Metodoloxía
- Coordinación
Esta unidade encaixa no percorrido progresivo de Lingua castelá e Literatura e camiña de forma paralela á materia de Lingua galega e Literatura. Consideramos imprescindible ter en conta estes referentes e traballar para a coordinación entre niveis e entre materias. Pensar incluso en programacións combinadas.
Neste sentido o REA 02 conecta con diferentes unidades da materia de Lingua galega (non están agrupados nun único REA como en castelán) e comparten terminoloxía e obxectivos (sintagmas e oración simple). Así, ademais de aforrar tempo, aproveitamos para traballar a transferencia de coñecementos entre as dúas linguas e reforzamos a conciencia lingüística do alumnado e a súa capacidade de analizar e comparar estruturas de forma crítica.
- Itinerario gradual
Este REA parte do traballo iniciado en 1.º da ESO, no que o alumnado comeza a identificar categorías gramaticais e a estrutura básica da oración. En 2.º da ESO afondamos nos sintagmas e nas funcións sintácticas na oración simple, consolidando unha base que se seguirá ampliando en 3.º da ESO e culminará en 4.º da ESO coa comprensión de estruturas máis complexas e coa análise das relacións oracionais dentro do discurso a partir de enfoques máis comunicativos e pragmáticos. Sen esta base adquirida en 2.º da ESO o resto de contidos serán imposibles ou incompletos.
En resumo, a unidade forma parte dun itinerario gradual pensado para que o alumnado adquira un dominio sólido e consciente da sintaxe, aplicable tanto ao castelán como ao galego.
- Organización da aprendizaxe
A unidade vai de menos a máis: primeiro repasar e repensar as palabras e as categorías gramaticais, despois comprender as unidades da lingua (sintagma e oración simple), comprender ben que é un sintagma, como funciona unha oración, que papel ten cada elemento… e despois practicalo moito.
Como peche, propoñemos a creación dun xogo de mesa de sintaxe: Orácora. Non é tanto “traballo por proxectos” ao uso, senón unha forma de obrigar o alumnado a volver sobre o aprendido e utilizalo con sentido. A idea de elaborar as tarxetas coas preguntas tamén insiste en algo que nos parece importante: a metacognición e o autocoñecemento; á vez que supón intrinsecamente unha actividade multinivelada que asegura a atención á diversidade sen modificación algunha nos instrumentos.
- Tratamento dos contidos
Aquí non hai moito misterio: explicación clara, exemplos ben escollidos e práctica (bastante práctica). Combínase traballo guiado e autónomo, porque a sintaxe, se non se fai, non se aprende.
- Relación co uso e enfoque crítico
O fío condutor do REA é o tema do uso excesivo da tecnoloxía nas relacións e como isto pon en risco os fundamentos da comunicación humana. Partindo dunha situación real como a do apagamento, a proposta preséntase a través da visualización de dúas pezas (unha informativa e outras de ficción) e de textos literarios que sitúan o alumnado ante un universo de ficción que, ademais de servir como desculpa para o reto final, introduce unha reflexión necesaria sobre a aprendizaxe da gramática en liña co que propón Carlos Lomas e a súa idea dunha didáctica da lingua crítica e contextualizada. Porén, a reflexión á que nos referimos é pequena, o enfoque pragmático é sutil; soamente será o punto de partida para o que se verá en 3.º e 4.º da ESO. Pero invitamos o profesorado a que exceda a aprendizaxe da sintaxe soamente mecánica e camiñe cara a esta reflexión lingüística.
- Actividades
Todas as actividades adquiren certa unidade a través da idea do xogo analóxico. Así, por exemplo, a fase 2 - a que funciona como repaso das categorías gramaticais - titúlase "feira gramatical" e nela atoparán xogos como "tiro al verbo" ou a "tómbola gramatical".
Tamén, para insistir nesta idea do análoxico, da reflexión sobre a omnipresenza da tecnoloxía, a maioría das actividades poderán, ademais de en formato dixital, realizarse en papel.
O cumio desta idea está na proposta do reto final: a elaboración grupal do xogo de mesa "Orácora" que funciona, non tanto como un proxecto final, senón como aglutinador de todos os contidos aprendidos durante a fase 3.
Nesta fase 3 haberá actividades para: identificar as unidades sintácticas, clasificalas, analizar a súa estrutura e construílas.
O traballo é sobre todo individual, pero hai momentos de posta en común, de reflexión e de traballo compartido, sobre todo de cara ao deseño de Orácora.
- Avaliación
Avaliamos durante todo o proceso: como analizan, como aplican os contidos e como van mellorando.
A elaboración das tarxetas do xogo de mesa serven para ver ata que punto realmente entenderon o que estaban a facer. Xogar na sesión final, pecha a aprendizaxe cunha actividade de avaliación realmente significativa para o propio alumnado, pero tamén para o profesorado.