Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
- Para empregar este REA será necesario contar cun ordenador con conexión a Internet para cada estudante, tanto para o traballo individual como grupal.
- O software demandado é de carácter libre e é de acceso vía online ou está instalado nos equipos Abalar da Consellería (LibreOffice Impress, navegador web e plataforma Moodle).
- Tamén se recomenda dispoñer de auriculares para escoitar entrevistas ou audios.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Recoméndase a creación de grupos de 3 alumnos/as, que asigna o profesorado.
Cada grupo traballará sobre un ámbito da vida hai 50 anos (educación, saúde, transporte etc.).
Para o anterior, a hora de poñer en práctica o REA na aula, recoméndase ao profesorado que teña en conta as seguintes pautas:
- Organizar o alumnado en función das súas diferentes capacidades para crear equipos nos que cada integrante faga as súas achegas, tendo en conta que hai unha importante parte individual.
- Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
- Fomentar a autonomía na busca de información, selección de contidos e elaboración da presentación.
- Guiar o alumnado no uso responsable de imaxes e contidos (licenzas, dereitos de autor etc.).
Produtos finais
O produto do reto é unha presentación dixital en grupo, na que se recolla unha comparación entre a vida hai 50 anos e a actualidade nun ámbito concreto.
Cada grupo deberá elaborar:
- Unha presentación en Impress (formato .odp).
- Unha versión exportada a PDF.
Ademais, o alumnado realizará:
- Unha exposición oral do traballo.
- A publicación na Rede mediante Moodle Board ou o Taboleiro do EVA E-Dixgal.
Publicación do traballo (Moodle Board)
Debido ás características do Moodle Board, non é posible subir directamente arquivos PDF ou presentacións completas, polo que se seguirá o seguinte procedemento:
- Cada grupo preparará un cartafol co seu traballo, que incluirá:
- O arquivo da presentación (.odp).
- O PDF exportado.
- As imaxes empregadas (se é necesario).
- Os vídeos ou sons empregados.
- Ese cartafol será comprimido (.zip ou .rar).
- O grupo subirá o arquivo comprimido a un foro do curso en Moodle. Cómpre configurar un tamaño máximo para os arquivos adxuntos axeitado.
- A continuación, cada grupo creará unha publicación en Board que inclúa:
- O título do traballo.
- Unha breve descrición.
- Unha imaxe representativa.
- Unha ligazón á súa publicación no foro.
Deste xeito, Moodle funciona como repositorio dos arquivos e Moodle Board como escaparate dos traballos.
Ademais, o alumnado poderá visualizar os traballos doutros grupos e interactuar con eles mediante comentarios.
NOTA: Cómpre sinalar que o recurso Board de Moodle pode aparecer co nome de "Tablero" ou Taboleiro no EVA E-Dixgal. Isto non afecta a súa funcionalidade.
Enfoque multinivel do reto
O reto está deseñado cun enfoque multinivel, que permite que todos os grupos elaboren unha presentación dixital adaptada ás súas capacidades, intereses e necesidades, variando a tipoloxía do contido, a profundidade da información e o nivel de complexidade.
Tal e como se recolle no apartado 4.1 do REA, establécense uns mínimos comúns para todo o alumnado:
- Elaboración dunha presentación estruturada.
- Inclusión dunha entrevista en formato son ou vídeo.
- Incorporación de recursos multimedia básicos.
- Uso de animacións e transicións.
- Diapositiva de reparto de tarefas, e diapositiva de créditos coas fontes de información.
A partir destes mínimos, cada grupo poderá afondar segundo o seu nivel:
- Mellorar o deseño visual da presentación.
- Incorporar elementos multimedia adicionais (máis imaxes, vídeos, sons, táboas, gráficas...).
- Enriquecer o contido con información máis detallada, ou mellor estruturada.
- Establecer relacións entre distintos aspectos do ámbito traballado.
- Calquera outro aspecto que mellore a presentación ou a publicación na Rede.
Uso de fontes e materiais
Para a elaboración da presentación, o alumnado debe:
- Empregar imaxes con licenza libre.
- Citar as fontes utilizadas.
- Contrastar a información obtida.
- Facer a entrevista en formato .mp4 e .avi para vídeo e en formato .wav e .mp3 para audio.
Avaliación parcial do REA
O REA está temporalizado entre o segundo e o terceiro trimestre. Por iso, está deseñado de tal maneira que é posible a súa avaliación parcial.
Neste sentido, ao longo da fase 3, inclúense unha serie de listas de cotexo vencelladas aos adestramentos. Estes instrumentos permiten ir avaliando o progreso do alumnado antes de chegar ao reto.