PlayNewton
O REA PlayNewton pretende continuar coa iniciación do alumnado na materia de Física abordando as forzas como causantes dos cambios nos movementos que estudaron anteriormente e como causantes das deformacións dos corpos. Para facer atractiva e significativa esta aprendizaxe, o estudo das forzas enmárcase en situacións de aprendizaxe relacionadas co deseño de xoguetes desde o punto de vista das forzas que os fan funcionar. A finalidade do reto que se propón neste REA é o deseño e elaboración dun xoguete xunto cun cartel explicativo.
O REA se desenvolve ao longo de 5 fases:
- Fase 1 - Descrición: El legado de Finisterre.
- Fase 2 - Exploración: Juegos de siempre.
- Fase 3 - Conexión: Las reglas del juego.
- Fase 4 - Reto final: Crea tu juguete.
- Fase 5 - Conclusión: Feria de ciencias.
Na fase 1 descríbese o reto que terán que levar a cabo ao remate do REA. Nesta fase preténdese espertar a motivación do alumnado para que identifique a utilidade da física na resolución de situacións prácticas.
Na fase 2 indágase mediante a explicación, nos conceptos sobre as forzas e os seus efectos nos movementos e deformacións dos corpos, que o alumnado debería ter adquirido na etapa de primaria. Tamén se relacionan cos tipos de movemento e as súas magnitudes como dirección, sentido, velocidade e aceleración, xa estudados en 2.º da ESO.
Na fase 3 abórdanse os contidos deste curso: o concepto de forza e os seus efectos, a lei de Hooke, as leis de Newton, as forzas cotiás, a presión e as forzas fundamentais da natureza, a partir de xoguetes que se basean nalgunha destas forzas ou leis para o seu funcionamento. En cada paso, proponse ao alumnado a construción dalgún xoguete que despois pode aproveitar para elaborar o reto.
Na fase 4 ponse en práctica todo o aprendido mediante un traballo en equipo; desenvólvese o reto, que consiste en deseñar un xoguete a partir de algún dos xoguetes elaborados na fase 3 ou outro diferente, que impliquen unha ou varias forzas. Ademais deberán elaborar un cartel no que expliquen o deseño, materiais, funcionamento e o principio físico no que se basea o funcionamento do xoguete.
A fase 5 consiste en expoñer o funcionamento e deseño do xoguete ante o resto da clase e posteriormente expoñer os xoguetes e carteis nunha feira de ciencias no propio centro.
O substrato do REA
A idea central que vertebra todo o REA é o deseño e construción dun xoguete aplicando os coñecementos traballados sobre as forzas.
A intención do equipo elaborador é que o alumnado sexa consciente de que, na vida cotiá, existen moitas situacións nas que as forzas están presentes e son fundamentais para explicar o que ocorre. A través dos xoguetes, que forman parte da súa contorna, búscase facer visible a física que moitas veces pasa desapercibida.
O deseño de estratexias para introducir eses coñecementos comeza por presentar situacións sinxelas e manipulables. Por iso, ao longo deste REA preséntanse diferentes xoguetes e experiencias prácticas que permiten observar efectos das forzas como o movemento, a deformación ou a interacción entre corpos, introducindo progresivamente conceptos como as leis de Newton ou as forzas da natureza.
As actividades están pensadas para fomentar a experimentación, o traballo en equipo e o pensamento científico, axudando a relacionar a teoría coa práctica. Ademais, inclúense propostas multinivel que permiten atender á diversidade do alumnado, favorecendo que todos e todas poidan participar activamente e comprender como a física explica o funcionamento dos xoguetes e, en xeral, do mundo que os rodea.