Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Recursos materiais:
- Caderno
- Material para o soporte da instalación: maleta.
- Material funxible: papel de cores, papeis reciclados e tanza.
- Outros materiais: revistas, xornais, fotografías etc.
- Ferramentas: regras, tesoiras, lapis, cola, cinta adhesiva, rotuladores etc.
Software:
Será imprescindible que o alumnado conte cun dispositivo electrónico (ordenador ou tableta) con acceso á rede para a busca de información, a visualización de vídeos e o desenvolvemento das actividades.
- Documentos de texto: Libre Office Writer.
- Gravación de audio: Audacity.
- Creación de códigos QR: programa QtQr da maqueta Abalar.
- Outras ferramentas tecnolóxicas.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Proponse a creación de 5 grupos heteroxéneos e permanentes ao longo do REA para a realización do reto final. Á hora de facer os grupos por parte do profesorado, recoméndase ter en conta as bases da aprendizaxe cooperativa. De xeito que cada grupo estea formado por alumnado capaz de axudar aos demais, alumnado con dificultades de aprendizaxe e resto de alumnado.
Tamén haberá momentos para outro tipo de agrupamentos.
Produtos finais
O produto final do REA é a exposición grupal dunha instalación artística elaborada previamente.
Esta instalación artística terá como temática a representación dunha das cinco propostas:
- Pobreza.
- Violencia de xénero.
- Multiculturalidade.
- Explotación laboral.
- Identidade de xénero.
Cada instalación estará formada por unha maleta, como metáfora visual, e grúas de papel da cor establecida para cada grupo. Esta maleta contará con:
- Fotografías, cadros ou noticias de xornais.
- Mención a unha institución ou ONG que traballe en prol da defensa dun dereito humano escollido.
- Código QR vencellado ao audio da instalación.
As grúas de todos os alumnos e alumnas mestúranse no teito da sala do museo como símbolo da liberdade e o respecto dos dereitos humanos. Convertendo a diversidade nunha fermosa mestura de cores, voces e experiencias que, a través da arte, manifestan a singularidade de cada ser.
Cada instalación acompañarase coa ficha técnica da obra, estruturada nos seguintes apartados:
- Título da instalación.
- Nome das persoas autoras.
- Presentación da instalación.
- Noticias sobre a temática abordada, xunto coa xustificación da súa elección.
- Obra pictórica coñecida que represente devandita temática, xunto coa xustificación da súa elección.
- ONG ou institución que traballe en prol de defender os dereitos do colectivo traballado.
O código QR da maleta poderá tamén dar acceso á ficha técnica da obra, se así o decide a persoa docente.
Estas instalacións artísticas formarán parte da segunda sala do museo (aula ou corredor habilitado). O alumnado asistirá á presentación das obras do resto de equipos.
Enfoque multinivel do reto
O reto está deseñado para favorecer a participación de todo o alumnado, respectando as súas capacidades, intereses e nivel de autonomía. Co obxectivo de garantir unha adecuada atención á diversidade, o reto ofrece tres opcións de consecución en función do grao de autonomía, reflexión e transferencia de aprendizaxes que faga o alumnado.
Dentro de cada unha das opcións están nivelados os distintos apartados que ten que ter a presentación da instalación artística:
- Título elixido.
- Identificación de dereitos humanos.
- Concepto de diversidade.
- Obras famosas seleccionadas.
- ONG ou institucións sinaladas.
- Discurso elaborado.
A nivelación do reto pódese ver no documento "Avaliación do reto" do apartado 3.2. Recursos e solucións do REA.
Todas as opcións teñen o mesmo valor e recoñécense como axeitadas, facilitando que o reto resulte alcanzable e motivador para todo o alumnado.
Así mesmo, promóvese o emprego dun diario de aprendizaxe individual, en papel ou dixital, co obxectivo de impulsar a reflexión sobre o propio proceso de aprendizaxe.
Atención á diversidade
Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades, propostas, recursos e materiais que se presentan son abertas e flexibles, de tal maneira que poidan ser adaptadas e flexibilizadas ás necesidades, características e motivación do alumnado.
A atención á diversidade pode apreciarse nas actividades individuais multiniveis que están graduadas en distintos niveis de dificultade. E tamén nas actividades grupais, ao propoñer diferentes niveis de consecución do reto.
Os agrupamentos heteroxéneos propostos permiten combinar talentos, apoiar necesidades individuais e garantir que todas as persoas poidan participar e aprender de forma significativa no reto da unidade.
Tamén a presentación da información do REA atende á diversidade de estilos de aprendizaxes ao incorporar os seguintes recursos:
Glosario: ao inicio de cada páxina para explicar os termos máis complexos. As definicións acompáñanse de exemplos e pictogramas significativos.
Lectura facilitada: dispoñible para cada actividade. Explícase o contido con linguaxe sinxela, clara e accesible.
Recomendacións lectoras
Ao tempo que levamos a cabo este REA sería interesante dispoñer na aula de libros relacionados coa temática das emocións e da arte. Algunhas recomendacións son:
- Coerr, E. (1997). Sadako e as mil grúas de papel. Everest Galicia.
- McKee, D. (2008). Negros e brancos. Anaya.
- Moreno, E. (2018). Invisible. Nube de Tinta.
- Palacio, R. J. (2013). A lección de August. Xerais.
- Riva, A. (2019). Malala, la niña que quería ir a la escuela. V&R Editoras.
- Robledo, M. (2020). Teño dereitos. Aira Editorial.
- Rodríguez, A. (2018). Pioneiras: Galegas que abriron camiño. Xerais.
- Sánchez Vegara, M. I. (2015). Frida Kahlo (Colección Pequeña & Grande). Alba Editorial.