Comer polos ollos
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado de 3º de Ensino Secundario Obrigatorio á creación e edición de imaxes dixitais mediante o emprego das ferramentas GIMP e Inkscape, orientadas ao traballo con imaxes en mapa de bits e vectoriais, respectivamente.
O REA articúlase en torno a unha Situación de Aprendizaxe (SA) na que o alumnado deberá deseñar un cartel publicitario para dar a coñecer un produto alimentario da súa contorna. Para isto, o estudantado traballará en pequeno grupo usando os programas de edición de imaxe dixital e facendo propostas de deseño gráfico (cores, imaxes, tipografía) para elaborar unha animación que permita publicitar o alimento escollido. Ao principio, preséntanselle ao alumnado os distintos recursos de deseño gráfico tradicionalmente empregados na publicidade de alimentos, dos que terá que facer uso para o seu deseño. Despois, o alumnado traballa os conceptos e coñecementos prácticos necesarios para editar e modificar imaxes dixitais, tales como capas, modelo RGB, escalado, clonado e similares. Trabállase maioritariamente co programa GIMP, usando Inkscape para a modificación de imaxes vectoriais. Finalmente, coas competencias en ferramentas dixitais adquiridas e os exemplos mostrados no recurso, o grupo de traballo será quen de levar a cabo o reto proposto de xeito satisfactorio.
Ao longo deste recurso as metas de aprendizaxe son:
- Analizar carteis publicitarios fixándose nas súas cores, tipografías e outros recursos gráficos.
- Distinguir as propiedades dos formatos de imaxe dixital máis habituais.
- Manexar programas de edición de imaxe vectorial (Inkscape) e mapa de bits (GIMP).
- Traballar con varias imaxes ao mesmo tempo, empregando capas, para crear composicións máis complexas e profesionais.
- Facer animación dixital de imaxes, exportándoas no formato de ficheiro correspondente (GIF).