CÁLCulo olímpico
O REA "CÁLCulo olímpico" propón unha situación de aprendizaxe colaborativa na que o alumnado deberá analizar, organizar, e representar datos reais dunha competición deportiva mediante o emprego da folla de cálculo. Ao longo do REA, o alumnado vai desenvolvendo progresivamente habilidades básicas de LibreOffice Calc, incluíndo o formato, o emprego de funcións, e a creación e interpretación de gráficas. Despois, os estudantes aplican estes coñecementos a un reto final no que cada grupo prepara o seu propio informe referido a unha única proba dunha competición deportiva, extraendo conclusións a partir dos datos, e comunicándoos de forma clara e visual.
A secuencia didáctica do REA consta das seguintes fases:
- Fase 1: motivación → Introdución ao reto e contextualización da xestión e análise de datos deportivos mediante Calc.
- Fase 2: exploración → Revisión dos coñecementos adquiridos previamente sobre formatos e xestión de arquivos e sobre o manexo básico da folla de cálculo de LibreOffice Calc.
- Fase 3: conexión → Novos conceptos sobre manexo avanzado, funcións e gráficas en Calc.
- Fase 4: reto final → Elaboración de informes sobre datos asociados a unha competición deportiva mediante a aplicación de funcións e a realización de gráficas en Calc.
- Fase 5: conclusión → Exposición e posta en común dos informes elaborados por cada equipo, auto e coavaliación.
Nos seguintes apartados detállanse diferentes orientacións didácticas para o profesorado, así como as recomendacións de uso deste recurso e diferentes recursos e solucións a empregar no uso diario deste recurso educativo aberto na aula.