Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
O REA foi concibido para facilitar que o profesorado poida axustar as propostas de traballo do alumnado aos medios dos que dispón o centro.
Para a realización das tarefas individuais e interactivas correspondentes ás fases 2 e 3, é necesario contar cun equipo informático.
No referente á elaboración da Guía de Supervivencia, non se establece un método concreto de creación. En función do tipo de recursos dispoñibles, recoméndase o seguinte:
- Sen recursos dixitais: empregar materiais propios da área de Educación Física ou outros de uso habitual na aula, como cartolina, papel e diversos materiais.
- Con aplicacións sen conexión a Internet: utilizar LibreOffice para recoller os apuntamentos necesarios de cada contido.
- Con servizos en liña: facer uso da plataforma da aula virtual, ou e-dixgal como soporte para o traballo colaborativo na creación dos produtos dixitais.
Enfoque multinivel do reto
Tanto os desafíos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades individuais. As tres posibilidades para cada desafío son as seguintes:
- Sen axuda.
- Coa axuda do axente 017 (Profesor/a).
- Coa axuda de Vittalo Motore (Profesor/a + extra).
Ademais, aquel alumnado lesionado terá actividades teóricas para facer, vinculadas cos contidos prácticos a impartir.
O reto final de crear unha guía de supervivencia resultará de todos os apuntamentos das diferentes sesións. Para a elaboración desta guía contamos cos apuntamentos tomados na fase 3, pero vaise realizar na casa. Na "batalla" final deberá aplicar dita guía. Por último, na fase 5, cada grupo expón a súa guía.
O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe preséntase como unha ferramenta de apoio á reflexión do propio alumnado, sen carácter avaliable. O seu obxectivo é promover que o alumnado pense sobre o que aprende e sobre como se produce ese proceso de aprendizaxe, en relación directa coa competencia de aprender a aprender. Ao mesmo tempo, resulta útil para o profesorado, xa que, aínda que non se trate dunha actividade avaliable, a análise dos diarios pode axudar a orientar e mellorar a práctica docente, adaptándoa ás características do alumnado.
Nel respóndense preguntas vinculadas ás aprendizaxes realizadas, así como ao proceso seguido e á súa valoración. Ao finalizar cada unha das fases, o alumnado ten unha referencia ao diario de aprendizaxe. Dadas as particularidades da nosa área, o diario está concibido para ser empregado de diferentes formas, en formato dixital ou manuscrito, e de maneira global ou dividido por fases, segundo o criterio do profesorado:
- Opción A: o diario pódese imprimir en formato libro para que o poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- Opción B: o diario pódese imprimir por fases e ser entregado dividido como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- Opción C: o diario pódese realizar e editar directamente no ordenador (de telo), coma unha tarefa para realizaren na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar a situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Preténdese garantir o máximo tempo de actividade motriz; por iso, aínda que a reflexión e a análise formen parte do proceso de aprendizaxe, é necesario planificar o seu uso do xeito máis axeitado, tendo en conta as características do alumnado, a súa tipoloxía, así como a infraestrutura do centro e os recursos tecnolóxicos dispoñibles, tanto no propio centro como nos fogares do alumnado.
Sesións de Educación Física de compromiso motor
As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na práctica de desafío de tipo cooperativo, de traballo da condición física, dos primeiros auxilios, da alimentación saudable, e do quecemento, principalmente. Todo isto tendo en conta os diversos espazos para poder desenvolver as capacidades físicas básicas.
Por tanto, en cada unha das fases, especialmente na fase 3, contamos cun apartado "a practicar" no que aparecerán vídeos sobre diversos desafíos vinculados cos contidos, recalcando desta maneira a importancia do aspecto práctico da nosa materia.
A planificación das sesións que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o/a docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.
Modelos de sesión para a elaboración de sesións desta situación de aprendizaxe:
Acceso ao documento en PDF. (Abre en nova xanela)
Acceso ao documento en formato editable. (Abre en nova xanela)
Tratamento da diversidade
O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece. A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA, polo que se recomenda elaborar as sesións tendo en conta as características do voso grupo clase.