Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Hardware
O hardware necesario para a posta en práctica deste REA é de, polo menos, un computador con conexión a Internet para cada estudante. Para o desenvolvemento das actividades, o alumnado precisará acceder a equipos informáticos que permitan realizar tarefas de análise, configuración básica, consulta de información e elaboración do informe forense final.
Ademais, é recomendable contar cun proxector ou pantalla dixital na aula para a posta en común dos casos, a visualización de materiais de apoio e a celebración final do congreso de ciberseguridade no que cada equipo presentará as súas conclusións.
Software
Este REA foi deseñado para ser desenvolvido nos equipos informáticos habituais dos centros educativos, especialmente nos que conten coa maqueta Abalar, de xeito que os recursos e propostas poidan aplicarse con facilidade na aula. Aínda así, pode adaptarse a outros sistemas operativos sempre que dispoñan de ferramentas equivalentes para a edición de documentos, a navegación web e a configuración básica do sistema.
Ao longo do REA, o alumnado empregará fundamentalmente un navegador web para a consulta de recursos, formularios, contidos e ferramentas en liña, así como un procesador de textos para a elaboración do caderno ou informe forense e dos materiais de apoio para o congreso final.
No caso dos equipos Abalar, poderanse utilizar as aplicacións instaladas por defecto. Entre elas, terá especial relevancia o software LibreOffice Writer, que se empregará para a redacción e maquetaxe do informe forense, así como outras ferramentas básicas do sistema que permitan revisar axustes, organizar arquivos ou realizar configuracións relacionadas coa seguridade e o mantemento do equipo.
LibreOffice Writer
A elaboración do informe forense e doutros documentos do REA realizarase preferentemente en LibreOffice Writer, ao tratarse dun procesador de textos de software libre instalado por defecto nos computadores coa maqueta Abalar da rede de centros públicos de Galicia. No caso de non dispoñer del, tamén poderá descargarse libremente desde Internet.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
O desenvolvemento deste REA baséase nun enfoque colaborativo, no que o alumnado traballa de maneira continuada en pequeno grupo ao longo de toda a situación de aprendizaxe.
Nas actividades iniciais, fases 1 e 2, combínanse actividades de traballo individual con posta en común e traballo en pequeno grupo, co obxectivo de activar coñecementos previos e construír unha base compartida. Na fase 3 de adestramento, a creación do caderno forense desenvólvese en parellas, mentres que no caso das tarefas multinivel están deseñadas para un traballo individual.
Durante a resolución dos casos, na fase 4, o traballo en grupo cobra especial relevancia, xa que o alumnado deberá analizar información, contrastar hipóteses e tomar decisións de forma consensuada. Nesta fase, recoméndase o traballo en grupos de catro estudantes, xuntándose dúas das parellas da fase anterior. Deste xeito cada equipo conta con dous cadernos forenses, que permiten complementar información.
Finalmente, na fase de conclusión, a fase 5, os equipos prepararán conxuntamente a presentación dos seus resultados para o congreso de ciberseguridade, polo que se produce un intercambio de información entre o grupo de clase, levándose a cabo unha coavaliación.
Alén diso, pódense introducir dinámicas puntuais no grupo clase, como debates, posta en común de conclusións e análise de casos; ou en parellas, como a revisión entre iguais, coavaliación, co fin de enriquecer o proceso de aprendizaxe e favorecer a reflexión compartida.
Produtos finais
O produto final do REA "EducAcción dixital" consiste na elaboración dun informe forense dixital no que o alumnado debe analizar e reconstruír un incidente de ciberseguridade acontecido no centro educativo, identificando as ameazas, explicando o sucedido, hardware e software afectado e propoñendo medidas de solución e prevención.
Ao longo do proceso, cada equipo recompilará e organizará a información obtida durante a investigación (indicios, hipóteses, probas e conclusións), estruturándoa de forma clara e coherente no seu informe. Na súa elaboración deberán aplicar criterios de organización da información, uso responsable de recursos dixitais e respecto polas licenzas de autoría.
Como parte final do REA, o alumnado participará nun congreso de ciberseguridade, no que cada equipo presentará as súas conclusións ao resto da clase. Esta presentación deberá apoiarse nun elemento visual: infografía, esquema, esquema visual ou similar, que sintetice os aspectos máis relevantes da investigación para transmitir ás persoas asistentes.
Ademais, recoméndase que o alumnado elabore un pequeno diario de aprendizaxe no que reflexione sobre o proceso seguido, as dificultades atopadas e os coñecementos adquiridos, favorecendo así a metacognición e a autoavaliación.
Enfoque multinivel do reto
O reto principal deste REA, centrado na resolución de casos de ciberseguridade no centro educativo, está deseñado cun enfoque multinivel.
Os casos propostos presentan diferentes niveis de complexidade, tanto na forma de presentar a información como no tipo de análise requirida. Deste xeito, o alumnado pode enfrontarse a situacións máis guiadas, con indicios claros e estruturados, ou a outras máis abertas, nas que deberá reconstruír o sucedido a partir de información parcial ou desorganizada.
O enfoque multinivel concrétase a través de:
- Diversidade de casos, con distintos estilos de presentación da información (mensaxes directas, rexistros, descricións narrativas…), que implican diferentes estratexias de análise.
- Graos de autonomía, permitindo que algúns equipos sigan un proceso máis guiado mentres outros asumen maior capacidade de decisión na investigación.
- Uso de comodíns, que actúan como apoio puntual para desbloquear a investigación, facilitando a progresión sen eliminar o reto.
- Profundidade variable nas respostas, posibilitando que o alumnado desenvolva explicacións máis básicas ou análises máis completas e xustificadas segundo o seu nivel.