A Galicia rural
En Galicia, aproximadamente o 30 % da poboación reside en zonas rurais e, dos 313 concellos da comunidade, arredor de 250 son considerados rurais. A proporción de habitantes que viven no rural cambia notablemente entre provincias: Lugo e Ourense presentan unha porcentaxe máis elevada, algo que se explica pola súa orografía máis complexa e por factores económicos e sociais ligados á industrialización, que favoreceu a concentración da poboación na franxa costeira occidental.
O poboamento rural galego mostra unha grande diversidade. Podemos atopar:
- Asentamentos dispersos ou espallados en pequenas aldeas, como ocorre en Vilar de Santos (Ourense).
- Poboación distribuída de forma lineal ao longo das estradas, como no concello de Oia (Pontevedra).
- Asentamentos illados, como Cervantes en Lugo.
- Asentamentos concentrados, como Cedeira na Coruña.
O medio natural, non entanto, foi un factor fundamental da economía galega desde sempre. Na actualidade a explotación dos recursos pesqueiros e forestais, xunto co desenvolvemento das industrias transformadoras asociadas, desenvolven, un papel decisivo. As industrias agroalimentarias teñen un carácter estratéxico, sendo clave para o desenvolvemento do sector agrario galego.
No entanto, a poboación galega está desde hai case un século nun proceso de cambio. A poboación dos concellos aumentou ou diminuíu ao compás dos novos tempos. Na actualidade Galicia conta con 313 concellos, dos cales, segundo datos da Axencia Eurostat (a axencia europea de estatística), 181 están clasificados coma ZPP baixa. En 31 concellos a clasificación é ZIP intermedia. Só 29 concellos galegos foron clasificados coma ZDP alta.

Polo tanto, hai un total de 241 concellos clasificados como pouco poboados (ZPP), que poden considerarse rurais. A maioría da poboación de Galicia está concentrada nun pequeno grupo de concellos.
Como podes ver no mapa de concellos, apréciase de xeito doado que a poboación galega está desprazada cara as provincias occidentais, o chamado Eixe Atlántico que é a zona máis urbana e poboada de Galicia, situada na costa oeste, que concentra a maior parte das cidades e da actividade económica.
Paralelamente, produciuse a decadencia do sector agrícola galego. O total da poboación dedicada a este sector foi diminuíndo paseniñamente desde os inicios do século XX, desprazándose e abandonando o mundo rural cara ás cidades e ás zonas costeiras, para empregarse nos sectores secundario e terciario. Un proceso sen pausa ata hoxe.
Se te fixas nesta gráfica verás que en 2024, a porcentaxe de poboación que vive no mundo urbano (núcleos de poboación de máis de 10.000 habitantes) é do (42.84 %) case a metade da poboación de Galicia. Todos eles nos concellos resaltados no mapa.
Boa parte dos concellos rurais de Galicia continúa dependendo de actividades ligadas ao medio natural, como a agricultura, a gandaría ou o aproveitamento forestal, así como de ocupacións vinculadas ao mar, como a pesca e a acuicultura. Estas últimas teñen unha presenza destacada nas pequenas aldeas e vilas mariñeiras da comunidade, especialmente nas rías de Arousa e de Vigo.
A explicación deste cambio demográfico foi a evolución das estruturas económicas de Galicia, que, de xeito paralelo ás do resto do Estado, mudaron cara a unha sociedade maioritariamente urbana. Durante o século XX, a poboación galega mudou de traballos: as familias galegas, basicamente agrícolas ao inicio do século, foron sufrindo progresivamente cambios, como a emigración tanto fóra do país, coma cara a zonas máis dinámicas laboralmente, que ofrecían maiores oportunidades ou servizos. No denominado éxodo rural.
Zonas pouco poboadas (ZPP): son aquelas unidades que non alcanzan os umbrais das dúas anteriores (non chegan a 100 hab/km²)
Zonas intermedias (ZIP): unidade ou conxunto de unidades que non son ZDP, con densidade mínima de 100 hab/km², e ademais: ou ben a poboación total do conxunto é ≥ 50.000, ou ben está adxacente a unha zona ZDP
Zonas densamente poboadas ZDP: densidade > 500 habitantes/km² e o conxunto debe ter ao menos 50.000 habitantes.
Lectura facilitada
O rural galego
En Galicia, unha parte importante da poboación vive no rural.
A maioría dos concellos galegos son rurais.
Lugo e Ourense teñen máis poboación rural ca as provincias da costa.
Tipos de asentamentos
No rural galego existen diferentes tipos de asentamentos:
- aldeas pequenas
- casas dispersas
- asentamentos illados
- núcleos máis concentrados
O medio natural e a economía
Os recursos naturais son moi importantes para a economía galega.
Destacan actividades como:
- a pesca e o marisqueo
- o aproveitamento forestal
- as actividades agrarias e agroalimentarias
Cambios na poboación
Segundo Eurostat, os concellos clasifícanse en:
- ZPP baixa: zonas pouco poboadas.
- ZIP intermedia: zonas cunha poboación intermedia.
- ZDP alta: zonas moi poboadas.
En Galicia predominan os concellos pouco poboados.
A maior parte da poboación concéntrase nas cidades e nas zonas da costa.
Especialmente no Eixo Atlántico, onde se localiza gran parte da actividade económica.
O éxodo rural
Moitas persoas abandonaron o rural para vivir e traballar:
- nas cidades
- nas zonas costeiras
- ou noutros países
Este movemento da poboación recibe o nome de éxodo rural.
O rural na actualidade
Moitos concellos rurais seguen dependendo da:
- agricultura
- gandaría
- actividade forestal
- pesca e acuicultura
Por que ocorreu este cambio?
A economía galega pasou dunha sociedade principalmente agrícola a unha sociedade máis urbana e industrial.
A busca de traballo e de mellores oportunidades fixo que moitas persoas abandonasen o rural.