Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Unha das características máis relevantes deste recurso é que concibe a aula de Lingua Castelá e Literatura como un taller creativo, unha verdadeira "cociña" de historias. Tentaremos aproveitar ao máximo o tempo de práctica (lectura, escritura e oralidade), integrando a teoría como un ingrediente necesario para a creación final e non como un fin en si mesmo.

A información sobre os saberes básicos e as actividades interactivas están dispoñibles de xeito permanente para o alumnado, co fin de que poida acceder e revisar os conceptos narrativos ou as pautas de revisión mentres elabora o seu produto. Grazas a este recurso dixital, favorécese a autorregulación e a aprendizaxe personalizada (xa que o alumnado pode consultar a "receita" as veces que precise).

Para levar a cabo esta situación de aprendizaxe, hai que ter en conta unha serie de orientacións e recomendacións de uso, que poden axudar moito ao profesorado a poñela en práctica.

Recursos materiais necesarios

Neste REA inclúense distintos recursos que serven de apoio para alumnado e profesorado:

•  Material descargable da unidade (resumo de contidos).

•  Diario de aprendizaxe (ferramenta de reflexión individual e grupal).

•  Rúbricas de avaliación.

•  Documentos en dous formatos: pdf/jpg ou editables para poder adaptalos á aula.

•  Selección de páxinas web que pode consultar o alumnado para recordar o argumento dos contos tradicionais:

    https://ciudadseva.com/texto/caperucita-roja-perrault/

    https://ciudadseva.com/texto/hansel-y-gretel-grimm/

    https://ciudadseva.com/texto/el-patito-feo/

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Tanto na realización das actividades da Fase 3, onde se traballa con diversos fragmentos de diferentes obras literarias, como a tarefa que implica a consecución do reto, é dicir, a creación dun texto narrativo, formúlanse como actividades grupais formadas por 4 ou 5 estudantes.

Criterios para a formación dos grupos:

•  Diversidade de habilidades: é recomendable que cada grupo teña unha combinación de habilidades e fortalezas, de modo que o alumnado poida complementar os coñecementos e capacidades doutras persoas que forman parte do equipo. 

•  Compatibilidade de traballo: considerar as preferencias persoais e a capacidade de traballo conxunto pode mellorar a dinámica do grupo e a eficiencia no desenvolvemento do proxecto.

Dinámica de traballo en grupo:

•  Planificación conxunta: cada grupo deberá decidir o contido do seu produto final.

•  Distribución de tarefas: as tarefas deben ser asignadas de acordo coas competencias e intereses do alumnado, promovendo así a implicación  e motivación de cada persoa integrante do equipo. 

•  Realización do traballo: os equipos deberán revisar o seu progreso, resolver problemas e realizar axustes necesarios no plan de traballo.

•  Reflexión e avaliación: ó final do reto, cada grupo realizará unha avaliación conxunta do traballo realizado, identificando logros, dificultades e aprendizaxes adquiridas.

Produtos finais

Os produtos finais esperados son os seguintes:

•  A redacción dunha obra narrativa breve, concretamente a creación dun conto.

•  A lectura dos relatos perante un auditorio moi especial: as persoas maiores usuarias dunha residencia.

Enfoque multinivel do reto

Hai tres modalidades diferentes para a creación dun conto:

•  Crear un relato ofrecendo un desenlace diferente dun conto tradicional, podendo escoller estre Caperucita Roja, Hansel y Gretel ou El patito feo.

•  Crear unha narración transformando as personaxes protagonistas para cambiar o conto tradicional. De novo, pódese escoller un dos contos populares xa citados: Caperucita Roja, Hansel y Gretel ou El patito feo.

•  Crear unha versión propia dun conto modificando o espazo, o tempo, as personaxes...

Cada unha destas modalidades correspóndese cun distinto nivel de dificultade, en orde crecente tal como aparecen aquí.

Paradas literarias

Na fase 3 do REA é o momento no que o alumnado ten que asimilar os conceptos narrativos fundamentais para seren logo os estudantes capaces de crear o seu propio relato. Por iso, proponse traballar con cinco obras narrativas diferentes: un álbum ilustrado (Un milagro para Helen), unha novela gráfica (Arrugas), unha banda deseñada (12301 días con mi abuela), un conto (El extraño) e unha novela (Despejado). Estas pezas, con diferentes formatos coas que se traballa na fase 3, teñen unha características en común, en todas elas abórdase o tema da soidade. Consideramos que a presenza de diferentes xéneros fai o recurso máis atractivo para o alumnado, ao mesmo tempo que permite afondar na análise da linguaxe narrativa empregada en cada caso.

Resulta imposible traballar coas obras seleccionadas de maneira íntegra, pois o tempo do que se dispón dificilmente permitiría a lectura dunha soa narración. Por iso, decidiuse traballar a través de fragmentos debidamente escollidos, co fin de ofrecer unha análise dos elementos narrativos o máis completa posible.

Esa viaxe polas obras narrativas mencionadas desenvolverase nunha soa sesión, debido a iso os fragmentos propostos son breves e as preguntas, directas, sinxelas e claras. A actividade organizarase en grupos de catro ou cinco estudantes, empregando a técnica do folio xiratorio, para que todos os membros sexan partícipes. Os fragmentos de cada obra colocaranse en mesas diferentes e afastadas, creando deste xeito un percorrido literario que chamamos “paradas”. Cada grupo de estudantes partirá dunha obra diferente, pero todos pasarán polas mesmas “paradas literarias” até completar esa viaxe narrativa.

A presente guía do profesorado inclúe na sección 3.2. o arquivo relativo aos fragmentos das cinco obras propostas, que constitúen as paradas literarias, así como a ficha de actividades que lle será entregada a cada grupo de estudantes onde irán contestando as preguntas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)