CÁLCulo olímpico
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado de 3º de Ensino Secundario Obrigatorio á xestión de datos e á extracción de información mediante o uso da folla de cálculo de LibreOffice Calc.
O REA articúlase ao redor dunha Situación de Aprendizaxe (SA) na que o alumnado deberá procesar unha base de datos de competicións deportivas para xerar un informe final de resultados no que se inclúan conclusións sobre a distribución de participantes por sexo, as mellores marcas, etc. Para isto, os estudantes traballarán en pequeno grupo e facendo uso da folla de cálculo de LibreOffice Calc, en particular, dominando o manexo básico, aplicando funcións e elaborando gráficas.
As metas de aprendizaxe son:
- Manexar un conxunto de datos dunha folla de cálculo: filtrar, ordenar e aplicar condicións.
- Realizar operacións básicas e crear formulas sinxelas coa folla de cálculo.
- Representar datos en forma de gráficos e diagramas nunha folla de cálculo.
- Dar formato a un conxunto de datos e xerar informes claros e visuais.