2.1. A Terra está en perigo: emerxencia climática!
Glosario
Combustible fósil
Definición:
Fonte de enerxía non renovable, como o petróleo, o gas ou o carbón, que procede da descomposición de restos orgánicos animais ou vexetais ao longo de millóns de anos.
Exemplo:
O carbón foi o combustible fósil máis empregado na primeira fase da Revolución Industrial.
Consumismo
Definición:
Tendencia a mercar e consumir bens e servizos de forma excesiva e innecesaria, impulsada pola publicidade e polo desexo de posuír.
Exemplo:
O consumismo leva a mercar produtos que non son realmente necesarios.
Efecto invernadoiro
Definición:
Proceso polo cal determinados gases da atmosfera reteñen a calor do Sol, aumentando a temperatura da Terra.
Exemplo:
O aumento do efecto invernadoiro está relacionado co uso intensivo de combustibles fósiles.
O século negro: unha paréntese no uso de enerxías renovables
Pozos de petróleo en California (1915)
A Revolución Industrial, iniciada na era contemporánea, é o punto de partida do cambio climático actual. Este novo xeito de entender a produción industrial alterou o equilibrio do planeta, de forma significativa, por mor do aumento progresivo da poboación e da actividade humana. A orixe está no aumento de emisións de gases de efecto invernadoiro xeradas pola queima de combustibles fósiles.
A industrialización, iniciada no século XVIII supuxo un aumento da demanda de enerxía. As fontes de enerxía renovables empregadas naquel momento non eran capaces de abastecer ese aumento, polo que comeza a súa substitución por enerxías non renovables como o carbón.
Os últimos 100 anos da nosa historia estiveron dominados polo uso do petróleo, tanto como fonte de enerxía como materia prima para a fabricación de plásticos. O uso masivo de petróleo impoñerase por motivos económicos pois, aparentemente, era máis barato que as fontes de enerxía tradicionais. Non se tiñan en conta outros custos, máis importantes dende unha ollada actual:
A contaminación atmosférica, causante de múltiples enfermidades.
A destrución do medio natural e do patrimonio.
A ruptura na transmisión do saber tradicional e da súa conservación.
O espolio dos recursos nos países produtores, en detrimento da súa poboación nativa.
O uso do petróleo xerou un aumento sen precedentes do dióxido de carbono (CO2) atmosférico. Hoxe sabemos que o seu uso xerou un ataque sen precedentes á ecoloxía da terra, un proceso que puxo as bases do cambio climático. Nas nosas mans está corrixir este proceso, antes de que as súas consecuencias sexan irreversibles.
Lectura facilitada
A Revolución Industrial iníciase no século XVIII (dezaoito), na era contemporánea.
O punto de partida do cambio climático é a Revolución Industrial ao aumentar a actividade humana.
A industria usaba enerxías non renovables como o carbón e o petróleo.
O uso na industria de combustibles fósiles provocou a emisión de gases de efecto invernadoiro
O petróleo servía de fonte de enerxía e de materia prima para fabricar plásticos.
Esta fonte de enerxía era máis barata que outras pero non se tiña en conta:
A contaminación atmosférica que provoca enfermidades.
A destrución do medio natural e do patrimonio.
A ruptura na transmisión do saber tradicional e da súa conservación.
O espolio dos recursos nos países produtores, en detrimento da súa poboación nativa.
Na atmosfera aumentou o dióxido de carbono (CO2) atmosférico. O seu aumento é o punto de partida do cambio climático.