Saltar navegación

1. Descrición xeral

Axencia S.A.U.D.E: Misión Anti-Sedentor

A "Axencia S.A.U.D.E: Misión Anti-Sedentor" é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado para descubrir, investigar e poñer en práctica hábitos que melloren a condición física e o benestar integral. A través dun reto en forma de misión, o alumnado converterase en auténticos axentes de saúde, encargadas/os de analizar, propoñer e difundir accións que fomenten unha vida activa, equilibrada e responsable.

Durante o desenvolvemento da misión, os participantes explorarán a súa propia condición física, identificando os seus puntos fortes e aqueles aspectos que poden mellorar mediante o exercicio regular e planificado. Tamén afondarán na importancia dunha alimentación variada e equilibrada, comprendendo como o que comemos inflúe directamente na nosa enerxía, no rendemento físico e mesmo no estado de ánimo. Outro dos eixos fundamentais será a hixiene postural, xunto coa educación mental, favorecendo o equilibrio emocional, elementos esenciais para un estilo de vida saudable.

O alumnado tamén se iniciará nos primeiros auxilios, adquirindo coñecementos básicos que lle permitirán actuar con serenidade e eficacia ante pequenas emerxencias. Ademais, observará e analizará os espazos do seu contorno, valorando aqueles lugares que favorecen a práctica de actividade física e a convivencia, e propoñendo ideas para facer da súa comunidade un lugar máis activo, seguro e sostible.

Metas de aprendizaxe:

  1. Comprender a relación entre actividade física e saúde, identificando os efectos negativos do sedentarismo e os beneficios dun estilo de vida activo.
  2. Mellorar a condición física (forza, resistencia, velocidade e flexibilidade) coa práctica regular de exercicio físico.
  3. Recoñecer emerxencias e aplicar as técnicas básicas de primeiros auxilios, fomentando a seguridade e o coidado dos demais.
  4. Participar activamente en desafíos individuais e cooperativos de tipo motriz, con estratexias de esforzo superación e traballo en equipo.
  5. Identificar espazos da contorna ideais para a práctica de actividade física saudable.

Que é unha situación de aprendizaxe?

Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.

Ao longo do proxecto, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordándoos a través de metodoloxías activas.

As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases.

  • A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
  • A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
  • Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
  • Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
  • Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)