Saltar navegación

1. Descrición xeral

A gran selección galega

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado de 2º de Ensino Secundario Obrigatorio aos deportes individuais, con e sen complemento, promovendo a cooperación, a reflexión sobre hábitos saudables e o espírito olímpico.

O REA articúlase arredor dunha Situación de Aprendizaxe (SA) na que o alumnado, traballando en pequeno grupo, deberá elaborar un breakout cooperativo composto por unha serie de probas relacionadas co quecemento, o atletismo e as pas. Para completar con éxito o breakout, os grupos deberán coordinarse, distribuír roles, superar desafíos físicos e reflexionar sobre as prácticas sociais que afectan a saúde e á convivencia.

O obxectivo final é seleccionar un Comité Olímpico Galego simbólico, no que cada grupo demostre non só habilidades deportivas, senón tamén capacidade de cooperación, liderado. Este proxecto permite poñer en valor as prácticas físicas como ferramentas de coordinación, saúde e convivencia e fomenta unha aprendizaxe activa, motivadora e inclusiva.

As metas de aprendizaxe son: 

  1. Empregar o corpo como ferramenta de coordinación, control e superación de desafíos físicos.
  2. Coñecer, practicar e valorar actividades motrices con pas e modalidades de atletismo.
  3. Mellorar a condición física, a coordinación, o equilibrio, a forza e a resistencia, así como o control do movemento.
  4. Traballar en equipo de xeito colaborativo e respectuoso, empregando habilidades sociais e diálogo para superar desafíos e resolver conflitos.
  5. Aplicar estratexias e reflexións sobre o impacto das prácticas sociais na saúde e na convivencia, evitando comportamentos negativos.
  6. Empregar aplicacións dixitais como apoio na práctica de actividades físicas.

Que é unha situación de aprendizaxe?

Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.

Ao longo do proxecto, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordándoos a través de metodoloxías activas.

As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases.

  • A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
  • A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
  • Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
  • Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
  • Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)