3.4. A evolución histórica das cidades

 

Glosario

Ortogonal

Banner pequeno de cREAgal

Definición:

Que forma un ángulo recto.

Exemplo:

As rúas dos campamentos romanos seguían paralelas ao cardo e ao decumano, creando un deseño ortogonal.

Antes de comezar, situámonos

Ben, antes de falar da historia das cidades é preciso que saibamos que é exactamente unha cidade... ou aproximadamente.

Todo o mundo sabe a diferenza entre unha aldea, unha vila e unha cidade, non si? Pero cales son exactamente esas diferenzas? Se miramos as dúas imaxes que temos a continuación, todos temos claro cal é a vila e cal é a cidade:

Imaxe que mostra a cidade de Hong-Kong
Imaxe da praza dunha vila en España

Podedes pensar e redactar cales son as principais diferenzas entre unha vila e unha cidade? Pensade non so no tamaño, pero tamén nos servizos, nas necesidades dos seus habitantes, nas estruturas... Ademais desas diferenzas, hai puntos en común? No lugar onde vivides, observastes algunha diferenza nos últimos anos en canto á cantidade de poboación ou a creación de espazos urbanos?

Lectura facilitada

Antes de falar da historia das cidades, necesitamos saber
que é unha cidade?
Ou, polo menos, facernos unha idea.

Todo o mundo sabe distinguir entre:

  • unha aldea
  • unha vila
  • unha cidade

Agora ben, cales son as diferenzas entre elas?

Se observamos dúas imaxes:

unha imaxe dunha gran cidade, como Hong Kong,
e outra imaxe da praza dunha vila en España,
é doado saber cal é a vila e cal é a cidade.

Agora imos pensar un pouco.

As principais diferenzas entre unha vila e unha cidade poden ser:

  • o tamaño
  • a cantidade de persoas que viven nelas
  • os servizos (escolas, hospitais, transporte)
  • as necesidades da xente
  • as construcións e as infraestruturas

Non só hai diferenzas,

tamén hai cousas en común entre vilas e cidades.

No lugar onde vives:

Aumentou ou diminuíu a poboación nos últimos anos?
Construíronse novos edificios, rúas ou espazos públicos?

Estas preguntas axúdannos a entender mellor
como medran e cambian as vilas e as cidades.

Que sabes de primeiras sobre as cidades?

Nos cursos anteriores aprendestes sobre a Prehistoria, as Civilizacións Antigas, a Idade Media e a Época Moderna. Podedes responder este pequeno cuestionario para comprobar que sabemos sobre as cidades?

Pregunta 1

As cidades xurdiron en Europa na Prehistoria.

Pregunta 2

Despois da Caída do Imperio Romano desapareceron as cidades.

Pregunta 3

As cidades da Antigüidade contaban con servizos sanitarios, auga corrente e espazos públicos.

Pregunta 4

Todas as cidades contan cos mesmos servizos e a mesma tipoloxía urbana.

Xuntos, pero non revoltos. Ben... un pouco revoltos, igual si

Seguro que algunha vez escoitastes que o ser humano é un animal social. Dende a Prehistoria, os seres humanos viviron en agrupamentos para se defender, cazar, cultivar e, en definitiva, prosperar. Pero como todo conxunto, os agrupamentos humanos precisan dunha serie de normas para manter a convivencia, e un dos principais aspectos que precisa ser normalizado é o espazo que habitamos. No momento no que o ser humano empezou a construír edificacións, tamén empezou a ordenar o espazo: una parte dedicada ás vivendas, outra a funcións relixiosas e funerarias, outra á produción agrícola... poderiamos dicir que é natural para o ser humano ordenar o espazo no que vive.

En Galicia temos algúns bos exemplos destas "cidades" prehistóricas nos nosos castros. Castros como os de Viladonga, Santa Trega ou Baroña, por mencionar uns poucos, son un bo exemplo de como as vivendas se situaban dentro dun recinto amurallado, pero dificilmente podemos falar de planificación urbana: construíase onde había espazo, o que daba como resultado unha maraña de casas bastante desorganizada.

A medida que estes primeiros núcleos de poboación foron crecendo apareceron as primeiras aldeas. As aldeas convertéronse en vilas, e as vilas en cidades. Pensaredes que somos moi modernos e modernas, pero a verdade é que as cidades onde vivimos hoxe seméllanse bastante ás de hai máis de 2.000 anos. Si, se un neno ou unha nena romana chegaran hoxe á unha gran cidade, o que lles chamaría a atención serían os coches, a roupa da xente, os teléfonos e as pantallas que están en todas partes. Pero o que é a cidade en si, cos seus edificios de apartamentos, os parques, as casas baixas, os sumidoiros... todo iso ten unha longa historia que imos aprender a continuación.

Lectura facilitada

Os seres humanos son animais sociais.
Isto significa que vivimos xuntos en grupo.

Dende a Prehistoria, as persoas xuntábanse para:

  • defenderse
  • cazar
  • cultivar a terra
  • vivir mellor

Para convivir en grupo, fan falta normas.
Unha das cousas máis importantes que hai que organizar é o espazo onde vivimos.

Cando o ser humano empezou a construír casas, tamén comezou a ordenar o espazo.
Por exemplo:

  • unha zona para as vivendas
  • outra para a relixión e os enterramentos
  • outra para a agricultura

Ordenar o espazo é algo natural nas persoas.

En Galicia temos exemplos destas antigas poboacións: os castros.
Algúns castros coñecidos son:

  • Viladonga
  • Santa Trega
  • Baroña

Nestes castros, as casas estaban dentro dunha muralla.
Porén, non había unha boa planificación urbana.
As casas construíanse onde había sitio.
Por iso, o resultado era un conxunto de casas pouco ordenado.

Co paso do tempo, os primeiros grupos de persoas foron medrando.
Así apareceron as aldeas.

As aldeas fixéronse máis grandes e convertéronse en vilas.
As vilas tamén creceron e pasaron a ser cidades.

Pode parecer que as cidades actuais son moi modernas.
Pero, en realidade, as cidades de hoxe parécense moito ás de hai máis de 2.000 anos.

Se un neno ou unha nena da época romana chegase hoxe a unha gran cidade:

  • chamaríanlle a atención os coches
  • a roupa das persoas
  • os teléfonos móbiles
  • as pantallas que hai por todas partes

Porén, a cidade en si non lles resultaría tan estraña.

  • Os edificios de pisos
  • os parques
  • as casas baixas
  • os sumidoiros

teñen unha historia moi longa.

Todo isto é o que imos aprender a continuación.

A cidade na Idade Antiga

En latín existían dous termos que teñen que ver coas nosas cidades. Por unha parte estaba a palabra "civitas", que se refería á entidade xurídica, é dicir, a un territorio coa súa xente, as súas leis, os seus negocios... desta palabra derivan "cidade", "civilización", "civil" etc. Por outra banda estaba o termo "urbs", que fai referencia á cidade física, coas súas rúas, edificios, prazas, templos, mercados, e todo o que compón o espazo físico da cidade. De aquí derivan "urbanismo", "urbanidade" ou "urbanización".

Recordaredes de unidades anteriores algo do urbanismo romano, como que as cidades estaban planificadas seguindo o esquema dos campamentos militares: as principais vías eran o cardo, que ía de norte a sur, e o decumano, de leste a oeste. No cruce destas vías principais situábase o foro, a praza pública onde estaban os principais edificios administrativos.

Maqueta onde se mostra a cidade de León en época romana

As cidades romanas estaban plenamente organizadas e contaban cos servizos fundamentais para a poboación: acceso á auga limpa a través de grandes obras de enxeñaría, como acuedutos, fontes e baños públicos; instalacións sanitarias como hospitais, grandes mercados para abastecer de alimentos e outros produtos á poboación, vías para a circulación de persoas e mercadorías, e sumidoiros para sacar as augas sucias e evitar que se propagaran enfermidades e pragas. Como vedes, son moitas das estruturas que se manteñen a día de hoxe nas nosas cidades. Pero non sempre foi así.

Lectura facilitada

As cidades romanas estaban moi ben organizadas.

Tiñan servizos básicos para a poboación, como auga limpa, grazas a grandes obras de enxeñaría:

  • Acuedutos
  • Fontes
  • Baños públicos
  • Servizos de saúde, como hospitais
  • Grandes mercados, para mercar alimentos e outros produtos
  • Estradas e rúas, para o movemento de persoas e mercadorías
  • Sumidoiros, para retirar as augas sucias e evitar enfermidades

Grazas a todo isto, as cidades romanas eran lugares máis seguros e saudables para vivir.

As cidades medievais: luces e sombras

Despois da Caída do Imperio Romano no século IV d.C., moitas cidades quedaron despoboadas e a xente volveu ao campo. Ademais, coa proclamación do Cristianismo como relixión oficial do Imperio, moitos templos pagáns foron destruídos ou reconvertidos en igrexas. Recordades algún caso? Seguro que si. Durante a Alta Idade Media, as cidades eran máis ben vilas, en moitos casos grupos máis ou menos pequenos de xente que habitaban espazos que noutras épocas foran grandiosas cidades. Nalgúns casos, coma en Lugo, a cidade medieval mantívose dentro das murallas romanas, pero o trazado urbano foise complicando e desorganizándose, de xeito que a disposición en retícula das rúas, propia dos campamentos romanos, desapareceu case completamente. De feito, unha das características das cidades medievais é a falta de organización das rúas, por iso as rúas das zonas vellas adoitan ser estreitas e cheas de curvas. Mirade estas tres imaxes de tres cidades galegas cun núcleo medieval:

Lugo
Detalle do plano da cidade de Lugo onde se ve a zona intramuros
Santiago
Plano da zona vella de Santiago de Compostela
Pontevedra
Imaxe na que se pode ver o plano do centro de Pontevedra

Que edificio ocupa o centro ou unha parte moi importante nestes planos? A catedral ou a igrexa principal. Na Idade Media, a igrexa é o centro dos núcleos urbanos e arredor dela xira toda a vida dos habitantes. As campás da igrexa marcan as horas e son as que avisan cando ocorre algo importante, marcan as sesións de traballo, o adro da igrexa é o lugar de reunión... ademais, neste período é o edificio máis grande e alto da vila, polo que tamén é un referente topográfico. É dicir, a igrexa é o centro da vida na Idade Media, e arredor delas irán crecendo as vilas. Pensade un momento nas vosas vilas e aldeas: non hai sempre unha igrexa no medio do pobo?

O Panteón, en Roma, foi un dos principais templos da Época Antiga e estaba dedicado a todos os deuses (en grego "pan" significa "todo" e "theos" significa "deus"). Coa chegada do Cristianismo foi reconvertido en igrexa, unha función que ten aínda hoxe.

Imaxe na que se ven as portas abertas e o interior do Panteón de Agripa co óculo da cúpula

Lectura facilitada

Despois da caída do Imperio Romano no século IV d.C.:

  • Moitas cidades quedaron despoboadas. A xente volveu vivir no campo.
  • Co Cristianismo como relixión oficial, moitos templos pagáns foron destruídos ou convertidos en igrexas.

Durante a Alta Idade Media, as cidades eran pequenas vilas.
Moitas eran grupos de xente que vivían onde antes había grandes cidades romanas.

Por exemplo, en Lugo:

  • A cidade medieval mantívose dentro das murallas romanas, pero o trazado das rúas foise complicando.
    A organización en retícula romana desapareceu case por completo.

Características das cidades medievais:

  • As rúas non estaban ben organizadas.
  • As zonas vellas tiñan rúas estreitas e cheas de curvas.

A cidade "moderna"

Aí vai unha pequena historia: o 21 de setembro de 1561 produciuse un incendio nunha pequena tenda no centro de Valladolid. O centro era o característico dunha cidade medieval: rúas moi estreitas, edificios pegados uns a outros e construídos con madeira... o lume estendeuse rapidamente e a xente tardou tres días en apagalo completamente. Todo o centro da cidade quedou arrasado polas lapas, o que fixo necesario reconstruír a cidade. Aproveitando a situación, o rei Filipe II propúxolle ao arquitecto Francisco de Salamanca elaborar un plano con rúas rectas e unha gran praza maior onde situar o concello e as casas dos diferentes gremios. Trátase da primeira praza maior de España e servirá de modelo para todas as prazas maiores que se construirán posteriormente, tanto na Península como en América, inaugurando así unha nova tipoloxía de espazo público que será fundamental na vida das cidades do Barroco.  Os espectáculos máis populares na vila celebrábanse na praza maior, e eran as corridas de touros e os autos de fe.

Imaxe da praza maior de Valladolid

Lectura facilitada

A historia da primeira praza maior de España

O 21 de setembro de 1561 houbo un grande incendio nunha tenda no centro de Valladolid.
Naquela época, o centro da cidade era medieval: con rúas estreitas e edificios moi xuntos
construídos principalmente con madeira.
O lume espallouse rápido e a xente tardou tres días en apagalo.
Todo o centro quedou destruído, e foi necesario reconstruír a cidade.

O rei Filipe II pediu ao arquitecto Francisco de Salamanca que deseñase un novo plano:

  • empregando rúas rectas, e unha gran praza maior.
    Na praza maior estaban:
    • O concello
    • As casas dos diferentes gremios

Esta foi a primeira praza maior de España e
serviu de modelo para outras prazas en España e América.

Así naceu unha nova forma de espazo público
que será moi importante nas cidades do Barroco.

Na época, os espectáculos máis populares eran:
corridas de touros, e autos de fe.

As primeiras cidades industriais

Na segunda metade do século XVIII prodúcese a Primeira Revolución Industrial. A creación de fábricas dentro das cidades deu lugar a barrios obreiros que estaban situados ao redor das industrias, que creceron de forma acusada cos movementos migratorios do campo á cidade. Nestes primeiros momentos as zonas obreiras carecían de servizos, as vivendas eran de escasa calidade e a xente malvivía traballando en industrias baixo condicións moi desfavorables. A medida que medraba a industria e coa segunda Segunda Revolución Industrial no século XIX os barrios obreiros foron medrando. 

Ilustración das vivendas das clases traballadoras en Londres no século XIX

Como veremos a continuación, a situación chegou a ser tan alarmante que foi necesario planificar o urbanismo dun xeito racional, para o que houbo dúas posibilidades: a opción de París ou a de Barcelona.

Lectura facilitada

Na segunda metade do século XVIII (dezaoito) comezou a Primeira Revolución Industrial.

As fábricas construíronse dentro das cidades.

  • Ao redor das fábricas xurdiron barrios obreiros.
  • Moitas persoas mudaron do campo á cidade para traballar nas industrias.
  • Ao principio, estes barrios eran moi pobres.
    Faltaban servizos.
    As vivendas eran pequenas e de baixa calidade.
    A xente traballaba en condicións difíciles.
  • Co tempo, durante a Segunda Revolución Industrial no século XIX (dezanove), as fábricas medraron.
    Tamén creceron os barrios obreiros.

Un novo mundo: renovarse ou morrer

No século XIX París mantiña o núcleo urbano medieval, e no centro da cidade un dos recintos máis importantes era o Cemiterio dos Inocentes. Pensade nunha cidade con rúas estreitas, construcións de madeira de centos de anos, igrexas con adros nos que se enterraba a xente, sen un sistema de sumidoiros e rodeada por unha muralla medieval. Iso era París.

Como a situación era tan alarmante decidiron atallar pola vía rápida e desenvolveuse un plan de urbanismo que consistiu en derrubar toda a cidade medieval, conservando os monumentos máis importantes, e realizar un trazado urbano racional, con grandes avenidas, rúas dispostas de xeito ortogonal, parques e espazos públicos ben distribuídos, cun sistema de sumidoiros e de catacumbas para sacar do recinto urbano o lixo e os cemiterios.

O novo París substituíu a cidade medieval por unha cidade completamente nova, e unicamente conservou aqueles monumentos que tiñan unha importancia histórica ou artística incuestionable. Isto demostra que o que hoxe se entende como un valor intrínseco das cidades e da súa historia, como é a conservación dun casco vello -pensade en Santiago ou en Toledo-, non sempre foi así.

Comparade o gravado de París a mediados do século XVIII e unha imaxe dun bulevar na mesma cidade 100 anos despois:

Gravado que mostra o mercado de Les Halles en París no 1750.
Vista do Boulevard Haussmann

A medida que unha cidade medra, zonas que anteriormente estaban os arrabaldes pasan a ser parte do centro da urbe. Poden ser zonas industriais, zonas agrícolas, e si, mesmo cemiterios. As industrias poden reconverterse, e hai cidades coma Nova York nas que antigas zonas industriais pasaron a ser zonas residenciais de luxo, con antigas fábricas convertidas en apartamentos carísimos. As zonas agrícolas pódense urbanizar, pero... que facemos cos cemiterios? No caso de grandes capitais, coma París e Londres, no século XIX decidiuse construír grandes cemiterios afastados dos centros urbanos. En Londres incluso creouse unha estación de tren que unía o centro da cidade co cemiterio de Brookwood. Era a última moda da industria, e demostra que as cidades se adaptaron en todos os aspectos ás circunstancias da industrialización. Mesmo nos funerais.

Un dos problemas era que a xente non quería ser soterrada nos novos cemiterios. Para convencela, o que fixeron foi levar a xente famosa -escritores, actrices, cantantes, compositores...- e aproveitar o fenómeno fan. Soterrando alí a celebridades, a xente comezou a aceptar estes novos camposantos e produciuse un fenómeno chamada. Así, o cemiterio do Père Lachaise de París é un verdadeiro barrio cheo de famosos, aínda que o que é falar, falan pouco...

Imaxe na que se ve a tumba de Jim Morrison con flores no cemiterio do Père Lachaise.

Lectura facilitada

No século XIX (dezanove), París aínda conservaba o seu núcleo medieval.
No centro da cidade estaba o Cemiterio dos Inocentes.

París daquela tiña:

  • rúas estreitas
  • edificios de madeira con centos de anos
  • igrexas con adros onde se enterraba a xente
  • sen sumidoiros
  • unha muralla medieval arredor da cidade
  • unha situación moi insalubre

Para solucionar estes problemas, decidiron reformar a cidade.

  1. Derrubaron gran parte da cidade medieval.
  2. Conservaron os monumentos máis importantes.
  3. Crearon un novo trazado urbano.

O novo urbanismo incluía:

  • grandes avenidas
  • rúas ortogonais (en ángulo recto)
  • parques e espazos públicos
  • sumidoiros e catacumbas para retirar lixo e restos dos cemiterios

O resultado foi unha cidade completamente nova.
Só se conservaron os monumentos con valor histórico ou artístico.

Isto demostra que a conservación das zonas antigas das cidades, como Santiago ou Toledo, non sempre foi unha prioridade.

Un modelo inclusivo: o caso de Barcelona

Se en París decidiron derrubalo todo e volver construír por riba, en Barcelona a opción foi a de desenvolver un grande ensanche cun plano ortogonal ao redor da cidade vella. Deste modo conservaron a esencia da cidade antiga e conseguiron un espazo racional para facer crecer a cidade dun xeito ordenado. O ensanche de Barcelona coñécese tamén como "Plan Cerdá" debido ao enxeñeiro Ildefonso Cerdá, que foi a persoa encargada do seu proxecto. Como podedes ver neste plano, a cidade vella queda na esquina inferior esquerda e mantén o seu trazado irregular medieval. Aínda así, aparece atravesada por unha grande avenida horizontal e 3 perpendiculares, que serven para ordenar o tráfico. O resto do ensanche está planificado en bloques cuadrangulares en chafrán (coas esquinas recortadas), o que permitía mellorar o tráfico. A cuadrícula aparece cortada por dúas grandes diagonais, e no lugar no que se cruzan sitúase unha enorme praza. Como podedes ver, na parte superior do plano aparece o cemiterio, como xa se fixera en Londres ou París, e tamén aparecen as canalizacións da auga e as liñas de ferrocarril. Este tipo de ensanche popularizarase durante o século XIX e no século XX, con exemplos como Pamplona ou Madrid.

Plano orixinal do Plan Cerdá para Barcelona.

Lectura facilitada

En Barcelona decidiron unha opción diferente á de París.

Non derrubaron a cidade vella.
Construíron un grande ensanche arredor dela.

O ensanche foi deseñado por Ildefonso Cerdá.
Por iso se coñece como Plan Cerdá.

A cidade vella mantense na esquina inferior esquerda do plano,
co seu trazado medieval irregular.

A cidade vella está atravesada por:

  • unha grande avenida horizontal
  • tres avenidas perpendiculares para ordenar o tráfico

O resto do ensanche está formado por bloques cuadrangulares con chafrán (esquinas recortadas).
Isto mellora a circulación do tráfico.

Hai dúas grandes avenidas diagonais que se cruzan nunha enorme praza.

Na parte superior do plano aparecen:

  • o cemiterio
  • as canalizacións de auga
  • as liñas de ferrocarril

Este tipo de ensanche foi moi popular nos séculos XIX (dezanove) e XX (vinte).

Outras cidades que seguiron este modelo foron Pamplona e Madrid.

Tócavos a vós: deseñade unha cidade para o futuro.

Proxecto da cidade intelixente de Nansha, en China

Como vístedes neste percorrido pola historia das cidades, as urbes fóronse adaptando ás necesidades da xente que vive nelas. Dende o imperio romano ata a época industrial, as estruturas urbanas sufriron modificacións importantes que afectaron á súa forma e ao seu desenvolvemento: dende os acuedutos ás murallas medievais, ás estacións de ferrocarril e aos ensanches para dar cabida á poboación.

Hoxe en día cada vez máis xente vive nas cidades, chegando a cifras astronómicas como en Tokio (14,2 millóns de habitantes) ou Cidade de México (9,21 millóns). Ao igual que ocorre cos vosos teléfonos, hoxe xa se fala da necesidade de crear cidades intelixentes. Con todo o que isto supón para a habitabilidade e a loxística, cales pensades que poden ser as necesidades das cidades do futuro? Que elementos que hoxe nos parecen imposibles credes que formarán parte das urbes dentro de 100 ou 200 anos?

Lectura facilitada

Ao longo da historia, as cidades foron cambiando
para adaptarse ás necesidades das persoas.

Desde o Imperio romano ata a época industrial,
as cidades sufriron importantes transformacións.

Algúns exemplos son:

  • os acuedutos romanos
  • as murallas medievais
  • as estacións de ferrocarril
  • os ensanches das cidades

Estas obras permitiron mellorar a vida das persoas
e dar resposta ao aumento da poboación.

Hoxe en día, cada vez máis xente vive nas cidades.
Algunhas teñen millóns de habitantes, como Tokio ou Cidade de México.

Na actualidade xa se fala das cidades intelixentes.
Estas cidades empregan a tecnoloxía para mellorar os servizos e a calidade de vida.

Como pensades que serán as cidades do futuro?

Que necesidades terán?
Que elementos que hoxe parecen imposibles
credes que existirán dentro de 100 ou 200 anos?

Páxina 19 de 26

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)