PlayNewton
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar o alumnado ao estudo das forzas dentro do mundo do xogo e o deseño creativo, na materia de Física e Química de 2.º de Educación Secundaria Obrigatoria. O obxectivo é promover un pensamento científico mediante o estudo das forzas e as Leis de Newton, para que sexa quen de interpretar e analizar situacións da vida cotiá empregando fórmulas e teorías da Física.
Nesta situación de aprendizaxe, PlayNewton, o alumnado comeza explorando o mundo dos xoguetes e o seu vínculo coa Física. Presentarase o reto que consistirá, traballando en equipo, en construír un xoguete funcional con materiais reciclados, incorporando unha perspectiva de xénero no seu deseño, e explicando os principios físicos das forzas que o fan funcionar.
Na etapa Juegos de siempre o alumnado fará un repaso sobre xoguetes tradicionais galegos para contextualizar esta situación de aprendizaxe.
Posteriormente na etapa Las reglas del juego o alumnado estudará conceptos relacionados coa composición de forzas, coas Leis de Newton, coas forzas cotiás e coas forzas fundamentais. Todos estes conceptos e teorías están asociados coa construción dun xoguete que represente os contidos estudados en cada apartado desa etapa.
O reto finaliza en Crea tu juguete, etapa na que os alumnos e alumnas deberán demostrar os coñecementos adquiridos. O alumnado procederá a elaborar o seu produto final que consiste en deseñar e construír un xoguete e un cartel explicativo deste, tendo en conta as forzas e leis estudadas.
Finalmente en Feria de ciencias exporán os seus produtos finais para difundir o seu traballo entre toda a comunidade educativa.
Ao longo deste proceso traballaranse os diferentes tipos de forzas e as Leis de Newton, analizando como estas se manifestan no funcionamento dos xoguetes construídos. Ademais, reflexionarán sobre os estereotipos de xénero presentes no mundo do xoguete, á vez que adquiren coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na metodoloxía científica.
A finalidade é achegar o estudo das forzas ao alumnado de Galicia para interpretar e afrontar os problemas da sociedade actual e posuír unha comprensión máis profunda do seu contorno.
As metas de aprendizaxe son:
- Deseñar e construír un xoguete inclusivo (que rompa os estereotipos de xénero) aplicando o método científico e utilizando materiais reciclados.
- Traballar en equipo de forma cooperativa e colaborativa.
- Desenvolver un proxecto científico para comunicar e compartir o aprendido.
- Interpretar datos ou medidas obtidas durante as probas do xoguete.
- Elaborar un cartel para explicar e divulgar a física do xoguete.
- Presentar o xoguete na clase como produto final do reto.