Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Recursos materiais:
- Caderno
- Material para o soporte da colaxe: cartolina, cartón, lenzo...
- Material funxible: teas, revistas, xornais, papel de cores, fotografías, folletos ou papeis reciclados.
- Material da natureza: follas, pedras, flores, area, ...
- Ferramentas: regras, tesoiras, lapis, cola, cinta adhesiva, rotuladores....
Software:
Será imprescindible que o alumnado conte cun dispositivo electrónico (ordenador ou tablet) con acceso á rede para a busca de información, a visualización de vídeos e o desenvolvemento das actividades.
- Documentos de texto: Libre Office Writer.
- Gravación de audio: Audacity.
- Creación de códigos Qr: programa QtQr da maqueta Abalar.
- Outras ferramentas tecnolóxicas.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Proponse a creación de 5 grupos heteroxéneos e permanentes ao longo do REA para a realización do reto final. Á hora de facer os grupos por parte do profesorado, recoméndase ter en conta as bases da aprendizaxe cooperativa. De xeito que cada grupo estea formado por alumnado capaz de axudar aos demais, alumnado con dificultades de aprendizaxe e resto de alumnado.
Tamén haberá momentos para outro tipo de agrupamentos, como no caso das actividades de debate, no que se formarán dous ou tres grupos. Neste caso, o profesorado deberá ter en conta as fortalezas do alumnado para equilibrar habilidades entre equipos. Unha vez distribuído o alumnado deberá establecer posturas (a favor, en contra, neutral) e asignar roles internos (moderador, orador, refutador, ...).
Produtos finais
O produto final do REA é a exposición grupal dunha composición artística elaborada previamente.
Esta composición artística terá como temática a representación dunha das cinco emocións propostas ao inicio do REA. Cada composición estará formada polas obras de arte elaboradas coa técnica de colaxe polos integrantes do equipo de xeito individual. Antes de elaborar a presentación conxunta do produto final, o alumnado reunirase para debater sobre os puntos en común e as diferenzas entre as distintas obras, co obxectivo de ofrecer unha visión global e coherente do conxunto.
A composición estará enmarcada na cor que vai asociada á emoción elixida e incluirá un código QR que dará acceso a unha ficha técnica da obra estruturada nos seguintes apartados:
- Identidade das persoas autoras.
- Definición da emoción asignada ao grupo.
- Exemplo dunha obra pictórica coñecida que represente a devandita emoción, xunto coa xustificación da súa elección.
- Presentación grupal da composición, facendo referencia ás conclusións extraídas do debate sobre se a mesma emoción reflicte as mesmas vivencias ou diferentes.
Estas composicións artísticas formarán parte da primeira sala dun museo (aula ou corredor habilitado) e o alumnado asistirá a presentación das obras dos demais equipos.
Nos seguintes REA da área de Educación en Valores Cívicos e Éticos crearanse dúas salas máis deste museo.
Enfoque multinivel do reto
O reto está deseñado para favorecer a participación de todo o alumnado, respectando as súas capacidades, intereses, estilos de aprendizaxe e nivel de autonomía. Co obxectivo de garantir unha adecuada atención á diversidade, cada integrante do equipo elabora de maneira individual a súa propia obra artística, que posteriormente se integra nunha composición colectiva. Deste xeito, promóvese a valoración das diferenzas individuais como un elemento enriquecedor que contribúe positivamente ao traballo cooperativo e ao resultado final do equipo.
O reto ofrece tres opcións de consecución en función do grao de autonomía, reflexión e transferencia de aprendizaxes que faga o alumnado.
Dentro de cada unha das opcións están nivelados os distintos apartados que debe levar a presentación da composición artística:
- Título elixido: capacidade de construír un significado común respectando e valorando as creacións individuais.
- Gama cromática: creatividade e o uso consciente da linguaxe artística para comunicar emocións.
- Definición da emoción representada: comprensión e expresión de emocións.
- Obras famosas seleccionadas: apreciación artística e conexión entre referentes culturais e a creación propia.
A nivelación do reto pódese ver no documento "Avaliación do reto", que tamén aparece no apartado 3.2 Recursos e solucións do REA desta guía.
Todas as opcións teñen o mesmo valor e recoñécense como axeitadas, facilitando que o reto resulte alcanzable e motivador para todo o alumnado.
Así mesmo, promóvese o emprego dun diario de aprendizaxe individual, en papel ou dixital, co obxectivo de impulsar a reflexión sobre o propio proceso de aprendizaxe.
Atención á diversidade
Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades, propostas, recursos e materiais que se presentan son abertas e flexibles, de tal maneira que poidan ser adaptadas e flexibilizadas ás necesidades, características e motivación do alumnado.
A atención á diversidade pode apreciarse nas actividades individuais multinivel que están graduadas en distintos niveis de dificultade. E tamén nas actividades grupais, ao propoñer diferentes niveis de consecución do reto.
Os agrupamentos heteroxéneos propostos permiten combinar talentos, apoiar necesidades individuais e garantir que todas as persoas poidan participar e aprender de forma significativa no reto da unidade.
Tamén a presentación da información do REA atende á diversidade de estilos de aprendizaxes ao incorporar os seguintes recursos:
- Glosario: ao inicio de cada páxina para explicar os termos máis complexos. As definicións acompáñanse de exemplos e pictogramas significativos.
- Lectura facilitada: dispoñible para cada actividade. Explícase o contido con linguaxe sinxela, clara e accesible.
Recomendacións lectoras
Ao tempo que levamos a cabo este REA sería interesante dispoñer na aula de libros relacionados coa temática das emocións e da arte. Algunhas recomendacións son:
- Nuñez, C., & Romero, R. (2016). Emocionario. Di o que sentes. Palabras Aladas.
- Nuñez, C., & Romero, R. (2016). El arte de emocionarte: Explora tus emociones. Nube de Tinta.
- Llenas, A. (2016). Laberinto del alma. Planeta.
- Fuga, M. (2021). Emocionarte. Mira, lee, dibuja, colorea. Duomo ediciones.
- Deuchars, M. (s. f.). Arte: crea tu libro. Coco Books.
- Serret, C. (2024). Artistas. 22 genios de la pintura de todos los tiempos. Mis Pequeños Héroes.
- Rubayo, S., & Gállego, A. (2024). Pintoras. Vol. 1: Del siglo VI a. C. al XVII. Contextos.