Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
O resto proposto no REA está pensado para que o profesorado poida axustar todas as propostas de traballo segundo os recursos cos que conte no centro. A estrutura é flexible, polo que cada actividade pode adaptarse ao espazo, ao tempo e ao material dispoñible. A continuación, recóllense algunhas suxestións de material para levar a cabo as propostas do REA á aula:
- Equipamento informático: para a presentación inicial do reto e para a actividade "As comisións olímpicas" da Fase 2 é suficiente ter un só ordenador ou tableta na aula. Para as actividades "Prendendo a chama" da Fase 2 e para as actividades "Prepárate para render", "Saltando sen límites", "Voando por enriba do listón", "Saíndo cara a meta", "Sincroniza e corre", "Golpeando contra o muro", "Melloramos cooperando", " Talento galego" e "Misión breakout" da Fase 3, así como a organización da Fase 4 "Selección en 3, 2, 1!" é necesario como mínimo un dispositivo por equipo de alumnos/as. Por último, para as actividades interactivas da Fase 2 e 3 é necesario un equipo informático por alumno/a.
- Material impreso/en papel: as etiquetas cos valores e principios olímpicos, as tarxetas con conceptos das probas de atletismo ou coas 5 fases do quecemento, así como cos nomes dos e das deportistas galegos e galegas ou os roles das actividades "Igualdade en acción" da Fase 3.4 poden imprimirse en tamaño A7 ou escribirse a man.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
As actividades grupais do REA aparecen sinaladas cunha barra de estado na que se indica o tipo de agrupamento e a súa duración. Distínguense dous tipos de agrupamentos:
- Gran grupo: inclúe a todo o alumnado da aula.
- Pequeno grupo: refírese aos equipos de estudantes que se forman para abordar o reto. Estes grupos constitúense na Fase 2 na actividade "As comisións olímpicas", na que o alumnado se organiza en grupos heteroxéneos para explorar o que xa sabe sobre os principios olímpicos, o quecemento e o atletismo. Estes equipos manteranse estables ao longo do proxecto.
Aínda que o proxecto non fixa un número estrito de integrantes por grupo, recoméndase que cada equipo teña arredor de 6 persoas, mesmo se isto implica reducir o número total de grupos.
Produtos finais
O produto final do REA "A gran selección galega" consiste na creación e deseño dun breakout, no que cada equipo, como parte do Comité Olímpico Galego, deberá elaborar unha serie de probas e enigmas físicos e teóricos para seleccionar aos mellores deportistas que representarán a Galicia nas modalidades de atletismo e actividades con pas.
Cada membro do grupo contribuirá á preparación, deseño e posta en práctica das probas do breakout; colaborando co equipo para seleccionar aos mellores deportistas e poñer en valor o traballo en equipo, o esforzo, os hábitos saudables e o espírito olímpico.
Enfoque multinivel do reto
Este REA está deseñado dende un enfoque multinivel, recoñecendo a diversidade de ritmos, intereses, capacidades motrices e estilos de aprendizaxe do alumnado. En particular:
- O traballo colaborativo e a proposta de tarefas abertas e flexibles permiten diferentes niveis de participación e apoio para que todo o alumnado poida implicarse activamente na preparación e realización do breakout "A gran selección galega", contribuíndo segundo as súas posibilidades e potenciando o éxito individual e colectivo.
- A posibilidade de escoller o número e o tipo de desafíos que formarán parte do breakout permite ao alumnado desenvolver a súa creatividade a través de diferentes vías de aprendizaxe. A elaboración de probas con distintos niveis de dificultade tamén favorece a participación de todo o alumnado na tarefa, contribuíndo cada un/unha desde as súas fortalezas.
Dentro destas posibilidades de escolla, o profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Avaliación parcial do REA
Tal e como se recolle no apartado 2. Contextualización curricular desta guía, o REA "A gran selección galega" queda temporalizado entre o segundo e o terceiro trimestre do curso.
A súa avaliación parcial é posible en diferentes momentos da Fase 3, empregando os seguintes instrumentos, que están dispoñibles no apartado 3.2. Recursos e solucións do REA desta guía:
- Lista de cotexo de rutina de quecemento e estiramentos: ao finalizar o apartado 3.1. do REA.
- Rúbrica do reto: aplicando todos os ítems, agás o último ("Capacidade de análise e avaliación") ao finalizar a Fase 3.
Xestión de espazos
Para o desenvolvemento deste REA, os espazos van ser organizados de forma flexible e segura, garantindo que cada actividade dispoña do entorno axeitado.
No proxecto "A gran selección galega" é importante planificar e organizar os espazos para cada actividade:
- Aula ou ximnasio: actividades de investigación, actividades de retroalimentación, deseño de enigmas, etc.
- Patio, ximnasio, pavillón ou espazos exteriores do centro: práctica dos desafíos en pequenos grupos, realización de probas de atletismo e actividades con pas, deseño e montaxe do breakout, demostración e posta en práctica das probas creadas polo alumnado.
O profesorado organizará os espazos tendo en conta os agrupamentos e os contidos que se desenvolven, pero tamén fomentará que o alumnado colabore na distribución e respectando as normas de convivencia e seguridade. Así, todos os grupos poden traballar de maneira autónoma e eficaz ao mesmo tempo.
Xestión e organización do breakout
Na actividade "O Comité fai a proba", correspondente á Fase 5.1. "Valoración olímpica", cada grupo poñerá en práctica un breakout deseñado por outro equipo, previamente asignado mediante sorteo pola persoa docente.
O alumnado poderá asumir diferentes roles segundo se determine: como participantes, resolvendo as probas propostas, e/ou como organizadores/as-colaboradores/as, apoiando na explicación das normas, no control do desenvolvemento e na supervisión das actividades.
A sesión desenvolverase no pavillón, ximnasio ou patio, organizando o espazo en dúas ou tres zonas diferenciadas, en función do número de equipos. En cada zona realizarase un breakout de maneira simultánea, garantindo unha distribución clara que permita o correcto desenvolvemento das probas, evite interferencias entre grupos e asegure un uso seguro do espazo.
Cada equipo deberá completar o breakout asignado nun tempo máximo de 40 minutos, seguindo as indicacións establecidas polo grupo creador. Esta organización permitirá ao alumnado vivir a experiencia desde distintas perspectivas e facilitará a análise e valoración final da actividade dentro do proceso de avaliación olímpica.