¡Lenguas a la vista!
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado para que o alumnado de 2.º de ESO recoñeza a diversidade lingüística e dialectal da súa contorna, de España e do mundo, co fin de favorecer actitudes de respecto, valoración e protección. A partir do afondamento no estudo das linguas, do seu compoñente identitario e das súas manifestacións culturais, combátense os prexuízos e estereotipos lingüísticos, ó tempo que se promove a reflexión interlingüística.
Nesta situación de aprendizaxe, o alumnado deberá realizar un libro interactivo para conmemorar, en coordinación co Equipo de Biblioteca do centro, o 26 de setembro, o Día Europeo das Linguas. Para a resolución do reto, dividido en equipos de traballo, o alumnado deberá afondar no estudo dunha das linguas presentes no Estado, identificar os seus trazos característicos e indagar nas súas manifestacións culturais. Ademais, poderá enriquecer o seu traballo incorporando textos que inviten a visitar cada unha das rexións plurilingües.
Así pois, os obxectivos que se persiguen con este REA son os seguintes:
- Respectar e valorar a riqueza cultural, lingüística e dialectal.
- Reflexionar sobre os diferentes usos da lingua.
- Identificar e apreciar os usos diglósicos habituais na contorna máis inmediata.
- Diferenciar as variedades dialectais do castelán.
- Evitar os prexuízos e estereotipos lingüísticos.
- Interpretar a comunicación verbal e non verbal.
- Aprender cuestións básicas da lingua de signos.
- Estimular a reflexión e a creatividade mediante a creación dos libros interactivos.