Comer polos ollos
O REA "Comer polos ollos" propón unha situación de aprendizaxe colaborativa na que o alumnado deseñará un cartel dixital animado para promocionar un alimento de proximidade a modo de reto.
Preténdese que o alumnado sexa quen de darlle solución ao reto proposto, e deste xeito poñer en práctica estratexias para acadar as competencias dixitais relacionadas coa edición básica de imaxes e animación dixital.
O recurso propón unha situación de aprendizaxe cooperativa, estruturada a través de cinco fases:
- Fase 1: motivación → Introdución ao reto e contextualización.
- Fase 2: exploración → Revisión dos coñecementos adquiridos previamente sobre formatos de ficheiros, estrutura de cartafoles, resolución de imaxes e outros.
- Fase 3: conexión → Novos conceptos sobre edición de imaxe dixital en mapa de bits e vectorial; manexo básico do software GIMP e Inkscape; xestión de arquivos con diferentes formatos.
- Fase 4: reto final → Deseño, creación e animación dun cartel dixital coma anuncio sobre un alimento de proximidade.
- Fase 5: conclusión → Exposición e posta en común dos carteis elaborados por cada equipo, auto e coavaliación.
Nos seguintes apartados desta guía detállanse as recomendacións de uso, e os recursos e propostas de solucións ás actividades do REA.