Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para a correcta implantación deste REA na aula son:

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor morado, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:

Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Roles

Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
Se o equipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.

Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.

Produtos finais

O produto final deste REA é un cómic de concienciación sobre a seguridade viaria, co obxectivo de reducir o número de accidentes de tráfico no seu concello, mediante a exposición do produto no centro educativo e a súa posterior difusión entre a poboación.

Para a elaboración do cómic, os alumnos e alumnas terán que realizar as seguintes tarefas:

  • Elixir un caso ou tipo de movemento.
  • Transformar o caso en historia, aplicando a Física.
  • Planificar o cómic.
  • Debuxar as viñetas.
  • Revisar a coherencia científica.
  • Presentar o cómic no centro educativo e difundilo entre a poboación do concello.

Enfoque multinivel do reto

O reto pode desenvolverse con distintos graos de complexidade, xa que se ofrecen varias opcións para a realización do cómic e alcanzar o obxectivo proposto.

Estas opcións están referidas a:

  • O tipo de movemento que estudar e analizar.
  • O número de viñetas a representar.
  • O formato, papel ou dixital.

Ademais, á hora de elaborar o cómic o alumnado pode basearse nun dos casos estudados anteriormente, cada un deles asociados a un tipo de movemento, ou poden representar un caso novo. Por unha banda, para escoller un novo caso, poden revisar noticias de prensa sobre accidentes ocorridos na súa contorna. Doutra banda, poden saír a realizar medicións in situ nunha zona concreta que consideren interesante para representar posteriormente no cómic.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)