Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á Rede, xa que hai que buscar información, ver vídeos etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor morado, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
- É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
- Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Roles
- Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
- Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
- Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
Se o equipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.
Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.
Produtos finais
O produto final do REA consiste na elaboración dun artigo periodístico de contido científico.
Proponse ao alumnado diferentes xeitos de abordar o estudo da enerxía a través deste artigo.
O alumnado disporá dunha ficha e dunha lista de cotexo que o axudará no traballo en equipo e na elaboración do artigo (ver fase 4 do REA do alumnado).
Enfoque multinivel do reto
A elaboración do artigo deséñase como unha actividade multinivel, xa que o alumnado pode escoller múltiples temáticas e tamén múltiples formas de expresión na presentación dos datos numéricos que contén o artigo.
As temáticas propostas para o artigo son:
- Detección dun problema relacionado coa enerxía na súa contorna (instituto, barrio ou localidade) e proposta de solucións fundamentadas.
- Análise crítica dunha noticia, vídeo ou publicación que conteña información de falsa ciencia sobre enerxía.
- Estudo da situación enerxética de Galicia e identificación de necesidades.
- Comparación de distintas fontes de enerxía, valorando a súa viabilidade e o seu impacto.
Pódense ampliar as temáticas propostas en función dos intereses do alumnado implicado.
En todos os casos a información empregada no artigo debe ser contrastada en diversas fontes, que serán analizadas e citadas.
Ademais, estará baseada en datos que serán presentados dentro do artigo, sendo o alumnado quen elixe o formato de presentación destes (táboas, gráficos, infografías etc.).