3.1. Planificando un futuro mellor: a Axenda 2030

Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible

Nos últimos anos veriades ou escoitariades, nos medios de comunicación, multitude de noticias sobre catástrofes naturais (incendios, inundacións, dinas, …), crises hídricas (falta de auga nos vosos concellos, vilas e aldeas). Algo parece estar a cambiar no noso planeta!

No ano 2015, os gobernos de 193 países membros de Nacións Unidas (ONU) desenvolveron un plan de acción global para o desenvolvemento sostible no noso planeta. Falamos da Axenda 2030, que se estrutura en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) baixo o lema “non deixar a ninguén atrás”. O desafío deste plan é erradicar a pobreza e as desigualdades no mundo; reverter o cambio climático, ou polo menos frealo; asegurar a prosperidade, defender a paz e a xustiza de todos os seres humanos, en definitiva, protexer o planeta e procurar un novo contrato social global.

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ONU)
Táboa dos obxectivos do Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas para a Axenda 2030

Para que estes 17 obxectivos se convertan en realidade, é precisa a implicación dos gobernos (nacionais e locais), das empresas privadas, da sociedade civil e de todos e cada un de nós.

Lectura facilitada

Nos últimos anos vimos e escoitamos moitas noticias nos medios de comunicación.
Estas noticias falan de catástrofes naturais, como incendios ou inundacións.
Tamén falan de falta de auga en concellos, vilas e aldeas.

Todo isto indícanos que algo está a cambiar no noso planeta.

No ano 2015, os gobernos de 193 países que forman parte da ONU crearon un plan para coidar a Terra e ás persoas.
Este plan chámase Axenda 2030.

A Axenda 2030 ten 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
O seu lema é: “non deixar a ninguén atrás”.

Os obxectivos buscan:

  1. Acabar coa pobreza e coas desigualdades.
  2. Frear o cambio climático.
  3. Asegurar unha vida digna para todas as persoas.
  4. Defender a paz e a xustiza.
  5. Protexer o planeta.

Para que estes 17 obxectivos se cumpran, todas as persoas son importantes.
É necesaria a colaboración:

  • Dos gobernos.
  • Das empresas.
  • Das asociacións.
  • De cada unha de nós.

Unha axenda para non esquecer: "A Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible"

 

As Nacións Unidas publicaron este vídeo para dar a coñecer a importancia da Axenda 2030. Vainos servir para lembrar todo o que sabemos sobre a Axenda 2030 e os seus ODS.

No visionado, non esquezades prestar atención aos detalles importantes. Contestade ás cuestións formuladas!

com/watch?v=ZxlQEo7u1T0

Fotograma La Agenda 2030 y los Objetivos de Desarrollo Sostenible

Uns obxectivos moi vivos na nosa contorna? Que opinades?

Xa sabemos que os obxectivos da Axenda 2030 buscan un mundo máis xusto e próspero, para todos os habitantes do mundo, que deben protexer o seu planeta. Os obxectivos agrúpanse en diversas áreas:

  • A economía: a innovación, a industria e o traballo digno.
  • A xustiza social: a educación, a igualdade de xénero e a saúde.
  • A sostibilidade ambiental: o clima e os ecosistemas terrestres e mariños.
Representación artística do planeta terra

Imos organizar unha tarefa para revisar o noso compromiso co planeta! 

1.- Organizádevos en pequenos grupos (3 ou 4 compañeiros e compañeiras).

2.- Coa axuda da vosa profesora ou profesor, para non repetir obxectivo entre os grupos, escollede un dos obxectivos da Axenda 2030.

3.- Elaborade unha listaxe coas principais accións, que recoñecedes no voso centro e no voso concello, como logros na conquista do obxectivo escollido. Con 10 ou 15 minutos será dabondo para resolver esta cuestión.

Lectura facilitada

A Axenda 2030 propón medidas para construír un mundo mellor
para todas as persoas e para protexer o planeta.

Os seus obxectivos agrúpanse en tres grandes áreas:

  • Economía: traballo, industria e innovación.
  • Xustiza social: educación, igualdade e saúde.
  • Medio ambiente: protección do clima e dos ecosistemas.

Imos revisar o noso compromiso co planeta!

1. Organizádevos en grupos de 3 ou 4 persoas.

2. Escollede un dos obxectivos da Axenda 2030.
Coa axuda do profesorado, procurade que cada grupo traballe un obxectivo diferente.

3. Elaborade unha listaxe de accións que xa se realizan no voso centro
ou no voso concello relacionadas co obxectivo escollido.

Disporedes de 10 ou 15 minutos para facer a tarefa.

Páxina 12 de 26

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)