4. Sementando cambio

 

Glosario

Activismo

Persoas nunha manifestación

Definición:

Participación activa das persoas para defender unha causa social, ambiental ou política.

Exemplo:

O activismo ambiental busca protexer os bosques e evitar os incendios forestais.

Convocatoria oficial

Imaxe dun documento certificado cun selo

Definición:

Anuncio realizado por unha administración ou institución para informar ou chamar á participación cidadá.

Exemplo:

O concello publicou unha convocatoria oficial para informar a veciñanza.

Innovación

Imaxe de algo novo

Definición:

Introdución de ideas, métodos ou solucións novas para mellorar unha situación.

Exemplo:

A innovación no rural pode axudar a crear novos empregos.

Intervencións

Facer algo

Definición:

Accións realizadas para mellorar, protexer ou modificar unha realidade concreta.

Exemplo:

As intervencións no monte axudan a reducir o risco de incendios.

Patrimonio natural

Imaxe composta doutras catro para simbolizar o medio ambiente

Definición:

Conxunto de elementos naturais dun territorio que deben ser protexidos e conservados.

Exemplo:

Os bosques e ríos forman parte do patrimonio natural de Galicia.

Políticas viables

Man co polgar arriba

Definición:

Medidas ou decisións públicas que poden aplicarse de forma realista e efectiva.

Exemplo:

Para mellorar a vida no medio rural son necesarias políticas viables e realistas.

Chegou a hora de tomar partido!

Seguro que, chegados a este punto, xa sodes quen de identificar algúns dos problemas que atenazan á nosa sociedade, ao noso mundo!

A resposta que demos aos graves incendios forestais, ás inundacións ou calquera catástrofe natural, que está a acentuar o cambio climático, debe implicarvos a vós, á mocidade, pois sodes a xeración que vai sufrir máis directamente as súas consecuencias. Mais non esquezades que tamén sodes a xeración clave para atopar, como axentes do cambio climático, as solucións axeitadas na acción climática a través do activismo, a innovación e a promoción de políticas viables.

Incendio incontrolado durante a noite
Efectos da DINA en Barcelona (España)
Persoas anónimas limpando chapapote vertido polo Prestige nas costas galegas

O reto que tedes diante non vai ser doado, mais co aprendido ata agora, lograredes saír triunfantes!

Ides facer unha convocatoria oficial, a través dun bando municipal, para sensibilizar as vosas veciñas e veciños da necesidade do coidado da vosa contorna e na prevención de incendios e/ou inundacións. Este documento debe ser claro, motivador e establecer as bases de futuras intervencións na protección do noso medio natural.

Así que vos toca defender o voso patrimonio natural!

Lectura facilitada

Xa coñecedes algúns dos problemas ambientais que afectan ao noso planeta.
Os incendios forestais, as inundacións e outras catástrofes naturais son cada vez máis frecuentes.
Por iso, todas as persoas podemos axudar a coidar o medio natural.

Vós tamén podedes colaborar:

  • propoñendo solucións
  • informando a outras persoas
  • adoptando hábitos responsables

Agora tedes un novo reto.
Ides elaborar un bando municipal.
Nese bando deberedes informar a veciñanza sobre a importancia de:

  • coidar a contorna
  • previr incendios
  • evitar inundacións

O bando debe ser claro e fácil de entender.
Ademais, debe animar a veciñanza a colaborar na protección do medio natural.
É o momento de defender o voso patrimonio natural!

Por orde da señora alcadesa! Por orde do señor alcalde!

Como facer un bando

Non esquezades recoller no voso bando reivindicativo:

  • Emisor e Título: emitido por la alcaldía o concellería de Medio Ambiente/Educación, cun título rechamante (ex. "Bando da Prevención: As nosas carballeiras, a nosa Responsabilidade!").
  • Mensaxe principal: un saúdo ás veciñas e aos veciños, destacando a importancia de previr incendios forestais e/ou inundacións (debedes escoller a catástrofe que máis impacto teña no voso concello) e a necesidade da súa colaboración.
  • O reto: anunciar o desafío escollido para o voso concello ou comarca.
  • Información clave: incluír consellos básicos de prevención:
    • Non tirar lixo, vidros ou materiais inflamables.
    • Non prender lumes, nin para queimar restrollos nin facer grelladas familiares en tempada seca.
    • Apagar ben as cabichas de cigarros.
    • Comunicar calquera indicio de lume ou de crecida de caudais aos servizos de emerxencia (ex. 112, Policía Local, Garda Civil etc).

Para coñecer o traballo que tedes por diante, podedes botarlle unha ollada a este vídeo sobre o oficio de pregoeiro, as persoas que lían os bandos municipais noutros tempos.

O oficio de pregoeiro

Como presentar o voso bando?

Unha vez elaborado o borrador, coa vosa información debedes preparar un cartel e un bando que recolla todas as vosas ideas.
Podedes facelo en cartolina ou aproveitar os vosos coñecementos informáticos e elaborar documentos en diversos procesadores de texto.

Lembrade que teña unha letra lexible, que non se vos despisten faltas de ortografía, nos documentos elaborados.

Coidade a presentación!

Que a veciñanza vos escoite! 

Debedes difundir o voso traballo.

Opción 1: Expoñer os murais no voso centro, emitir os vídeos ou ler os bandos reivindicativos nas radios ou polas aulas aos/as vosos/vosas compañeiros/compañeiras de 1º, 2º ou 4º da ESO.

Opción 2: Publicitalo nas redes sociais ou na páxina web do instituto.

Opción 3: Visitar o voso concello e entregar, por rexistro, a vosa proposta. Non esquezades solicitar e cubrir o impreso oficial. Tamén podedes presentar as vosas suxestións ou queixas na Xunta de Galicia.

Pois si. En España calquera persoa pode presentar, sen límite de idade, unha suxestión ou queixa ante o seu Concello, xa que é un dereito fundamental de petición á Administración Pública, aínda que para trámites en liña (que precisan firma electrónica) necesítase o DNI electrónico e a idade legal, pero os menores poden facelo a través das súas titoras legais ou dos seus titores legais, ou mesmo por escrito físico sen necesidade de certificado dixital.

Lectura facilitada

Como facer un bando?

Un bando é un texto breve
que informa á veciñanza sobre un tema importante.
Neste caso, ides facer un bando
para axudar a previr unha catástrofe no voso concello.

O bando debe incluír:

  • Quen o emite:
    por exemplo, a alcaldía ou a concellería de Medio Ambiente.
  • Un título rechamante:
    debe chamar a atención da veciñanza.
  • Un saúdo:
    dirixido ás veciñas e aos veciños.
  • O problema:
    explicade se queredes previr incendios ou inundacións.
  • O reto:
    indicade que proposta facedes para mellorar o voso concello.
  • Consellos de prevención:
    escribide accións sinxelas que pode facer a veciñanza.
    Algúns exemplos:
    • Non tirar lixo, vidros nin materiais que poidan arder.
    • Non prender lume en época seca.
    • Non facer grelladas en zonas perigosas.
    • Apagar ben as cabichas dos cigarros.
    • Avisar ao 112 se vedes lume ou unha crecida perigosa dun río.

Como presentar o voso bando?

Cando teñades o borrador,
preparade un cartel e o bando final.
Podedes facelo:

  • en cartolina
  • nun procesador de textos
  • con ferramentas dixitais

Lembrade:

  • usar letra clara e fácil de ler
  • revisar as faltas de ortografía
  • coidar a presentación

Como difundilo?

O voso bando debe chegar á veciñanza.
Podedes escoller unha destas opcións:

  • Opción 1: expoñelo no centro, lelo polas aulas ou na radio escolar.
  • Opción 2: publicalo na web ou nas redes sociais do instituto.
  • Opción 3: entregalo no voso concello como proposta.

O obxectivo é que a veciñanza escoite a vosa mensaxe e colabore.

Rúbrica do reto

Rúbrica do reto "Salvemos Aldea Vella"
 SobresaínteNotable Ben SuficienteInsuficiente
Analiza as principais características do medio ambiente, identificando as causas e consecuencias do seu deterioro.Analiza con detalle e espírito crítico as causas e consecuencias, propoñendo solucións. (2.50)Identifica e describe de maneira clara causas e consecuencias. (2)Describe as características principais con certa coherencia. (1.25)Identifica algunhas características de forma superficial. (0.75)Non identifica nin describe correctamente as características nin as causas do deterioro ambiental. (0)
Propón e xustifica medidas para contribuír á mellora e protección do medio ambiente. Formula propostas innovadoras e ben fundamentadas a diferentes escalas. (2.50)Formula propostas ben estruturadas e realistas. (2)Presenta propostas posibles a nivel local. (1.25)Inclúe propostas sinxelas pero pouco realistas. (0.75)O traballo é incompleto ou sen propostas reais. (0)
Identifica e describe as principais características do espazo natural, rural e urbano da súa contorna. Analiza comparativamente os espazos con vocabulario técnico e reflexión persoal. (2.50)Describe con claridade e precisión as características principais. (2)Describe aceptablemente os espazos e as súas funcións. (1.25)Identifica algúns espazos pero con erros ou pouca claridade. (0.75)Mostra descoñecemento da contorna. (0)
Expón os problemas do despoboamento rural e o crecemento das cidades e a súa relación co medio ambiente. Expón con fluidez, espírito crítico e uso correcto de recursos visuais e orais. (1.25)Expón con claridade, apoiándose en exemplos e datos. (1)Expón con certa orde as causas e consecuencias. (0.65)Resume de forma moi xeral o tema. (0.35)Non comprende nin comunica as ideas principais. (0)
Reflexiona sobre o seu compromiso coa contorna e co poboamento humano, indicando retos futuros e explicando o influxo económico e laboral nestes procesos.Presenta unha reflexión profunda, argumentada e con visión de futuro. (1.25)Analiza o compromiso e relaciona co impacto económico e laboral. (1)Explica o seu compromiso e menciona retos futuros. (0.65)Fai unha reflexión moi básica sobre a contorna. (0.35)Non reflexiona sobre o compromiso nin entende a relación co poboamento. (0)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica do reto "Salvemos Aldea Vella" (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Páxina 21 de 26

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)