La química da de comer
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado aos sistemas materiais e métodos de separación dentro do mundo da alimentación, na materia de Física e Química de 2.º de Educación Secundaria Obrigatoria. O obxectivo é promover un pensamento científico mediante o estudio da composición e organización da materia, para que sexa quen de diferenciar entre substancias puras e mesturas empregando leis e teorías científicas.
Nesta situación de aprendizaxe, "La química da de comer", o alumnado comeza visualizando diferentes produtos e alimentos galegos. Presentarase o reto que consistirá, traballando en equipo, organizar unha feira científica gastronómica.
Na fase "¿Qué hay en la despensa?", o alumnado traballará a conexión entre os utensilios de cociña e o material de laboratorio, ademais de analizar gráficos sobre seguridade alimentaria. Posteriormente, en "¡Manos a la materia!", coñecerán e analizarán a composición de diferentes alimentos para traballar as substancias puras e mesturas, ademais de diferentes métodos de separación ou preparación de disolucións combinado co traballo no laboratorio.
O reto culmina en "Emplatando el estand", onde se aplicarán os coñecementos adquiridos. O alumnado procederá a elaborar o seu produto final que consiste en preparar un posto interactivo sobre a clasificación da materia, a preparación de disolucións ou a separación de mesturas. Finalmente en "La guinda del pastel" o posto formará parte da "Feria científica gastronómica" para expoñer o traballo realizado.
Ao longo deste proceso traballaranse a clasificación da materia, a linguaxe química e as disolucións. Ademais, reflexionarán sobre o impacto da química na industria alimentaria e na cociña, á vez que adquiren coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na metodoloxía científica.
A finalidade é achegar os sistemas materiais ao alumnado de Galicia para afrontar os problemas da sociedade actual e posuír unha comprensión máis profunda da súa contorna.
As metas de aprendizaxe son:
- Resolver problemas relacionados coas propiedades e a composición dos sistemas materiais.
- Deseñar o procedemento experimental necesario para preparar unha disolución.
- Deseñar o procedemento experimental para separar os compoñentes dunha mestura.
- Expoñer información a modo de divulgación científica mediante un posto, como os que se atopan nas feiras gastronómicas.
- Aplicar a química dunha forma respectuosa co medio natural e sostible.
- Traballar en equipo para resolver un problema científico.