Saltar navegación

3. Guía de uso

Pinceladas de emocións

O REA Pinceladas de emocións ten como finalidade dotar ao alumnado das ferramentas precisas para a construción dun autoconcepto axeitado de si mesmo, así como facelo consciente dos valores que orientan as súas actuacións. As emocións inflúen nas condutas e os valores orientan a acción, por iso se abordan de forma conxunta favorecendo aprendizaxes significativas e transferibles á vida cotiá. Elíxese a arte como fío condutor xa que favorece a expresión de ideas, crenzas e emocións, o que facilita a análise crítica dos propios valores e dos alleos. Ao longo de todo o REA achégase o alumnado a diferentes obras de arte, artistas e museos estimulando a súa creatividade e desenvolvendo o seu pensamento crítico e capacidade de análise. 

Os contidos do REA organízanse en base a 3 conceptos clave: identidade, diferenzas persoais e dignidade. Propoñendo tranversalmente a resolución de diversos dilemas morais relacionados con temas transversais como o uso responsable, seguro e crítico das redes sociais, o abuso e o acoso escolar e o respecto á intimidade persoal. O debate é clave neste REA como ferramenta pedagóxica para a reflexión, axudando a mellorar a capacidade de escoita activa, a expresión, a argumentación e a empatía do alumnado. E os momentos creados para o intercambio de opinións, contribúen á toma de conciencia dos propios valores e emocións, así como á súa revisión crítica á luz das achegas do grupo.

Os diferentes bloques do REA están deseñados partindo das características do DUA, de forma que a información e as tarefas preséntanse con diferentes niveis e múltiples formatos tentando chegar ao maior número de realidades individuais do noso alumnado. As actividades propostas son tanto individuais como grupais.

A través da creatividade e traballo en grupo o alumnado dará forma ao aprendido durante o REA elaborando unha composicón artística grupal sobre unha emoción, como resposta ao reto proposto. Estas composicións formarán parte da primeira sala do museo, as dúas restantes crearánse nos seguintes REA da área de Educación en Valores Cívicos e Éticos, dotando así de continuidade á proposta.

A través da experiencia artística e a educación emocional e en valores buscamos promover unha aprendizaxe significativa orientada á formación dunha cidadanía crítica, reflexiva e comprometida.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)