Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
- Equipo informático: para o seguimento deste REA é preciso contar cun equipo con conexión a Internet por cada estudante.
- Software: empregarase o software libre que está instalado por defecto nos equipos Abalar da Consellería ou dispoñible online para descarga.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
As actividades propostas neste REA son de carácter individual e grupal seguindo as seguintes consideracións:
- A maiorías das actividades propostas nas fases iniciais do REA realízanse individualmente ou en pequenos agrupamentos, para que o alumnado traballe de xeito autónomo co procesador de textos.
- O reto realizarase, preferentemente, en grupos de 4 alumnos/as que dependendo da fase do reto traballarán individualmente ou como grupo, promovendo así o reparto de tarefas, a negociación e a responsabilidade individual e por outro lado, o traballo cooperativo e colaborativo.
Para levar a cabo esta organización, recoméndase ao profesorado que implemente este REA na súa aula considerando as seguintes pautas:
- Organizar o alumnado en grupos heteroxéneos e diversos que fomenten a diversidade, a adaptabilidade a outros perfís e que enriquezan os resultados acadando un produto cunha perspectiva máis ampla debido á variedade de enfoques proporcionados polos integrantes do grupo.
- Posibilitar o traballo simultáneo no reto dos membros do grupo. A propia formulación do reto especifica o traballo individual para a elaboración dos diferentes apartados da documentación e a posterior unión do grupo nas fases finais do reto. Así o alumnado poderá abordar tarefas en función dos seus intereses e capacidades e optimizar o tempo de realización do reto.
- Asignar a cada alumno/a unha función no grupo na que amose as súas capacidades.
- Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
- Tamén existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.
Desenvolvemento da competencia dixital
O desenvolvemento da competencia dixital resulta intrínseco a este REA. Todas as actividades desta REA están pensadas para realizarse en formato dixital. O alumnado ten un diario de aprendizaxe dixital, de xeito que vaia reflexionando sobre o proceso.
Cumprir co reto final posibilitará aprender ou afianzar estratexias para facer un uso eficiente e seguro dos dispositivos dixitais, aplicar medidas de protección, organizar a información e crear contidos e elaborar materiais relacionados co uso seguro das TIC respectando os dereitos de autor e a etiqueta dixital. Para iso empregarán como ferramenta principal o procesador de textos e como complemento tamén poderán empregar diferentes tipos de ferramentas como: folla de cálculo, edición de son, vídeo e imaxes, etc.
Produtos finais
O produto final deste REA é a documentación dun club de actividades de ocio que fomente a dinamización dos recreos do centro educativo mediante a exploración de novas propostas de ocio en grupo. A creación desta documentación ten como obxectivo a aprendizaxe do manexo do procesador de textos.
Na produción desta "Documentación do club" o alumnado terá que abordar estas tarefas:
- Crear un club formando un grupo que desexe realizar a mesma actividade de lecer.
- Buscar un nome para o club.
- Repartir os apartados da documentación que levará a cabo cada integrante do club.
- Acordar un formato común para toda a documentación.
- Definir un formato común para o nome de todos ficheiros que se xeren.
- Seguir un protocolo de gardado da documentación e copias de seguridade para evitar a perda de traballo.
- Unir todos os apartados da documentación nun único arquivo de texto.
- Revisar ortograficamente a documentación empregando a ferramenta proporcionada polo procesador de textos.
- Gardar, exportar e entregar aa documentación.
- Presentar o produto final nunha "feira de clubs".
Enfoque multinivel do reto
O reto pode acadarse seguindo diferentes camiños, xa que se propoñen diferentes alternativas na realización das tarefas que ten que levar a cabo o alumnado.
Os apartados que deben conformar a documentación do club divídense en apartados obrigatorios e apartados opcionais. Proporciónase ao alumnado un listado cos apartados de cada categoría, de xeito que escolla polo menos un dos opcionais. Os grupos teñen a opción de desenvolver máis dun documento opcional. Deste xeito promóvese un incremento da dificultade en función do número e a elección dos documentos opcionais que se realicen.