Pinceladas de emocións
Este REA (Recurso Educativo Aberto) correspóndese coa unidade 1 e 2 da área de Educación en Valores Cívicos e Éticos da programación de Proens. É un recurso globalizado, que abrangue distintas áreas, dun xeito transversal.
O fío condutor é a creación dun museo. Co desenvolvemento dos retos, configuraremos as obras que darán forma a este espazo, con tres salas definidas (unha para cada reto).
Esta proposta ten como fin mellorar o desenvolvemento global do alumnado, estimulando a expresividade, a sensibilidade social e as capacidades comunicativas. Preténdese favorecer a educación emocional como punto clave na xestión de aprendizaxes.
Neste sentido, o REA está vencellado coa unidade 2 "Animación" da área de Educación Plástica e Visual. Porén, é preciso indicar que se traballan intrinsecamente aspectos da área de Lingua e Literatura, Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais.
Os bloques de autocoñecemento e autonomía persoal; sociedade, xustiza e democracia; e desenvolvemento sostible e ética ambiental, pretenden facer un percorrido dende a propia persoa ata a súa autonomía, analizando o papel que cada individuo ten na sociedade e a súa responsabilidade para cos demais.
A través da consecución reto, promóvense as seguintes metas de aprendizaxe:
- Identificar as emocións básicas como base dunha boa xestión emocional.
- Definir con claridade os conceptos de identidade, diferenza e dignidade.
- Valorar a arte como expresión de sentimentos e enriquecemento cultural.
- Respectar as intervencións dos demais, valorándoas e recollendo ideas que enriquezan as achegas propias.
- Resolver dilemas morais de xeito autónomo.
- Participar en debates cunha actitude aberta e dialogante.