A cidade suspendida
Este REA (recurso educativo aberto) propón unha experiencia creativa onde a arte e a xeometría se combinan para dar lugar a unha instalación artística única: unha cidade suspendida deseñada polo alumnado. O proxecto está estruturado en varias etapas que integran aprendizaxe colaborativa, exploración artística e aplicación de conceptos xeométricos. A través de actividades prácticas, o alumnado mergúllanse no mundo da perspectiva, do deseño técnico e da inspiración artística, tomando como referencia a obra de Georgia O'Keeffe e o estilo Art Déco presente na arquitectura de Nova York.
A situación de aprendizaxe explora a conexión entre arte, matemáticas e expresión creativa, utilizando ferramentas como o debuxo xeométrico para desenvolver habilidades técnicas e artísticas. Durante o proceso, os equipos de alumnado colaboran para crear un mural de inspiración, investigar formas xeométricas presentes na vida cotiá, e transformar materiais como cartón, la e papel en elementos arquitectónicos para a súa cidade suspendida.
Ao final, o alumando presenta unha instalación artística grupal onde a cidade de cartón colga boca abaixo desde o teito, representando un espazo onírico que combina imaxinación e deseño. A actividade fomenta a observación, a innovación e a integración de elementos artísticos, xeométricos e emocionais para transformar a aula nunha obra de arte interactiva.
As metas de aprendizaxe son:
- Comprender a conexión entre arte e xeometría.
- Desenvolver habilidades de debuxo técnico e perspectiva.
- Fomentar a creatividade e a expresión artística.
- Aprender sobre estilos artísticos influentes.
- Colaborar en equipos para investigar, deseñar e crear, fomentando habilidades de comunicación e cooperación.
- Crear unha instalación artística interactiva.
- Promover o pensamento crítico e a resolución de problemas.
- Integrar disciplinas diferentes (matemáticas, arte e deseño) para crear un proxecto.