Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
O resto proposto no REA está pensado para que o profesorado poida axustar todas as propostas de traballo segundo os recursos cos que conte no centro. A estrutura é flexible, polo que cada actividade pode adaptarse ao espazo, ao tempo e ao material dispoñible. A continuación, recóllense algunhas suxestións de material para levar a cabo as propostas do REA á aula:
- Equipamento informático: para a presentación inicial do reto e para a actividade "O ritmo que vos une" da fase 2 é suficiente ter un só ordenador ou tablet na aula; para as actividades "Quen se encargará de....?" da fase 2 e para as actividades "A nosa xota", "O noso xogo", "Mapa" e "Práctica e rexistra" da fase 3, así como a organización da fase 4 "Saída en antena" é necesario como mínimo un dispositivo por equipo de alumnos/as; para as actividades interactivas da fase 2 e 3 é necesario un equipo informático por alumno/a.
- Altofalante: precisarase un altofalante para a fase 4 "Dentro directo" e para realizar a actividade “O ritmo que nos une”, no apartado 2.1. Sintonizando coñecementos; o profesorado poderá empregar audios con ritmos de Xapón, Irlanda, Kenya e Bolivia, que servirán para dinamizar o movemento e axudar ao alumnado a identificar estilos culturais diferentes. No apartado 4.1 de Ambientación pódese descargar e acceder aos ritmos dos diferentes países. Estes fragmentos permitirán crear o ambiente musical necesario para o xogo e facilitará o traballo de recoñecemento auditivo e expresión corporal. Para as actividades "A nosa xota", "O noso xogo" e "Práctica e rexistra" da fase 3, é necesario como mínimo un altofalante por equipo de alumnos/as.
- Material impreso/en papel: as bandeiras que a/o docente colocará no chan poden imprimirse en tamaño A4; poden descargarse facilmente desde internet mediante calquera navegador web. Para a actividade "Canle 2", do apartado 2.1. o/a docente entregará ao alumnado post-it con nomes de diferentes danzas do mundo, como Funk, Hip-Hop, Breaking (EEUU), Rapa (México), Tango (Arxentina), Tanko Bushi (Xapón) e Kwassa kwassa (Congo), Muiñeira (Galicia). Estes post-it deberán colocarse en distintas zonas dun mapamundi situado na aula. O mapamundi pode ser: proxectado, impreso, reciclado ou reutilizado, segundo os recursos dispoñibles pola persoa docente. A/O docente deixará 3 minutos a cada grupo, antes de pasar á posta en común. O obxectivo é que o alumnado localice e relacione cada danza co seu país de orixe, fomentando a aprendizaxe visual, a identificación cultural e o traballo en grupo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
As actividades grupais do REA aparecen sinaladas cunha barra de estado na que se indica o tipo de agrupamento e a duración da mesma. Distínguense dous tipos de agrupamentos:
- Gran grupo: inclúe a todo o alumnado da aula.
- Pequeno grupo: refírese aos equipos de estudantes que se forman para abordar o reto. Estes grupos constitúense na fase 2, na que o alumnado se organiza en grupos heteroxéneos para explorar o que xa sabe sobre danzas galegas e internacionais, xogos populares e elementos culturais asociados a cada país. Estes equipos manteranse estables ao longo do proxecto e, dentro deles, cada membro asumirá un rol específico, imprescindible para que a emisión final de "Galegas polo mundo" funcione como un verdadeiro programa profesional:
- Coordinador/a: organiza o equipo, reparte tempos e tarefas, e actúa como ponte entre o profesorado e o grupo.
- Técnicos/as: encárganse do son, do vestiario, dos materiais e de que todo o necesario para que a actuación e o xogo estea listo e ben presentado.
- Reporteiros/as: responsables de falar diante da cámara, adaptar o guión, tomar notas e rexistrar a información relevante para a emisión.
- Instrutor/a de xogo: guía os ensaios, supervisa os movementos ou normas do xogo e combina as achegas do equipo para crear unha actuación sólida e coordinada.
Aínda que o proxecto non fixa un número estrito de integrantes por grupo, recoméndase que cada equipo teña arredor de 6 persoas, mesmo se isto implica reducir o número total de grupos. Grupos máis pequenos dificultarían a representación das danzas.
Produtos finais
O produto final do REA "Galegas polo mundo!" consiste na creación e realización dunha emisión en directo na que cada equipo actuará como un grupo de emigrantes galegos vivindo no estranxeiro, dende o que amosan un xogo ou danza de diferentes países do mundo e/ou un xogo da cultura galega ou unha xota.
Cada membro do grupo asumirá un rol concreto (reporteiro/a, coordinador/a, técnico/a, instrutor/a…), contribuíndo á preparación, posta en escena e retransmisión do programa, co obxectivo de compartir, comunicar e poñer en valor a diversidade cultural a través do movemento e a expresión corporal.
Dentro da organización do evento, tamén terán outras tarefas:
- Elaboración dun guión.
- Organización do material.
- Xestión da música, vestiario e decoración.
Enfoque multinivel do reto
Este REA está deseñado dende un enfoque multinivel, recoñecendo a diversidade de ritmos, intereses, capacidades motrices e estilos de aprendizaxe do alumnado. En particular:
- O traballo colaborativo a asignación de roles variados e a proposta de tarefas abertas e flexibles permiten diferentes niveis de participación e apoio para que todo o alumnado poida implicarse activamente na preparación e realización da emisión de "Galegas polo mundo", contribuíndo segundo as súas posibilidades e potenciando o éxito individual e colectivo.
- A posibilidade de escolla da danza e o xogo a representar durante a emisión en directo permite que o alumnado desenvolva a súa creatividade a través de diferentes vías de aprendizaxe.
- A elaboración de guións de diferente nivel de competencia (principiante e avanzado) favorece a contribución de todo o alumnado á tarefa, cada un/ha desde a súas fortalezas.
Dentro destas posibilidades de escolla, o profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Xestión dos espazos
Para o desenvolvemento deste REA, os espazos van ser organizados de forma flexible e segura, garantindo que cada actividade dispoña do entorno axeitado.
No proxecto "Galegas polo mundo!", é importante planificar e organizar os espazos para cada actividade:
- Aula ou ximnasio: actividades de investigación, preparación de guións, rexistro de ideas, etc.
- Patio, ximnasio, pavillón ou espazos exteriores do centro: ensaios de danzas e xogos en pequenos grupos, recreación de escenarios da emisión, etc.
O profesorado organizará os espazos tendo en conta os agrupamentos e os contidos que se desenvolven, pero tamén fomentará que o alumnado colabore na distribución e respectando as normas de convivencia e seguridade. Así, todos os grupos poden traballar de maneira autónoma e eficaz ao mesmo tempo.
Xestión e organización dos xogos e das danzas
A asignación dos xogos e dos destinos poderá realizarse segundo distintos criterios organizativos, en función das necesidades do grupo-clase e do tempo dispoñible. Unha opción é empregar como criterio, a orde de finalización das tarefas previas: o grupo que complete antes e correctamente a creación e o rexistro do xogo ou da xota poderá escoller primeiro o xogo e o país no que realizará a súa emisión, seguido do resto dos equipos. Nesta opción os grupos organizarán o material e practicarán no espazo asignado o xogo escollido.
Para os xogos galegos proponse que cada grupo de estudantes practique un diferente. Isto implica que cada equipo se especializa nun xogo concreto, afondando no seu coñecemento, comprendendo as súas normas, a súa orixe e a súa dinámica, e converténdose en “expertos” nel. Este traballo permitirá, se así se considera axeitado, realizar pequenas adaptacións ou modificacións nas normas para axustalo ao grupo-clase ou á emisión en directo, sempre mantendo a esencia do xogo tradicional. Como alternativa, o profesorado poderá optar por unha organización en circuíto, creando distintas estacións, cada unha dedicada a un xogo diferente. Os grupos irán rotando polas estacións, de xeito que todo o alumnado teña a oportunidade de practicar os distintos xogos para posteriormente especializarse no escollido previamente. A elección dunha ou outra proposta quedará a criterio do profesorado, en función do contexto da aula, do número de grupos e dos obxectivos didácticos que se queiran priorizar.
Para a práctica das danzas previa á emisión final, o espazo organizarase de maneira flexible, repartindo os grupos por distintas zonas do ximnasio ou doutros espazos dispoñibles. Cada equipo contará cun dispositivo con acceso a internet (ordenador Edixgal) que lle permitirá visualizar os vídeos de referencia, ensaiar de maneira autónoma e realizar axustes no seu traballo. Ademais, a persoa docente poderá habilitar unha tarefa na AV para que o alumnado entregue o arquivo de audio que utilizará para a ambientación da emisión, servindo como copia de seguridade.
Esta organización permite adaptarse ao contexto do centro, favorece a autonomía do alumnado e facilita unha preparación progresiva da emisión en directo.
Organización da emisión en directo de "Galegas polo mundo"
A orde de actuación dos equipos durante a emisión será determinada mediante sorteo, garantindo así que todos/as teñan a mesma oportunidade de participar de maneira equitativa. Cada grupo realizará a súa actuación nunha zona delimitada para actuar, mentres o resto do alumnado ocupará a zona de público, respectando a distancia e a visibilidade.
O profesorado poderá optar por gravar a emisión, tanto para utilizala como instrumento de avaliación como para posteriormente analizar e reflexionar coa clase sobre a actuación, a coordinación do grupo, a expresión corporal e a integración dos elementos culturais na conexión en directo. Esta organización permite combinar a espontaneidade da actuación coa avaliación formativa, favorecendo a aprendizaxe e a auto-reflexión do alumnado e a interacción respectuosa entre público e actores. No caso de que se realice a gravación, deberán terse en conta as prescricións da Lei de Proteción de datos que aplican.
Se a loxística o permitise, sería interesante involucrar a máis membros da comunidade educativa no desenvolvemento da emisión. Podería invitarse, por exemplo, a outros grupos de alumnos/as de niveis superiores a que asistisen como público. Por outra banda, podería ser interesante facer coincidir ou repetir a emisión nalgún evento cultural que se realice no centro.