Xogo programado, reto superado
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de formar ao alumnado de 3º de Ensino Secundario Obrigatorio en Programación, achegando novos conceptos e ferramentas computacionais (estruturas de control, datos simples e estruturados, aplicacións...) co obxectivo de consolidar e ampliar o estudado en cursos anteriores. Ademais, no REA conéctase a Programación co Control e a Robótica, xa que o alumnado aprenderá a recoñecer e programar sensores e actuadores de diferentes placas controladoras.
O REA articúlase arredor dunha Situación de Aprendizaxe (SA) na que o alumnado deberá usar o software libre MicroBlocks e as controladoras AdaFruit ou micro:bit para desenvolver, en grupo, unha aplicación. Cada aplicación compilarase nunha placa controladora e estará formada por 6 programas independentes que constitúen as probas do Sensa6, un novo xogo de mesa (tipo party game) que xa ten creados o taboleiro, as fichas e a mecánica do xogo. Cada programa usa uns sensores e actuadores preestablecidos e, ao longo do REA, achéganse exemplos de axuda para crealos.
A razón de usar estas controladoras en concreto é a gran cantidade de sensores e actuadores internos dos que dispoñen, sendo moi sinxela a súa utilización autónoma por parte do alumnado. Ademais son material presente nos centros educativos, ben no departamento de Tecnoloxía como dotación ou ben no material de Polos Creativos.
Ao longo deste recurso as metas de aprendizaxe son:
- Deseñar e interpretar algoritmos aplicados na creación de programas.
- Utilizar diferentes tipos de datos e variables para facer programas ben estruturados.
- Integrar o uso de sensores e actuadores en diferentes placas controladoras, comprendendo o seu funcionamento.
- Desenvolver unha aplicación sinxela e funcional para unha placa controladora.