2.2. Ferramentas para estudar o noso planeta

 

Glosario

Anemómetro

Pictograma que representa un anemómetro

Definición:

Instrumento que mide a velocidade do vento en km/h.

Exemplo:

O anemómetro da estación meteorolóxica marcou fortes refachos de vento pola tarde.

Barómetro

Pictograma que representa un barómetro

Definición:

Aparello que mide a presión atmosférica. As súas unidades de medida son os milibares (mbar) ou hectopascais (hPa).

Exemplo:

O barómetro anunciou unha baixada de presión que indicaba a chegada dunha borrasca.

Cataventos

Pictograma que representa un catavento

Definición:

Instrumento que indica a dirección do vento, segundo os puntos cardinais (norte, sur, este e oeste).

Exemplo:

O cataventos xirou cara ao norte ao cambiar o vento repentinamente.

Estación meteorolóxica

Pictograma que representa unha estación meteorolóxica

Definición:

Conxunto de instrumentos que recollen, regularmente, datos (manual ou automaticamente), sobre o tempo atmosférico. Os datos recollidos permiten a elaboración de predicións meteorolóxicas ou para estudos climáticos.

Exemplo:

A estación meteorolóxica do centro mide a temperatura, o vento e a humidade.

Higrómetro

Pictograma que representa un higrómetro

Definición:

Aparello que mide a humidade do aire en porcentaxes de vapor de auga.

Exemplo:

O higrómetro indicaba un 90 % de humidade durante a treboada.

Piranómetro

Fotografía dun piranómetro

Definición:

Instrumentos que miden a radiación solar que chega á superficie terrestre en watts por metro cadrado (W/m²).

Exemplo:

O piranómetro rexistrou un aumento de radiación ao mediodía.

Radiosonda

Pictograma que representa unha radiosonda

Definición:

Pequeno dispositivo que se eleva con balóns meteorolóxicos para medir temperatura, presión e humidade en altura.

Exemplo:

A radiosonda enviou datos da atmosfera ata máis de 20 km de altitude.

Sismógrafo

Fotografía dun sismógrafo

Definición:

Aparello que rexistra os movementos da cortiza terrestre, especialmente terremotos e erupcións, mediante un sensor chamado sismómetro. Produce un gráfico chamado sismograma.

Exemplo:

O sismógrafo detectou un pequeno tremor durante a madrugada.

Sistemas de información xeográfica (SIX)

Imaxe cun envorcado de pantalla dun SIX

Definición:

Programas que permiten analizar, representar e interpretar datos xeográficos mediante mapas dixitais.

Exemplo:

O SIX permitiu analizar as zonas afectadas polo incendio forestal.

Sonar

Ilustración dun barco detectando un submarino por medio dun sonar

Definición:

Acrónimo de "SOund NAvigation And Ranging". Dispositivo que usa ondas sonoras para medir profundidades e detectar obxectos baixo a auga.

Exemplo:

O sonar do barco localizou un banco de peixes a varios metros de profundidade.

Teodolito

Debuxo dunha persoa empregando un teodolito

Definición:

Instrumento de precisión, montado habitualmente sobre un trípode, que permite medir ángulos horizontais e verticais en topografía. Na enxeñería civil e na construción determina puntos e calcula distancias.

Exemplo:

O equipo de xeógrafos empregou un teodolito para medir o desnivel do terreo.

Un planeta moi fotografado

Científico realizando unhas medidas entre capas

Seguro que todos xogastes de cativas e de cativos ao "vexo, vexo". Propoñémosvos que durante uns minutos o fagades na vosa clase buscando obxectos que sexan "Ferramentas de uso frecuente nas ciencias que estudan a terra". Seguro que o resultado sería sorprendente: mapas, globos terráqueos, estacións meteorolóxicas (termómetros, barómetros, anemómetros, cataventos, piranómetros, higrómetros...), medidores de CO2 etc.

Moitas son as ferramentas que nos axudan a coñecer a terra, ademais das antes mencionadas, e que permiten obter datos fiables: sistemas de información xeográfica (SIX), sismógrafos, imaxes de satélite, software de análise e modelos informáticos, sonares, radiosondas, mostraxe de materiais (rochas, terras...), cintas métricas, teodolitos e un longo etc. 

Imos aproveitar algunhas delas para lembrar o aprendido ata agora sobre o medio natural e a evolución da poboación na terra.

Lectura facilitada

Existen moitas ferramentas que nos axudan a coñecer a Terra.

Algunhas son moi coñecidas:

  • mapas
  • globos terráqueos
  • estacións meteorolóxicas (termómetros, barómetros, anemómetros, cataventos, piranómetros ou higrómetros)
  • medidores de CO₂

Outras ferramentas permiten obter datos máis precisos sobre o planeta:

  • sistemas de información xeográfica (SIX)
  • sismógrafos
  • imaxes de satélite
  • software de análise e modelos informáticos
  • sonares
  • radiosondas
  • mostraxe de materiais (rochas e terras)
  • cintas métricas
  • teodolitos
  • etc

Páxina 8 de 26

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)