicamente a:

    • Aprendizaxe baseada en retos (ABR). O REA presenta un reto dobre: a elaboración da peza expositiva e a conformación e deseño da guía turística cooperativa.  
    • A realización de proxectos significativos e contextualizados. Tras as necesarias escoitas e reflexións individuais para adquisición de coñecementos teóricos, neste caso os vinculados á textoloxía e máis especialmente á modalidade expositiva, deseñamos un REA onde o alumnado"aprenda facendo" unha peza para unha guía do seu entorno. Para iso, terá que autoxestionarse, planificarse, propoñer, buscar o consenso, facer, comprobar e aprender dos erros...
    • Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA). A escolla do formato para a peza responde á necesidade de actividades multiniveladas para diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe. O multinivel non só se presenta no formato do reto, se non tamén na función que cada participante pode desenvolver dentro do pequeno grupo.
    • Titoría entre iguais e aprendizaxe cooperativa. Este reto está deseñado de tal maneira que o alumnado ten que enfrontarse de forma individual a unha responsabilidade concreta: a súa función dentro do grupo (por exemplo, presentación do vídeo ou investigación para infografía, entre outras). Esa responsabilidade individual afecta e contribúe dobremente a un grupo. Por un lado, ao pequeno grupo co que elabora a peza; por outro, ao gran grupo, responsable da guía turística.
    • Coordinación da ensinanza das linguas. A elaboración dunha guía turística cooperativa pode exceder o grupo-clase da materia de Lingua Castelá e Literatura e combinarse interdisciplinariamente cos dos departamentos lingüísticos do centro, co EDLG e co Equipo de Biblioteca.
    • Interdisciplinariedade. Se a colaboración coa materia de Lingua Galega e Literatura ten un amparo nun currículo case coincidente, consideramos que a elaboración dunha guía turística pode desenvolverse coa colaboración doutros departamentos.
    • A oralidade, co fin de que o alumnado adquira os recursos necesarios para expresarse correctamente, proponse nas fases 4 e 5, actividades de presentación das pezas deseñadas.
    • A animación á lectura. O REA ten como punto de partida un texto de Homero sobre Baucis e Filemón no que intervén Zeus porque sabemos o motivador que resulta para alumnado deste nivel a mitoloxía. Dende a fase 1, hai unha invitación á lectura. No desenvolvemento do REA, a aproximación ás guías turísticas tamén é outra oportunidade para estimular o desexo de ampliar os ámbitos de coñecemento, que dean a coñecer aspectos clave do contexto sociocultural e que eleven o nivel de capacitación verbal do alumnado. As actividades que transversalmente estimulen o aprecio pola lectura están vinculadas co PLEA (Plan de lectura, escritura e acceso á información).

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)