Orácora: Conectando (con) palabras
Durante o desenvolvemento e a posta en práctica do REA “Orácora”, o alumnado de 2.º da ESO achegarase principalmente ao estudo e reflexión da análise do sintagma e a oración simple, así como ás relacións semánticas que operan nestas unidades.
Este REA supón, a nivel curricular, a primeira vez que o alumnado da ESO aborda este contido, que tamén se traballa paralelamente, na materia de Lingua Galega e Literatura. Trátase dun contido que conecta coa unidade 4 de 1.º da ESO onde se estudan as clases de palabras e as categorías gramaticais. Sen esa aprendizaxe previa esta unidade non sería posible, polo que é indispensable asegurarse de reafirmalos. Ao mesmo tempo, todo o traballado en 2.º da ESO, quedará ampliado en 3.º e 4.º da ESO co estudo sintáctico de unidades más complexas. Aí remata este itinerario sobre a sintaxe.
Por todo isto, estamos ante unha proposta cun obxectivo complexo e transcendente que require moito tempo e actividades motivadoras que manteñan a atención do alumnado e insistan na importancia comunicativa desta aprendizaxe; é fácil caer no risco dunhas dinámicas de aula mecánicas que miren o estrutural e abandonen a pragmática lingüística.
Así, propoñemos un itinerario de 21 sesións atravesadas por un fío condutor: o xogo e un reto, achegarse á Orácora, unha utopía onde nada falla na comunicación humana, un paraíso inmune ás dinámicas que queren separarnos, illarnos e silenciarnos.
Como xa adiantamos, a situación de aprendizaxe sitúa o alumnado ante o reto de elaborar un xogo de mesa totalmente analóxico co que divertirse cara a cara e co que garantir que a humanidade non perda o poder da palabra, a capacidade de entenderse, de dialogar e de crear comunidade. Con esta situación de aprendizaxe de tintes distópicos, que nos permitirá reflexionar sobre as formas de comunicación e comportamentos da sociedade actual, o alumnado verase inmerso nunha aventura onde o control da palabra será o principal obxectivo. Despois de dominar as categorías gramaticais, agora debe controlar a orde sintáctica.