EducACCIÓN dixital
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado de 3º de Educación Secundaria Obrigatoria ao coñecemento e aplicación práctica da ciberseguridade, o hardware e o software no contexto educativo, mediante a análise de incidentes dixitais e a elaboración dun informe forense, para a súa posterior presentación nun congreso de ciberseguridade.
O REA articúlase arredor dunha Situación de Aprendizaxe (SA) na que o alumnado deberá investigar unha serie de incidentes de ciberseguridade acontecidos no seu centro educativo, adoptando o rol dun equipo forense dixital. Para isto, os e as estudantes traballarán en pequeno grupo analizando indicios, formulando hipóteses, contrastando probas e propoñendo solucións, ao tempo que elaboran un informe forense estruturado e preparan a súa presentación nun congreso de ciberseguridade.
Ao longo do proceso, o alumnado desenvolverá competencias relacionadas coa identificación de compoñentes hardware e software, a resolución de problemas técnicos, a configuración básica de sistemas, a protección da información persoal e a aplicación de boas prácticas en seguridade dixital, alén de concienciarse a aplicar os dereitos de autoría e as licenzas de uso nos recursos empregados.
As metas de aprendizaxe son:
- Diferenciar os compoñentes de hardware e software nun equipo informático, comprendendo a súa función.
- Analizar problemas habituais en equipos e dispositivos dixitais e aplicar un método estruturado para a súa resolución.
- Manter e configurar sistemas operativos realizando axustes básicos que melloren o rendemento, a organización e a seguridade do equipo.
- Organizar e almacenar a información para a creación dun informe forense.
- Protexer a información persoal e a pegada dixital, configurando adecuadamente as opcións de privacidade en redes sociais e espazos virtuais de traballo.
- Xestionar contrasinais de forma segura, aplicando boas prácticas na súa administración.
- Promover medidas de protección fronte a riscos e ameazas na rede (phishing, suplantación de identidade, malware…).
- Respectar os dereitos de autoría e as licenzas de uso ao empregar información e recursos dixitais.
- Traballar en equipo para crear un informe forense sobre un ataque cibernético no centro educativo e presentar as conclusións nun congreso de ciberseguridade.