Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

A creación deste REA (Recurso Educativo Aberto) englóbase no marco do proxecto cREAgal.

A área de Educación en Valores Cívicos e Éticos, na etapa de educación primaria, comprende o desenvolvemento de catro obxectivos fundamentais:

1. O autocoñecemento e o desenvolvemento da autonomía persoal.

2. A comprensión do marco social de convivencia e o compromiso cos principios, normas e valores democráticos que o rexen.

3. A adopción de actitudes compatibles coa sostibilidade da contorna.

4. A educación das emocións, o desenvolvemento da sensibilidade e a actitude afectiva adecuada con respecto aos valores e problemas éticos e cívicos.

Nesta área, axúdase a garantir o dereito universal dos nenos e nenas a recibir unha educación que lles permita desenvolver ao máximo as súas posibilidades, formarse no respecto aos dereitos humanos e liberdades fundamentais, e prepararse para asumir unha vida responsable nunha sociedade libre e democrática.

Este REA está altamente vencellado á área de Educación Plástica e Visual. No desenvolvemento das diferentes situacións de aprendizaxe, a expresión artística cobra gran protagonismo como fío condutor. A arte é connatural ao ser humano desde a orixe dos tempos, e actúa como xerme de emocións. As diferentes manifestacións culturais e artísticas teñen unha presenza constante na contorna e na vida das persoas, formando parte intrínseca do seu propio ser e da súa actividade comunicativa e social, á vez que son parte esencial do patrimonio cultural. Neste sentido, o reto é a creación dun museo. Para a súa consecución, a xestión emocional será a chave en relación ao desenvolvemento de actividades.

Neste sentido, faise necesario definir unhas liñas metodolóxicas que favorezan o progreso do alumnado no sexto curso:

  • Aprendizaxe cooperativa: o deseño de tarefas en grupo require comunicación entre iguais, escoita de ideas, aprendizaxe de normas de convivencia, etc. que potencian o coñecemento das emocións propias e alleas, permitindo a cada individuo desenvolver as súas capacidades específicas.
  • Aprendizaxe significativa: as propostas terán unha vinculación directa co alumnado de forma que sexa para eles algo recoñecible da súa realidade.
  • Ensinanza individualizada: complementariamente ao traballo cooperativo, os docentes proporcionaremos tarefas e ensinanzas a cada un dos alumnos en función das súas capacidades e necesidades.
  • Entorno multimedia: a linguaxe está presente en distintos formatos: directo, a través de material impreso, a través de medios electrónicos visuais e sonoros. Desenvolveranse destrezas de comunicación oral e escrita nestes distintos soportes de maneira equilibrada. Valorando o emprego da linguaxe non discriminatoria.
  • Autoavaliativo: nas tarefas individuais, así como nas colectivas, será o propio alumno e alumna quen revise e avalíe a súa produción na busca de erros e de mellora comunicativa.
  • Progresividade e consolidación: todo o aprendido en cada momento vai enriquecer o xa adquirido anteriormente. Deste xeito irán enriquecendo as capacidades comunicativas, e o desenvolvemento curricular no curso reforza o adquirido no curso anterior.
  • Alfabetización informacional: adicarase tempo específico á aprendizaxe e práctica de procura de información, de coñecemento da organización dos contidos  e no desenvolvemento competencial no manexo de ferramentas TIC no proceso de construción do coñecemento de forma activa por parte do alumnado.

De xeito complementario ao exposto ata o de agora, atopamos a concreción metodolóxica deste REA coas seguintes liñas centrais:

  1. O uso dunha temática significativa e diferente, na que poidan ser os propios protagonistas do proceso.
  2. Accesibilidade cognitiva a través de DUA, o que permite a eliminación de barreiras ao incluír aspectos como lectura facilitada, contido alternativo en formato audio e tamén a posibilidade de apoio visual.
  3. Inclusión e diversidade na aula e a personalización da aprendizaxe dadas a oferta de actividades multinivel.
  4. Atender aos distintos estilos e ritmos de aprendizaxe nas propostas de realización das distintas tarefas.
  5. Autonomía no proceso de ensino-aprendizaxe, no que o erro forma parte da aprendizaxe e o carácter competencial dos criterios de avaliación permiten atender tanto ao produto final esperado como aos procesos e actitudes.
  6. Usar distintas modalidades de agrupamento: traballo individual, en pequeno grupo ou en gran grupo para favorecer as interaccións do grupo-aula.

Finalmente, engadir que o proceso de desenvolvemento desta situación de aprendizaxe, pretende desenvolver no alumnado unha intelixencia emocional; potenciar a imaxinación e a creatividade; xestionar os dilemas morais; respectar a diferencia e crear un autoconcepto positivo; favorecer o espírito crítico ante obras e manifestacións culturais e adquirir as destrezas necesarias para empregar os elementos plásticos como recursos expresivos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)