Saltar navegación

1. Descrición xeral

¿Mi ciudad? Aquí te guío

Este Recurso Educativo Aberto (REA) está dirixido ao alumnado de 2.º da Educación Secundaria Obrigatoria, no marco da materia de Lingua castelá e Literatura, e ten como finalidade o desenvolvemento das competencias comunicativas a través do traballo co texto expositivo.

O REA permite consolidar e ampliar as aprendizaxes relacionadas co texto e as súas propiedades, iniciadas en 1.º da ESO, facendo especial fincapé na comprensión lectora, na análise crítica de textos expositivos e na produción guiada de secuencias expositivas en distintos formatos e soportes, integrando a competencia dixital e o traballo cooperativo.

A proposta estrutúrase como unha situación de aprendizaxe competencial, contextualizada nun reto final significativo e vinculada ao contorno próximo do alumnado. Neste REA o grupo-clase xogará a ser anfitrión dun alumnado visitante ao que quere presentarlle o patrimonio do seu territorio. Para iso, propoñemos como reto final a elaboración das pezas que conformen unha guía turística cooperativa. A proposta é que esta guía sexa o resultado do traballo dun grupo-clase, pero o REA pode adaptarse para que a guía exceda este límite e abrangue outras clases dun mesmo nivel ou sexa colaborativa, interdisciplinar, interniveis... Dependerá do profesorado que a coordine. 

Entendemos que a guía é unha estrutura suficientemente ampla e versátil para poder traballar diferentes textos expositivos de distinta natureza e complexidade. A guía, por exemplo, pode ser dixital ou en papel; e as características da mesma, incluso os seus contidos e formatos, poden diferir do que aquí propoñemos. A nosa proposta é que a clase, organizada en pequenos grupos (3-4 persoas),  elabore unha peza expositiva para esa guía de entre estas catro opcións: audio, infografía, texto ou vídeo. Estes catro formatos responden á necesidade de ofrecer como obxectivo a elaboración de textos expositivos multinivelados. Entendemos que a elaboración dunha infografía é moito máis sinxela que a creación dun guión literario e técnico para a realización dun audio ou dun vídeo, por exemplo.

Os contidos de cada peza tamén poden variar. A nosa proposta é que todas as pezas expositivas respondan a unha destas tres temáticas principais: que ver, que facer, onde mercar. Para isto o alumnado  terá que concretar o obxecto da súa peza expositiva e desenvolver investigacións coas que aprender a localizar, seleccionar e contrastar información e calibrar a súa fiabilidade. 

Ao longo das 12 sesións de traballo nas que se desenvolverá este REA o alumnado deberá ser quen de acadar as seguintes metas de aprendizaxe:

  • Comprender o contexto dunha guía turística e a súa función comunicativa.
  • Debater e expresar opinións propias.
  • Revisar propiedades textuais: coherencia, cohesión, adecuación.
  • Repasar conectores e modalidades textuais (narración, diálogo).
  • Identificar erros frecuentes e mellorar comprensión e expresión.
  • Identificar e analizar secuencias expositivas.
  • Producir pequenos textos expositivos en diferentes formatos.
  • Desenvolver habilidades de investigación e selección de información.
  • Planificar e organizar o contido da guía.
  • Elaborar produtos finais en distintos formatos (texto, audio, vídeo, infografía).
  • Traballar de forma cooperativa e distribuír roles segundo habilidades.
  • Reflexionar sobre o propio traballo e valorar o doutros.
  •  Presentar a guía turística ao grupo ou comunidade educativa.
  • Comunicar información de forma clara e atractiva.
  • Aplicar aprendizaxes a novos contextos.

Pero a proposta deste REA amplía estas metas e, a partir dunha referencia ao concepto de xenía da Antigua Grecia, busca tamén ser unha invitación a conversas e dinámicas que posibiliten que o alumnado revalorice o propio, pense na memoria, na tradición e no patrimonio; e que tamén reflexione, e incluso debata, sobre a hospitalidade, a relación coas persoas estranxeiras, a diversidade, o respecto, a curiosidade e o espírito construtivo na interacción cos demais en calquera contexto. En definitiva, todo o que vincula a este REA a algún dos descritores da competencia cidadá e a competencia en conciencia e expresión culturais que se recollen no perfil de saída da LOMLOE.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)