Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

  • Material informático básico: para as actividades individuais precísase un ordenador por persoa; para as actividades grupais é suficiente con dispoñer dun equipo por cada tres persoas. Os equipos deberán ter instalados programas de software libre como GIMP e Inkscape.
  • Conexión a internet, necesaria para a busca de información e de recursos gráficos.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Neste REA proponse a realización de actividades individuais e grupais, tendo en conta as seguintes premisas:

  • Recoméndase a creación de grupos de catro persoas, co obxectivo de desenvolver o reto proposto de maneira colaborativa. A aprendizaxe da edición de imaxe dixital realízase de forma individual, mentres que as actividades grupais se centran no desenvolvemento do produto final.
  • Dada a natureza do reto, baseada na achega de fotogramas por parte de cada integrante do grupo, pode darse o caso de que o produto final non reflicta por igual a participación de todas as persoas. O profesorado terá en conta esta circunstancia no momento de avaliar o resultado final mediante a rúbrica proposta.

Recoméndase ao profesorado que implemente este REA na súa aula ter en conta as seguintes pautas:

  • Organizar o alumnado atendendo ás súas diferentes capacidades, co fin de crear equipos heteroxéneos nos que cada persoa poida achegar o seu valor, desde perfís máis proactivos, organizativos ou con maior iniciativa, ata outros que poden presentar maiores dificultades de participación.
  • Reforzar a idea de que o produto final é responsabilidade colectiva do grupo e que este é o principal elemento que se avalía.
  • Fomentar un clima de traballo positivo, cooperativo e respectuoso, poñendo en valor os progresos e ofrecendo orientación e apoio ante as dificultades.

Produtos finais

O produto final deste REA consiste na creación dun cartel dixital animado dun alimento de proximidade. Concretamente, elaborarase un ficheiro en formato .gif cun número de fotogramas igual ou superior ao número de persoas integrantes do grupo.

Na creación do cartel, o alumnado realizará de maneira grupal as seguintes tarefas:

  • Elaborar unha proposta de deseño do anuncio, escollendo cores, tipografías e temática.
  • Asegurar un nivel mínimo de competencia dixital en cada persoa do grupo para poder contribuír á edición do seu correspondente fotograma.
  • Integrar todos os fotogramas nun mesmo equipo para crear o ficheiro de animación, cumprindo os requisitos técnicos establecidos (número de fotogramas, tempo de atraso, etc.).

Enfoque multinivel do reto

O reto pode acadarse a través de diferentes itinerarios. O alumnado ten a posibilidade de escoller o alimento que se vai promocionar, así como decidir que elementos do cartel se van animar: unicamente o texto, os obxectos ou capas, ou unha combinación de letras, capas e varios fotogramas animados.

Desenvolvemento da competencia dixital

O desenvolvemento da competencia dixital é un elemento intrínseco deste REA. Todas as actividades están concibidas para realizarse en formato dixital, aínda que se contempla a posibilidade de empregar o papel nalgunhas fases, como o bosquexo inicial da animación.

O alumnado dispón dun diario de aprendizaxe dixital que lle permite reflexionar de maneira crítica sobre o seu propio proceso de aprendizaxe. A superación do reto final facilitará a adquisición e consolidación de estratexias para facer un uso eficiente, seguro e responsable dos dispositivos dixitais, organizar a información e crear contidos dixitais respectando os dereitos de autoría e a etiqueta dixital. Para iso, poderán empregar diversas ferramentas, como procesadores de texto, follas de cálculo, editores de son, vídeo e imaxe, entre outras.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)