Ao mal tempo boa cara!
O medio natural é o conxunto de elementos biolóxicos, químicos e físicos que existen na Terra de forma natural, sen intervención humana. Os elementos que conforman o medio natural son:
- Compoñentes vivos: os animais, os microorganismos e a vexetación.
- Compoñentes non vivos: a auga, o chan, o aire, os recursos naturais (sol, minerais...) e o clima
O clima é un dos factores determinantes na distribución dos medios naturais, xa que inflúe na vexetación, no relevo e na fauna dunha zona. Xorden así os desertos, as selvas ecuatoriais ou as rexións polares, entre outras. O clima inflúe directamente nas temperaturas e na humidade, condicionando que organismos poden vivir en cada unha das áreas terrestres. Xuntos, medio natural e climas, crean ecosistemas únicos.
Na Terra distinguimos tres zonas climáticas: a cálida (ou tropical), as tépedas (norte e sur) e as frías (ou polares, norte e sur).

Os cambios no medio natural, como a deforestación, poden alterar o clima, e os cambios climáticos obrigan aos seres vivos a adaptarse, a migrar ou a desaparecer.
Para os estudos climatolóxicos e os prognósticos meteorolóxicos utilízanse estacións meteorolóxicas, instalacións destinadas a medir e rexistrar diversas variables meteorolóxicas. Para iso, a estación componse dun conxunto de instrumentos que se encargan de recompilar datos das distintas variables atmosféricas: termómetro (temperatura), pluviómetro (chuvia), anemómetro (forza do vento), cataventos (dirección do vento), piranómetro (radiación solar), barómetro (presión atmosférica), higrómetro (humidade do aire) etc.


O rexistro pode ser de forma manual ou automatizada, como no caso do IES Escolas Proval (Nigrán), emitindo datos en tempo real.
Lectura facilitada
O medio natural é todo o que existe na Terra sen que as persoas o creen.
Forma parte da natureza.
No medio natural hai dous tipos de elementos:
- Elementos vivos
- Animais
- Plantas
- Microorganismos
- Elementos non vivos
- Auga
- Chan
- Aire
- Sol e minerais
- Clima
O clima é moi importante.
Inflúe en como é un lugar.
O clima afecta:
- ás plantas
- aos animais
- ao relevo
- á humidade e á temperatura
Segundo o clima, aparecen distintos lugares naturais.
Por exemplo:
- desertos
- selvas
- zonas polares
O medio natural e o clima xuntos crean os ecosistemas.
Na Terra hai tres grandes zonas climáticas:
- Zona cálida ou tropical
- Zonas temperadas (norte e sur)
- Zonas frías ou polares (norte e sur)
Cando o medio natural cambia, tamén cambia o clima.
Por exemplo, cando se cortan moitas árbores.
Os cambios climáticos fan que os seres vivos teñan que:
- adaptarse
- desprazarse
- ou desaparecer
Para estudar o clima úsanse estacións meteorolóxicas con aparellos que miden o tempo.
Algúns instrumentos son:
- Termómetro: mide a temperatura
- Pluviómetro: mide a chuvia
- Anemómetro: mide a forza do vento
- Cataventos: indican a dirección do vento
- Barómetro: mide a presión do aire
- Higrómetro: mide a humidade