3.3. A conquista e integración de Hispania e a "Gallaecia"

 

Glosario

Cultura castrexa

Pictograma dunha choza

Definición:

Cultura arqueolóxica do noroeste da Península Ibérica que abranguía as rexións de Galicia, Asturias, norte e centro de Portugal e oeste de León que durou dende os séculos XI ata o I a. C., asociada cos pobos galaicos e ástures.

Exemplo:

Os castros son a manifestación cultural máis importante da cultura castrexa.

Pax romana

Pictograma dunha deusa romana

Definición:

Período duns 200 anos de historia romana que se identifica como unha idade dourada do seu imperio, por mor da paz e a orde, a estabilidade próspera, o poder hexemónico e o dominio rexional por todo o mar Mediterráneo.

Exemplo:

A pax romana durou 200 anos.

Provincia

Pictograma de Ourense

Definición:

Subdivisións territoriais fóra da Península Itálica que tiñan unha organización regular e estaba baixo a administración romana.

Exemplo:

A Gallaecia foi unha provincia de Roma.

Romanización

Pictograma da Lingua latina

Definición:

Proceso de asimilación da cultura latina nos pobos baixo o Imperio romano e posteriormente a transformación daqueles.

Exemplo:

A lingua galega é froito da romanización.

Antes de Roma: os pobos prerromanos

Antes da chegada dos romanos, a Península Ibérica xa estaba habitada por diferentes pobos, coñecidos como prerromanos. Estes grupos foron medrando e cambiando grazas ao contacto con outros pobos que viñeron de fóra, como os celtas (do centro de Europa), os fenicios e os gregos (do Mediterráneo oriental). Máis adiante chegaron os cartaxineses e despois os romanos, que organizaron o territorio e impuxeron as súas leis. Tras o Imperio Romano, os visigodos ocuparon gran parte da península. Durante o primeiro milenio antes de Cristo, producíronse moitos cambios e apareceron distintas culturas en diferentes zonas da Península Ibérica.

Tartesos

Un antigo pobo habitou o suroeste da Península Ibérica entre o 1000 e o 500 a.C., en zonas de Andalucía occidental e Extremadura. Aínda que non se atoparon cidades, descubríronse tesouros de ouro e prata, como os de El Carambolo e Aliseda. Vivían da agricultura e da minería, xa que a zona era rica en metais. Tamén comerciaban con gregos e fenicios. A sociedade estaba dirixida por unha aristocracia e mesmo existiu un rei chamado Argantonio. Coñecían a escritura. Esta cultura desapareceu no século VI a.C., posiblemente pola perda dos recursos ou pola chegada dos cartaxineses.

Mapa de Tartessos na 1ª metade do Iº Milenio a. C.
Mapa de Tartessos na 1ª metade do Iº Milenio a.C.

A Cultura ibera

A cultura ibérica reflicte o impacto fenicio, grego e tartésico sobre o substrato indíxena. Desenvolveuse a partir do século VI a. C. na zona costeira do sur e leste peninsular, penetrando cara o interior polo val do río Ebro. Estaba formada por un conxunto de pobos independentes (laietanos, edetanos, turdetanos...) pero que mantiñan trazos culturais e idiomáticos semellantes. Nos seus poboados vivían hábiles artesáns e artesás e agricultores e agricultoras, usaban a moeda e a escritura, e a sociedade estaba xerarquizada. Ademais de restos de poboados, conservamos fermosas esculturas relacionadas con ritos funerarios e relixiosos (dama de Elche, dama de Baza, figuras do santuario do Cerro dos Santos...). Sobre estes pobos caeu no 218 a. C. a poboación romana.

Mapa cos pobos prerromanos da Península Ibérica. En verde e amarelo, os pobos iberos
Mapa cos pobos prerromanos da Península Ibérica

A cultura celtibera

As zonas da meseta e do norte da Península tiñan unas características diferentes á do Mediterráneo. A poboación lusitana e a celtibera (poboación vaccea, vetona...) eran os máis importantes pobos do centro e do oeste. Estaban organizados en tribos que tiñan como base económica a gandería, especialmente as ovellas, as cabras e os cabalos.

A cultura céltica e celtibera sitúase no interior peninsular. A poboación celta principalmente na parte oeste das dúas submesetas e a poboación celtibera na parte oriental da meseta norte. Desenvolveron unha agricultura agropecuaria e fabricaban instrumentos e armas de ferro e bronce. Falaban un idioma indoeuropeo pero non coñecían nin a moeda nin a escritura.

Pobos prerromanos da Península Ibérica. En azul e azul escuro, os pobos celtiberos
Mapa cos pobos prerromanos da Península Ibérica

A cultura castrexa

A cultura castrexa comezou no s. VIII e chegou ao seu apoxeo a finais do primeiro milenio a. C., convivindo co proceso de romanización ata que desapareceu absorbida pola civilización romana. Foi o resultado da fusión das tradicións autóctonas coas achegas de pobos celtas chegados desde Centroeuropa. Esta cultura se estendeu máis alá dos límites actuais de Galicia, por Asturias, León, Zamora e norte de Portugal.

Mapa da cultura castrexa
Mapa da cultura castrexa

O que máis destaca desta cultura son os seus poboados, os castros. Téñense catalogado máis de 2.000 en todo o territorio galego. O castro é un recinto fortificado, como o demostran a súa situación e as murallas que o rodean, pero tamén un lugar para vivir, onde se atopan casas de formas variadas, aínda que predominan as circulares. As cubertas das casas eran de palla e ramas, semellantes ás pallozas que se conservan nos Ancares. Os materiais utilizados eran a terra, os ramallos, a palla, a madeira e a pedra. Uns castros son pequenos (como Castrolandín en Cuntis), pero outros son de grandes dimensións (Sta. Tegra, S. Cibrán de Las, Briteiros ou S. Millán).

A economía baseábase na agricultura cerealística (millo miúdo e trigo), nas plantas leguminosas (fabas) e na gandería (ovellas, porcos, cabalos, vacas...). Tamén se practicaba a caza, a pesca e o marisqueo, ademais de extraer importantes cantidades de minerais: estaño, ferro, chumbo e metais preciosos, como o ouro, cos que comerciaban seguindo o sistema de troco. Era unha sociedade belicosa e con signos de xerarquía, segundo se deduce das ricas xoias que aparecen e das esculturas das persoas guerreiras. Suponse que habería unha minoría dirixente, militarizada e posuidora de riquezas.

Poboación fenicia, grega e cartaxinesa

No sur da Península se estableceron pobos orixinarios do Mediterráneo oriental (fenicios, gregos e cartaxineses) que estableceron postos comerciais. Era un lugar especialmente importante grazas aos seus minerais, como o ouro, a prata e o cobre. Formaba parte da chamada "ruta do estaño", que chegaba ata as illas británicas a través do Atlántico.

Rutas comerciais fenicias ata Iberia
Rutas comerciais fenicias ata Iberia

A poboación grega na Península Ibérica

As polis gregas estableceron colonias no leste da Península, no que hoxe é territorio das comunidades autónomas de Cataluña e Valencia. As principais colonias gregas foron Emporium (Ampurias) e Roses, ambas en Xirona.

Mapa das colonizacións gregas
Mapa das colonizacións gregas

A poboación cartaxinesa

Cartago fundou as súas colonias no sur peninsular. Xunto con Ebusus (Eivisa) e Villaricos (Almería), a principal foi Carthago Nova (Cartaxena), que se compertiría na capital do imperio da familia dos Barca (Amílcar, Asdrúbal e Aníbal) e dende a que esta familia se enfrontará con Roma nas Guerras Púnicas.

O Imperio púnico en Iberia
O Imperio púnico en Iberia

Lectura facilitada

A Península Ibérica xa estaba habitada antes da chegada da poboación romana.

Coñecemos a esas comunidades como pobos prerromanos.

Os primeiros foron os pobos celtas, procedentes do centro de Europa.

Logo os pobos fenicios e os gregos, procedentes do leste do Mediterráneo.

A eses primeiros pobos colonizadores seguíronlles os pobos cartaxineses e romanos.

Estes últimos organizaron política e administrativamente o territorio,

ata que outro pobo invasor, o visigodo, fíxose co control de boa parte da Península Ibérica.

Unha breve introdución á dominación romana

En 226 a. C., Roma e Cartago firmaron o Tratado do Ebro, dividindo as súas áreas de influencia, polo que quedaban establecidas as zonas de influencia das dúas potencias: Roma, ó norte do Ebro; Cartago, ó sur. O ataque de Aníbal a Sagunto (219 a. C.), aínda que se atopaba no sur do Ebro, foi a causa do inicio da II Guerra Púnica. No ano 218 a. C. as lexións romanas desembarcaron en Empuries.

“Por aquela época, Asdrúbal [...], actuando dun modo intelixente, facía en todo grandes avances [...]. Os romanos, ao ver que o poderío dos cartaxineses era cada vez maior, decidiron intervir nos asuntos de Iberia. Déronse conta que se tiñan durmido nos tempos anteriores e que permitiran aos cartaxineses constituír nunha gran potencia [...]. Enviaron embaixadores a Asdrúbal para asinar un acordo no que, sen citar o resto de Hispania, se dicía que os cartaxineses non podían atravesar o río Ebro con fins bélicos.”

Polibio (s. II a. C.)

 Desde ese momento pasaron 200 anos ata que a poboación romana controlaron toda a Península. Esta conquista durará ao redor de 2 séculos e podemos distinguir 3 fases:

1ª fase (218-206 a. C.) As guerras púnicas: para frear o avance cartaxinés (onde Aníbal, partindo da península Ibérica pretende invadir Roma) os romanos Publio e Cneo Escipión, desembarcaron en Emporion (colonia grega aliada da poboación romana) para cortar na retagarda os subministros que, procedentes da Península, eran enviados polo xeneral cartaxinés. Despois de 12 anos de loita, cara o 206 a. C., os romanos expulsaron aos cartaxineses da Península e ocuparon a franxa mediterránea e o val do Guadalquivir.

2ª fase (197-133 a. C.) As guerras celtíberas: ampliación da área cara ao interior peninsular, coas campañas de Catón e Sempronio Graco, e logo avance sobre a Meseta e o litoral atlántico. A poboación romana venceu á lusitana, dirixida por Viriato, e á celtibera que resistía tenazmente en Numancia.

3ª fase (29-19 a. C.) As guerras cántabras: dominio do norte peninsular derrotando a poboación cántabra, ástur e galaica; na campaña actuou o emperador Augusto. O Noroeste foi denominado Gallaecia (nome romano que logo serviu para denominar á provincia que abranguía o territorio do NO peninsular) dende Augusto, aínda que xa antes fixeran varias expedicións de castigo a este territorio (como a de Décimo Xunio Bruto ao cruza o río Miño e o Limia –Lethes- ou a de Xulio César no ano 61 a. C. ao Golfo Ártabro –Coruña- coas súas naves provenientes de Cádiz). A conquista foi difícil e a resistencia simbolizouse na mítica batalla do Monte Medulio.

Lectura facilitada

A conquista romana da Península Ibérica durou 200 anos e divídese en tres fases:

► 1ª fase (218-206 a. C.) As guerras púnicas entre Roma e Cartago.
► 2ª fase (197-133 a. C.) As guerras celtiberas conquistando o interior da Península Ibérica
► 3ª fase (29-19 a. C.) As guerras cántabras tralas que Roma domina o norte peninsular.

A organización do territorio

A división provincial romana da Península Ibérica cambiou ao longo do tempo para mellorar a administración e o control do territorio conquistado. Inicialmente, a Península dividiuse en dúas provincias: Hispania Citerior (capital en Tarraco) e Hispania Ulterior (capital en Cartago Nova e logo en Corduba). Baixo o emperador Augusto, a finais do século I a. C., establecéronse as provincias que duraron ata o século III d. C. Cada provincia tiña unha persoa gobernadora e lexións para a defensa. As provincias dividíanse en conventus xurídicos para administrar xustiza, e as cidades tiñan autonomía financeira e política.

Aquí tes unha breve descrición das principais etapas da división provincial:

A división romana da Península

1. A primeira división romana da Península (s. II a. C. - I a. C.):

  • Hispania Citerior: situada no leste e nordeste da península, incluía a área ao redor do río Ebro.
  • Hispania Ulterior: situada no sur e oeste, incluía gran parte de Andalucía actual.
Hispania primeira división provincial
1a división provincial romana

2. A organización provincial de Augusto (s. I a. C. - III d. C):

Reorganización baixo Augusto (século I a. C.):

  • Hispania tarraconense: a provincia máis grande, abarcando o norte, centro e leste da península. A súa capital era Tarraco (hoxe Tarragona).
  • Hispania bética: situada no sur, con capital en Corduba (hoxe Córdoba). Era unha das provincias máis ricas e urbanizadas.
  • Hispania lusitana: situada no oeste, aproximadamente onde hoxe está Portugal e parte de España. A súa capital era Emerita Augusta (hoxe Mérida).
A división provincial de Augusto
A división provincial de Augusto

3. A reforma provincial do Baixo Imperio (s. III d. C. - V d. C):

Durante o reinado do emperador Diocleciano, no século III d. C., a división provincial do Imperio romano foi reformada para mellorar a administración e a seguridade. Diocleciano creou unha nova organización administrativa chamada "Tetrarquía", dividindo o imperio en catro partes gobernadas por dous emperadores principais (Augustos) e dous emperadores secundarios (Césares).

Na Península Ibérica, a división provincial baixo Diocleciano quedou así:

  • Hispania tarraconense: continuou a ser a provincia máis grande, situada no norte e leste da península, con capital en Tarraco (Tarragona).
  • Hispania bética: situada no sur, a súa capital seguía sendo Corduba (Córdoba).
  • Lusitania: situada no oeste, aproximadamente onde hoxe está Portugal e parte de España, con capital en Emerita Augusta (Mérida).
  • Cartaxinense: creada a partir da parte oriental da Tarraconense, a súa capital era Carthago Nova (Cartagena).
  • Gallaecia: nova provincia creada no noroeste, que incluía as actuais Galicia e o norte de Portugal, con capital en Bracara Augusta (Braga).
  • Ademais, a Península Ibérica estaba incluída na "Diocese de Hispania", que tamén abarcaba as Illas Baleares e parte do norte de África. Esta nova división fixo a administración máis eficiente, con máis gobernadores supervisando áreas máis pequenas, o que permitiu unha mellor recadación de impostos, maior seguridade e un control máis efectivo sobre o territorio.
División provincial de Diocleciano
División provincial de Diocleciano

Lectura facilitada

No século II a. C. Roma divide a Hispania en dúas provincias:

  • Hispania Citerior.
  • Hispania Ulterior.

A organización provincial de Augusto dividirá Hispania en tres provincias ata o século III d. C.:

  • Tarraconense.
  • Bética.
  • Lusitana.

Finalmente durante o Baixo Imperio Hispania dividirase en:

  • Hispania bética.
  • Lusitania.
  • Hispania tarraconense.
  • Cartaxinense.
  • Gallaecia.

A conquista e romanización da "Gallaecia"

Gallaecia (nome romano da provincia que abranguía o territorio do NO peninsular) foi dominada en tempos de Augusto, despois das chamadas Guerras Cántabras (29-19 a. C.), aínda que xa antes fixeran varias expedicións de castigo a este territorio. A conquista foi difícil e a resistencia simbolizouse na mítica batalla do monte Medulio.

“(...) Ao final, tivo lugar o acoso do monte Medulio, ó que se cercou cun foxo continuo de quince millas para conquistalo, avanzando o romano por todas partes ó mesmo tempo. Logo de que os bárbaros ven que o fin é chegado, entre festas, déronse morte con lume, espada e veleno que alí extrae a xente dos teixos, e a meirande parte librouse da cautividade, que lles parece peor que a morte ós que ata ese momento non foran dominados”.

Floro

O  territorio  denominado Gallaecia tiña unhas dimensións maiores cás da Galicia actual e foi organizado e dividido en tres conventus ou distritos con capitais en Lucus Augusti (Lugo), Astúrica Augusta (Astorga) e Brácara Augusta (Braga). Gallaecia non foi provincia romana ata o século III d. C., aínda que sempre foi un territorio individualizado da provincia Tarraconense. Entre as  distintas cidades construíronse vías para permitir a circulación de mercadorías.

A razón básica do establecemento da poboación romana foi a súa riqueza mineira (ouro, estaño, chumbo...) que se explotaba derrubando montañas (Médulas) ou desviando ríos (Montefurado).

Ademais da organización política e do sistema viario, a poboación romana fundou un sistema urbano que substituíu aos asentamentos castrexos, aínda que estes mantivéronse longo tempo. No económico transformouse a agricultura coa introdución de novos cultivos (viño, trigo, froiteiras), mellores técnicas (arado, hórreo) e a fundación de vilas (explotacións agrícolas sedentarias con gran terreo e pequeno núcleo urbano, antecedentes das aldeas).

A partir do s. III difundiuse o cristianismo, de xeito especialmente intenso nas áreas urbanas e cun protagonismo destacado da herexía priscilianista. Ademais de Prisciliano destacou a monxa Exeria, que chegou a viaxar ata Palestina.

A orixe da Gallaecia

No tempo dos romanos, chamábase Gallaecia ao territorio que estaba no noroeste da península ibérica. Esta provincia incluía lugares que hoxe coñecemos como Galicia, o norte de Portugal, e partes de León, Zamora e Asturias. Alí vivían varios pobos antigos de orixe indoeuropea que falaban linguas célticas. Os que estaban máis ao oeste chamábanse galaicos, e os que vivían máis ao leste eran os astures.

Vivenda castrexa da poboación galaica
Debuxo dunha vivenda castrexa da poboación galaica

A cultura castrexa

A cultura castrexa é unha cultura arqueolóxica do noroeste da Península Ibérica que abranguía as rexións de Galicia, Asturias, norte e centro de Portugal e oeste de León que durou dende os séculos XI ou VI a. C. ata a romanización dos galaicos cara o século I. É a cultura arqueolóxica asociada cos pobos galaicos e ástures.

A manifestación máis característica desta cultura é o castro (do latín castrum do que toma o nome), as súas oppidum amuralladas e a produción de espadas, machadas, torques e outros bens de bronce xa dende a Idade do Bronce Atlántico. A área cultural estendíase cara ao leste ata o río Cares e cara ao sur ata o baixo val do río Douro, tendo como núcleo os vales do río Ave, do río Limia e do río Miño.

Os inicios desta cultura remóntanse aos dous primeiros séculos do primeiro milenio a. C., na rexión que se estende dende o río Douro ata o Miño, pero pronto se expande ao norte pola costa, e ao leste seguindo os vales fluviais, chegando ás cordilleiras montañosas que separan a costa atlántica da Meseta Central. Foi o resultado da evolución autónoma das comunidades da Idade do Bronce Atlántico, tralo colapso local da rede atlántica de intercambio de produtos de prestixio.


Unha sociedade guerreira? 

As murallas dos castros, as numerosas espadas e puñais de antenas atopados nelas, e as estatuas de guerreiros atopadas nos castros da cultura castrexa fannos pensar que a sociedade castrexa era unha sociedade guerreira ou ao menos, que contaba con xente especializada na violencia. Estas persoas guerreiras poder ser interpretadas tamén como nobres de prestixio ou deuses e deusas. É posíbel que estas esculturas fosen creadas para colocarse sobre un túmulo funerario, simbolizando un heroe, unha heroína ou persoeiro nobre, seguindo a tradición céltica indoeuropea. De feito, presentan unha clara semellanza coas esculturas celtas da Europa central.

Espadas de antenas
Fotografía de espadas de antenas
Casco de Leiro
Fotografía do casco de Leiro
Torques de Burela
Fotografía de torques de Burela
Estatuas de guerreiros galaicos
Estatuas de guerreiros galaicos

A integración romana da Gallaecia

Xa no século IV, Gallaecia ampliouse para ocupar todo o norte da península Ibérica, engadindo o antigo conventus Cluniensis á súa extensión. Antes diso, cando Diocleciano reorganizou o territorio en novas zonas administrativas, Gallaecia estaba formada polos conventos de Lucensis, Bracarensis e Asturicensis, despois de que os romanos completasen a súa conquista.

A Gallaecia romana
A Gallaecia romana

Lectura facilitada

O  territorio denominado Gallaecia tiña unhas dimensións maiores cás da Galicia actual

e foi organizado e dividido en tres conventus ou distritos con capitais en

Lucus Augusti (Lugo), Astúrica Augusta (Astorga) e Brácara Augusta (Braga).

A razón básica do establecemento da poboación romana foi

a súa riqueza mineira (ouro, estaño, chumbo...) que se explotaba

derrubando montañas (Médulas) ou desviando ríos (Montefurado).

Ademais da organización política e do sistema viario,

a poboación romana fundou un sistema urbano que substituíu aos asentamentos castrexos,

aínda que estes mantivéronse longo tempo.

No económico transformouse a agricultura coa introdución de novos cultivos (viño, trigo, froiteiras),

mellores técnicas (arado, hórreo) e a fundación de vilas.

Para saber máis da poboación

A orixe da poboación Gallaica

No noroeste da península ibérica vivían, antes e durante o Imperio Romano, uns pobos chamados galaicos. A súa lingua e cultura eran celtas ou mesturadas con tradicións de pobos locais.

Cando o Imperio Romano estaba a piques de rematar, o nome gallaecus empezou a usarse para todas as persoas que vivían en Gallaecia e Galicia. Estes pobos ocupaban case toda Galicia, excepto algunhas zonas de Ourense, como Valdeorras e Trives, e parte dos Ancares en Lugo. Ao leste chegaban ata Asturias, fronte ao río Navia, e ao sur ocupaban o norte de Portugal ata o río Douro, xunto cos lusitanos.

Os callaeci na Península Ibérica
Mapa dos callaeci na Península Ibérica

Unha primeira conquista antes das Guerras Cántabras?

No século II a. C., Roma enviou a Décimo Xuño Bruto para frear os ataques dos lusitanos liderados por Viriato. Avanzou polos ríos Teixo e Douro, sometendo aos pobos que atopaba no camiño. Para tranquilizar aos seus soldados, cruzou primeiro o río Lethes (hoxe Límia) co estandarte na man, e chamounos un por un polo seu nome para demostrar que non perdera a memoria.

Xa máis alá do Lethes e do río Minius (Miño), Bruto enfrontouse aos galaicos, vencendo 50.000 persoas e capturando 6.000, mentres o resto fuxiu. Tras esta vitoria, regresou á provincia Citerior Terraconense e logo a Roma, onde construíu un templo. No ano 36 a. C., o Senado romano concedéulle o título de Callaicus.

As incursións romanas na Gallaecia
Mapa das incursións romanas na Gallaecia

A Pax Romana

A Pax Romana (literalmente "Paz Romana") refírese a un período de estabilidade e prosperidade relativa no Imperio romano que durou aproximadamente 200 anos, desde o reinado de Augusto (27 a. C. - 14 d. C.) ata o de Marco Aurelio (161 - 180 d. C.). Este período é notable pola ausencia de grandes conflitos militares dentro das fronteiras do Imperio e polo desenvolvemento económico, cultural e administrativo.

Foi imposta por Augusto despois de vencer nas Guerras Cántabras (29 a. C. - 19 a. C.) pechando as portas do Templo de Marte (deus da guerra) e dando por finalizadas as conquistas e as guerras civís.

A Pax asentouse no goberno centralizado do Emperador dende Roma, as lexións que controlaban o territorio con fronteiras ben fortificadas, os legados augustos que rexían as provincias e a imposición de tributos ás civitates para asentar o desenvolvemento do Imperio, a moeda e o idioma único e unha relixión sincrética (asimilaba os deuses e as deusas locais aos deuses grecolatinos e ás deusas grecolatinas) e común a todo o Imperio.

Máxima extensión da Pax Romana s.II d. C.
Mapa da máxima extensión da Pax Romana s.II d. C.

A Pax Romana deixou un legado duradeiro na historia da civilización occidental. Facilitou a difusión da cultura romana, o latín e as ideas romanas en gran parte de Europa, o Mediterráneo e máis alá. Este período de paz tamén permitiu que o cristianismo se espallase pola rexión, unha relixión que máis tarde sería adoptada oficialmente polo Imperio.

Lectura facilitada

A Pax Romana significa “Paz Romana” e foi un período de tranquilidade e prosperidade no Imperio Romano.
Durou uns 200 anos, desde Augusto (27 a. C.) ata Marco Aurelio (180 d. C.).

Durante este tempo non houbo grandes guerras internas, o que permitiu o crecemento económico, cultural e político.

A paz foi posible grazas a:

  1. Un goberno forte e centralizado en Roma.
  2. Un exército organizado que vixiaba as fronteiras.
  3. Un sistema común de leis, moeda e lingua (latín).
  4. Unha relixión compartida, que unía diferentes pobos do Imperio.

A Pax Romana deixou un gran legado:
permitiu espallar a cultura romana, o latín e tamén o cristianismo, que máis tarde sería a relixión oficial do Imperio.

Páxina 12 de 36

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)