Galegas polo mundo!
O REA "Galegas polo mundo!" propón un enfoque global e práctico para traballar os contidos de Educación Física a través da danza, os xogos tradicionais e a expresión corporal. O alumnado enfróntase a un reto común: deseñar e realizar unha emisión en directo que dea a coñecer a cultura galega en diálogo con outras culturas do mundo, empregando a danza e os xogos tradicionais como fío condutor.
Ao longo do proxecto, o alumnado participa de forma activa en actividades de exploración, práctica, creación e representación, asumindo diferentes roles e responsabilidades. O traballo desenvólvese de maneira progresiva, combinando momentos individuais e grupais, e culmina cunha emisión final na que se integran as aprendizaxes realizadas.
Durante o REA, o alumnado apoiarase en recursos como o diario de aprendizaxe, que favorecerá a reflexión persoal e grupal, así como en diferentes guías e rexistros que lle axudarán a organizar o traballo, avaliar o proceso e mellorar o resultado final.
Trátase dunha proposta flexible, que permite ao profesorado adaptar tempos, espazos, agrupamentos e recursos ás características do grupo e do contexto educativo. Os distintos bloques do REA están deseñados seguindo os principios do DUA, ofrecendo a información en diversos formatos e niveis de acceso, así como actividades multinivel que facilitan a atención á diversidade do alumnado.
Deste xeito, o REA ofrece ao profesorado unha proposta motivadora para traballar a Educación Física desde unha perspectiva cultural e expresiva, promovendo o respecto pola diversidade e o achegamento entre a cultura galega e outras culturas do mundo.