1.1. "Sal-bando" Aldea Vella

Un bando municipal para salvar Aldea Vella

Ao chegar a Aldea Vella atopades os veciños e as veciñas reunidos na praza da vila, ao redor da súa alcadesa Maruxa, que é a persoa máis nova do lugar, o resto dos habitantes superan cumpridamente os 65 anos. 

Todas e todos están moi preocupados pola vaga de lumes deste ano, aínda que, a súa aldea salvouse dos incendios, a veciñanza quere buscar solucións para evitar que lles pase ningunha desgraza no futuro. Son maiores, son poucos, e pensan que non saberían moi ben que facer no caso de que lles afectase unha situación coma a deste ano.

Entre todas e todos, chegan á conclusión de que precisan de axuda para redactar un bando municipal no que se informe a veciñanza, e incluso a vilas veciñas, de que medidas deben adoptar para evitar futuros incendios.

Xa que chegastes nun momento tan importante para a aldea, por que non axudalos a redactar e a publicar o bando para tentar salvar a súa aldea de futuros lumes?. Unha ollada desde fóra da aldea, pode achegar unha visión máis precisa dos problemas que ten este núcleo rural, que está sendo afectado polo despoboamento e o abandono do monte. Aldea Vella confía en vos para buscar unha solución!

Lectura facilitada

Chegades a Aldea Vella.
Na praza da vila hai xente reunida.

Está alí a alcaldesa, Maruxa.
Ela é a persoa máis nova da aldea.
A maioría da xente ten máis de 65 anos.

Todas e todos están preocupados polos incendios.
Este ano a aldea non ardeu,
pero teñen medo de que pase no futuro.

Hai pouca xente e son maiores.
Pensan que, se hai un lume, non saberían que facer.

Por iso deciden pedir axuda.
Queren escribir un bando municipal.
Nese bando explicarán como evitar incendios.
Queren informar a veciñanza e as aldeas próximas.

Vós chegades nun momento importante.
A vosa axuda pode marcar a diferenza.
Desde fóra vedes mellor os problemas da aldea,
como o abandono do monte e a falta de poboación.

Aldea Vella confía en vós para buscar unha solución.

Traballando nesta unidade aprenderás

Para axudar a comunidade de Aldea-Vella, faredes unha investigación e análise para salvar a esta aldea do abandono. Proporedes solucións, que estarán rexistradas no bando municipal, para protexer a aldea.

Os obxectivos do reto son a comprensión das relacións existentes entre a natureza e a sociedade, a pegada humana no medio e na vosa contorna próxima (desde o voso concello ata o planeta), coñecendo o espazo natural e rural, así como analizar as formas de poboamento e a súa transformación, no noso tempo.

Superado o reto, poderás: 

  • Entender o funcionamento do modelo de consumo na nosa contorna (Galicia, España e Europa).
  • Entender os principais problemas medioambientais derivados do cambio climático.
  • Coñecer as características do sector primario en Galicia, e as súas opcións de futuro.
  • Comprender a evolución da poboación europea, española e galega, con especial énfase no rural galego.
  • Identificar os principais retos demográficos e económicos actuais no mundo rural.

Lectura facilitada

Para axudar a comunidade de Aldea Vella,
faredes unha pequena investigación.

Observaredes os problemas da aldea.
Pensaredes como evitar o abandono.

Logo, propoñeredes solucións.
Estas solucións escribiranse nun bando municipal.
O obxectivo é protexer a aldea e a súa contorna.

Obxectivos do reto. 

  • Entender a relación entre a natureza e as persoas.
  • Comprender como a actividade humana cambia o medio.
  • Coñecer o espazo natural e o espazo rural.
  • Analizar como viven as persoas
    e como cambiou o poboamento co tempo
  • Todo isto desde o máis próximo,
    o voso concello,
    ata o mundo enteiro.


Cando rematedes o reto, seredes quen de:

  • Entender como funciona o consumo na nosa sociedade.
  • Coñecer os principais problemas do cambio climático.
  • Identificar as características do sector primario en Galicia.
  • Comprender como cambia a poboación en Europa, España e Galicia.
  • Recoñecer os principais retos do mundo rural actual.

A túa pegada nun diario

Icona representativa do Diario de aprendizaxe do proxecto cREAgalAccede ao teu diario de aprendizaxe e reflexiona: 

  • Que recordos tes da vaga de incendios de 2025 en Galicia? A túa zona/concello/bisbarra resultou afectada?
  • Cales pensas que poderían ser as causas destes lumes? Poderían estar relacionadas coa situación do rural?
  • Que medidas pensas que son precisas para que non se repitan estas situacións? É reversible a situación do rural galego?

Páxina 3 de 26

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)