Orácora: Conectando (con) palabras
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) pensado para que o alumnado aprenda, dun xeito reflexivo a comprensión e a análise das unidades lingüísticas: sintagma (grupo de palabras/frases) e oración simple (cláusula), facendo fincapé, non só no seu estudo formal, senón tamén nas relacións semánticas que se establecen, na aplicación das probas sintácticas necesarias e, moi especialmente, na adquisición de usos normativos da lingua e que repercuten na mellora da competencia comunicativa do alumnado.
Ao tratarse dunha unidade con moitas sesións (21) e cun contido complexo e ás veces algo árido, pero moi transcendente para aprendizaxes posteriores, a proposta didáctica está articulada sobre un fío condutor motivador: o xogo, en concreto, o xogo analóxico.
Partindo desa idea, pensamos nunha proposta de aprendizaxe que sitúa ao alumnado nunha distopía: un mundo onde a comunicación verbal e a idea de comunidade está en risco e é preciso garantir unha ferramenta para preservala e facela eficaz, xusta e precisa. A humanidade tal e como a coñecemos está en perigo. Esa ferramenta que nos salvará será un xogo de mesa, unha especie de trivial sintáctico. Chamámoslle Orácora, e será o produto final que terá que elaborar o alumnado.
Ademais, de forma transversal, a situación de aprendizaxe proposta poderá supoñer unha boa desculpa para iniciar unha reflexión individual e colectiva sobre a tecnoloxización da sociedade, o uso abusivo das pantallas, as novas formas de comunicarnos, a alienación e unha pregunta: que sería de nós tras un apagamento, por exemplo.
Así durante o reto, ademais dos contidos gramaticais, haberá textos que posibiliten traballar a comprensión e expresión oral e escrita e tamén contribúan á competencia cidadá do noso alumnado.
As metas de aprendizaxe deste REA son:
- Repasar os coñecementos sobre as distintas clases de palabras e as particularidades e peculiaridades de cada categoría gramatical, estudadas en 1.º da ESO.
- Aplicar estes coñecementos ao estudo das estruturas básicas dos enunciados: o sintagma.
- Identificación
- Clasificación
- Estrutura
- Comprender os enunciados oracionais simples e as súas funcións sintácticas e semánticas.
- Realizar unha primeira aproximación á pragmática coa reflexión sobre os uso de determinados enunciados.
Sabemos que esta unidade entraña unha dificultade derivada da diversidade na nomenclatura e nos tipos de análises sintácticos realizados. Cada manual, cada docente, ten preferencias sobre unha ou outra escola. Chegar a un consenso é complicado. Por iso no apartado 3.1 incorporamos algunha aclaración en relación ao enfoque levado a cabo durante esta unidade. Como adianto, cómpre sinalar que nos axustamos á proposta recollida en Nueva gramática de la lengua española da Real Academia Española.