Cocinando historias
Este REA, titulado "Cocinando historias", insírese no marco da proposta cREAgal para a materia de Lingua Castelá e Literatura, como parte da programación modelo de Proens correspondente ao curso de 2.º de Educación Secundaria Obrigatoria e á unidade número tres, titulada «Cuento de Navidad». A súa finalidade é desenvolver as competencias comunicativas e literarias do alumnado a través dunha aproximación activa e significativa á lectura e á creación literaria. Así mesmo, pretende promover a lectura autónoma, a análise de textos narrativos e a reflexión sobre os seus elementos formais e temáticos, tal e como se recolle no Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
O REA aborda o estudo das principais características formais e temáticas do xénero narrativo a partir da lectura e análise das semellanzas e diferenzas dunha escolma de textos e contos procedentes da narrativa universal.
O alumnado visualizará unha curtametraxe que aborda un dos problemas que afectan á nosa sociedade actual: a soidade. A partir da reflexión e análise desta manifestación artística, proporase como obxectivo combater a soidade das persoas maiores a través da creación de contos. O alumnado converterase en cociñeiras e cociñeiros de contos; agora ben, para cociñar un bo conto é necesario coñecer ben os seus “ingredientes”.
En primeiro lugar, realizarase un estudo dos principais ingredientes da narración, tomando como referencia unha escolma de textos procedentes da narrativa universal vinculados a esta temática. Posteriormente, o alumnado fará un percorrido por estes elementos a través da lectura de diferentes historias, que examinará mediante paradas de aprendizaxe.
Como produto final, o alumnado organizarase en pequenos grupos para “cociñar” un conto co obxectivo de combater a soidade das persoas maiores. Tras a revisión dos textos, levarán as súas creacións a unha residencia de maiores para compartir as creacións e participar nun acto cultural e de intercambio interxeneracional.
Os obxectivos deste REA son:
- Identificar os elementos que interveñen na narración.
- Identificar as formas do discurso (narración, descrición, diálogo).
- Localizar contos facendo uso da biblioteca escolar.
- Ler e comprender contos e fragmentos narrativos da literatura universal.
- Coñecer diferentes manifestacións literarias e artísticas e establecer vínculos entre elas.
- Intervir en actividades culturais relacionadas co noso contorno.
- Crear contos empregando diferentes soportes.