Saltar navegación

1. Descrición xeral

Galegas polo mundo!

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado de 2º de Ensino Secundario Obrigatorio á danza e ao xogo como medios de expresión corporal e como ferramentas de transmisión cultural e de valores.

O REA articúlase arredor dunha Situación de Aprendizaxe (SA) na que o alumnado, traballando en pequeno grupo, deberá organizar unha emisión en directo, simulando vivir nun país estranxeiro desde o que realiza conexións cun estudio de gravación localizado en Galicia. Para levar a cabo esta emisión, o alumnado terá que traballar a danza e o xogo en pequeno grupo, elaborando unha representación que permita poñelos en valor non só como prácticas físicas que favorecen a coordinación, senón tamén como elementos transmisores do modo de vida dun pobo.

As metas de aprendizaxe son: 

  1. Empregar o corpo como ferramenta de expresión e comunicación.
  2. Coñecer, practicar e valorar xogos e danzas populares galegas e doutras culturas.
  3. Mellorar a expresión corporal, a coordinación, o ritmo e o control do movemento.
  4. Traballar en equipo de xeito colaborativo e respectuoso, empregando as habilidades sociais e o diálogo para resolver conflitos.
  5. Levar a cabo unha práctica motriz saudable e responsable cos demais e co medio.
  6. Empregar aplicacións dixitais como apoio na práctica de actividades físicas.

Que é unha situación de aprendizaxe?

Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.

Ao longo do proxecto, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordándoos a través de metodoloxías activas.

As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases.

  • A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
  • A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
  • Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
  • Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
  • Por último, a quinta fase está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)