O PIB (Produto Interior Bruto) é o valor total de todos os bens e servizos finais producidos nun país, rexión ou territorio durante un período determinado, normalmente un ano.
Exemplo:
O PIB de Galicia medrou este ano un 2 %.
SIXPAC
Definición:
É unha base de datos que contén imaxes cartográficas dixitalizadas (ortoimaxes aéreas) de todo o territorio, cos límites de cada parcela referenciados, individualizados e asociados aos seus usos agrarios.
Exemplo:
Grazas ao SIXPAC, axudei a miña avoa a localizar unha leira que pertencera á súa nai.
Galicia é campo e mar
Recordas que, nos primeiros datos sobre Galicia no pasado, a nosa comunidade saía retratada coma un territorio predominantemente rural? Presentaba unha poboación maioritariamente rural, dedicada ao sector primario.
Como xa vimos, esta imaxe mudou. Segundo os datos do IGE, en 2024 o sector primario —que inclúe a agricultura, gandería, silvicultura e pesca— representou só un 4,7 % do total do PIB de Galicia, valorado en 3.406 millóns de euros.
Segundo os datos relativos á poboación activa, en 2023, mostran un total de 54.600 persoas traballando nos labores de agricultura, gandería e silvicultura; e 19.500 persoas en tarefas relacionadas coa pesca e acuicultura.
O sector agrario
En Galicia, máis do 97 % da superficie ten carácter rural, o que reflicte, aínda a pesar de todo, a forte importancia agraria e gandeira. Os prados e pastos representan máis da metade da superficie agraria. Ademais, unha parte importante das terras dedícase aos cultivos forraxeiros, sobre todo ao millo para alimentar o gando. Galicia concentra o 28 % da superficie forraxeira de todo o Estado, o que explica o peso do sector gandeiro, especialmente o vacún, especialmente para a produción leiteira, aínda que hai tamén para a produción de carne.
As industrias agroalimentarias teñen un carácter estratéxico en Galicia por ser un elemento clave para o desenvolvemento do sector agrario, baseada en produtos con distintivos de calidade, como son as denominacións de orixe protexida (DOP) ou indicacións xeográfica protexida (IXP), que serven para garantir a calidade do produto. Para garantir, por exemplo que os pementos de Padrón, sexan de Padrón, ou o bonito de Burela, foi descargado na lonxa de Burela. Garante a orixe e a trazabilidade do produto.
Tamén destacan os cultivos de secaño, principalmente nas zonas do interior, como o trigo, o centeo, o millo gran ou a faba seca. Nas zonas atlánticas, máis húmidas, predominan o millo forraxeiro e a pradería. Entre os cultivos de horta cómpre salientar o tomate, a leituga, o pemento, a cebola, a faba ou o repolo. A pataca mantense como un cultivo importante, sobre todo en zonas como a Limia: Galicia produce o 16,3 % de toda a pataca española.
As castañas forman parte importante do sector agrícola galego, estímase que hai 26.424 ha de castiñeiros, dedicadas a súa produción, de maneira especial en zonas do interior de Ourense, onde tamén se está introducindo con éxito a oliveira, enfocada a produción de aceite.
Dentro do sector, hai espazo para a innovación tamén: na actualidade máis de 4.000 explotacións agrícolas galegas están a empregar unha plataforma dixital PDAGRO para xestión agroforestal, apoiados na IA para o asesoramento sobre fertilizantes, previsión de enfermidades.
Un dos cultivos máis dinámicos do campo galego é a produción vitícola, en Galicia o viñedo ocupa 24.517 ha, cunha gran presenza no sector vitícola español, xa que Galicia conta con cinco denominación de orixe protexidas (D.O).
As D.O. dos viños galegos
Rías Baixas
Ribeiro
Ribeira Sacra
Valdeorras
Monterrei
Este é un sector en auxe, cun aumento do 9 % na produción de viño no último ano. Galicia é a comunidade con máis viticultores, aínda que a súa produción non é tan alta como noutras comunidades con igual superficie, o que evidencia a dificultade de mecanizar o proceso.
Os sectores pesqueiro e forestal
A relevancia do sector pesqueiro en Galicia é indiscutible. Segundo datos da Conselleria do mar, conta cunha frota que rolda os 4.500 barcos, liderando a frota española e comunitaria, e unhas descargas de peixe fresco que superan as 130.000 toneladas anuais e nun volume de negocio que ultrapasa os 435 millóns de euros. Trátase, ademais, da única actividade económica galega que conseguiu conservar os seus niveis de produtividade nos últimos anos.
A frota galega divídese en:
Frota costeira, que inclúe os barcos dedicados á faena artesanal e litoral. Está formada por buques de pequeno porte e características moi diferentes que adoitan volver a porto no día.
Frota de altura, faenan en augas comunitarias non españolas. Alí traballan máis de 70 pesqueiros con porto base en Galicia. Destacan as áreas do Gran Sol, Sur e do Oeste de Irlanda , nas costas de Francia. Faenan ao arrastre e ao palangre de fondo para capturar pescada, galo, rabada e lagostino e os portos máis importantes para estes buques en Galicia son A Coruña, Vigo, Marín, Celeiro e Burela.
Non podemos esquecer as actividades relacionadas co marisqueo xa que ten un peso económico e social moi destacado en Galicia, pois proporciona os ingresos a case 4.000 persoas que traballan no marisqueo a pé, a maioría delas mulleres. Pola contra, o marisqueo a flote está maioritariamente en mans de homes. As especies máis habituais que recollen os mariscadores a pé son: a ameixa xaponesa, a ameixa fina, a ameixa babosa e o berberecho. Hai que destacar tamén a acuicultura co cultivo de moluscos bivalvos especialmente do mexillón cultivado en batea.
A silvicultura e sector forestal
O sector forestal galego representa o 12 % do emprego industrial de Galicia. Boa parte desta actividade concéntrase en comarcas de natureza rural, onde supón unha das poucas actividades industrializadas.
Galicia sitúase como a novena potencia forestal de Europa e encabeza o sector no conxunto do Estado. O sector da madeira galego achega o 1,7 % ao PIB da comunidade, segundo datos do IGE.
Galicia conta con arredor de 620.000 hectáreas de frondosas caducifolias (carballos, castiñeiros, faias,...), 420.000 hectáreas de coníferas (piñeirais) e 409.000 hectáreas de eucaliptos.
Instituto Galego de Estatística
Lectura facilitada
O sector primario en Galicia
O sector primario inclúe a agricultura, a gandería, a pesca e a silvicultura. Na actualidade, este sector ten menos peso na economía galega ca no pasado. Porén, miles de persoas seguen traballando na agricultura, na gandería, na pesca e na acuicultura.
O medio rural en Galicia
A maior parte do territorio galego é rural. Por iso, a agricultura e a gandería seguen tendo moita importancia. Gran parte das terras agrarias están dedicadas aos prados e aos cultivos para alimentar o gando. O gando máis importante é o vacún para produción de leite e produción de carne. As industrias agroalimentarias transforman estes produtos e axudan ao desenvolvemento do rural.
O sector pesqueiro
A pesca é unha actividade moi importante en Galicia. Galicia ten a maior frota pesqueira de España e unha das máis importantes da Unión Europea. Cada ano descárganse grandes cantidades de peixe nos portos galegos.
O sector forestal
O aproveitamento dos bosques tamén ten unha gran importancia en Galicia. Moitas empresas forestais localízanse en zonas rurais. En algunhas comarcas, o sector forestal é unha das principais actividades económicas. Galicia é unha das rexións europeas con maior importancia forestal e ocupa unha posición destacada en España.
Audio
Interxeneracional
Isto vai de mapas!
Tes unha parcela? Queres axudar a teu avó/avoa a atopar unha finca perdida? Queres axudalos para solicitar as axudas da PAC?
Aquí tes o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) que é, en palabras do FOGGA, o sistema de identificación de parcelas agrarias a efectos da xestión e control dos réximes de axuda baseados en superficies.
En España, é obrigatorio o seu uso para solicitar axudas directas da PAC e das de desenvolvemento rural, cando estean baseadas na declaración de superficies.
O Fondo Galego de Garantía Agraria, organismo autónomo da Xunta de Galicia para xestionar a PAC (Política Agraria Común) en Galicia.
Audio
A trazabilidade
Sabías que podemos seguir o rastro dos produtos agrícolas, gandeiros e pesqueiros, desde a súa orixe ata a nosa casa? Mira estes exemplos:
Os ovos.
Os ovos levan impreso no seu exterior un código da explotación da que proceden (código REGA), cuxa estrutura é seguinte:
"ES", que identifica España
Dous díxitos que identifican a provincia
Tres díxitos que identifican o municipio
Sete díxitos que identifican de forma única a explotación dentro do municipio.
O peixe fresco
Entra na páxina PescadeRías alí atoparás unha explicación das etiquetas que veñen co peixe. Fíxate que é moi detallada para garantir que a información do que comes sexa a máis completa posible.
De onde vén o que comemos?
Podes tirarlle unha foto ou apunta o código dos ovos que agora mesmo teñas na casa. Introdúceo no buscador do Ministerio de Agricultura de España e anota de onde veñen (país, provincia, municipio e explotación gandeira). Son todos os ovos que tes da mesma explotación?
Cando vas comprar peixe, sabes distinguir o peixe salvaxe do de piscifactoría? No caso de peixe salvaxe, pensas que é importante a zona de captura? Sabes atopala na etiquetaxe da peixaría?
Lectura facilitada
De onde vén o que comemos? Podemos coñecer a orixe de moitos alimentos. Por exemplo:
os ovos
o peixe
outros produtos agrícolas ou gandeiros
Os ovos
Os ovos teñen un código impreso na casca. Ese código indica de onde veñen. Permite saber:
o país
a provincia
o municipio
a explotación gandeira
O peixe fresco
O peixe fresco tamén leva unha etiqueta. Na etiqueta podemos atopar información importante:
o nome do peixe
se é salvaxe ou de piscifactoría
a zona de captura
a súa orixe
Actividade
Busca na casa o código dun ovo. Anótao ou tíralle unha foto. Despois, busca de onde vén. Fíxate tamén nas etiquetas do peixe cando vaias á peixaría. Podes responder estas preguntas:
De onde veñen os ovos da túa casa?
Veñen todos da mesma explotación?
Sabes distinguir o peixe salvaxe do de piscifactoría?